Arquivo da etiqueta: Declaración Universal dos Dereitos Humanos

MENSAXE DE SARAMAGO AO ANIVERSARIO DA DECLARACION DE DEREITOS HUMANOS CELEBRADO NA HABANA

José Saramago enviou para a celebración do 60 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos celebrada na Habana, un comentario escrito no que di que “os dereitos humanos están mortos no mundo enteiro” .

O Premio Nobel de Literatura fai unha salvedade “Polo menos en Cuba nunca nada está morto”.

José Saramago
José Saramago

 

A Declaración Universal dos Dereitos Humanos cumpre 60 anos. Permítaseme non facer uso da palabra “universal”, pois coido que estarrece chamar “universal” ese documento cando foi escrito cun enfoque occidental.

No caso da Declaración Universal dos Dereitos do Home, non se decatan de que nin sequera estamos a falar de “dereitos humanos”, senón dos “dereitos do home” no canto de “dereitos humanos”, como debera ser.

Infelizmente, nós convertemos esta expresión “dos dereitos do home” en “dereitos humanos”.

En Portugal tamén teremos unha presadiña de actos, que mesmo levan o meu nome, para celebrar, para conmemorar este aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Ora ben: o que van celebrar en Cuba, terá outra dimensión e ben que lamento non poder estar alí. Por iso, quero agora dicir o seguinte: non hai dereitos humanos. Non os hai. Non existen. Non se cumpren. Non se cumpren en ningures.

É ridículo que se fagan festas cando se cumpren anos da Declaración dos Dereitos Humanos, sobre todo cando se cumpren decenas de anos.

Cando recibín o Premio Nobel, cumpríanse 50 anos da Declaración dos Dereitos Humanos. O meu discurso nesa época foi sombrío, no sentido de que eu era denunciante. Os gobernos non reaccionan sobre os dereitos humanos, os seus profesionais moitas veces nin saben o que está escrito na Declaración, a gran maioría.

Nos días anteriores á invasión de Iraq, nos Estados Unidos miles de persoas protestaron contra esa invasión. Poderán crer que ningunha manifestación pode cambiar as cousas? Lembro que un amigo de meu preguntoume: “ben, xa fixemos a manifestación, e agora que faremos?”. Esta é unha causa onde non hai dereitos humanos. É unha gran causa que debería mobilizar a humanidade para a reivindicación dos dereitos humanos.

E é moi difícil que unha acción como esta ou outros movementos poidan cambiar as cousas. Non vexo como poderían cambialas. E non porque as persoas non sexan capaces de entender a importancia de todo polo que están a loitar. Sucede que o manexo dos dereitos humanos está nas mans dos gobernos.

As Declaración Universal dos Dereitos Humanos, así como as constitucións dos países en realidade son “declaracións de intención”. E das intencións ata a realidade concreta, hai varios pasos por dar.

Quixese que neste aniversario dos 60 anos da Declaración dos Dereitos Humanos, a poboación se erguese, si, señor. Para ver como evoluciona a sociedade. Os dereitos humanos están mortos no mundo enteiro, todo está morto no mundo enteiro.

Polo menos en Cuba nunca nada está morto.

INTERVENCIÓN DE PÉREZ ROQUE NO ENCONTRO SOBRE DEREITOS HUMANOS DA HABANA

Na apertura do encontro internacional “A Declaración Universal dos Dereitos Humanos: 60 anos despois”, celebrado no Pazo de Convencións de La Habana, o pasado 10 de decembro, o Ministro de Estado de Cuba, Felipe Pérez Roque recordou o labor da Revolución a prol da xustiza e da igualdade.

 Intervención de Pérez Roque
Intervención de Pérez Roque

 

A seguir, reproducimos o texto completo do discurso:

Queridos familiares dos nosos Cinco Heroes, prisioneiros políticos nos Estados Unidos.

Caros amigos e amigas, chegados dende os máis diversos lugares para participar neste encontro.

Compañeiras e compañeiros cubanos.

Saudamos a iniciativa dos Capítulos venezolano e cubano da Rede de Redes “En defensa da Humanidade” e da Comisión Nacional Cubana da UNESCO de convocar este Taller Internacional “A declaración universal dos Dereitos Humanos: 60 anos despois “. Aos amigos chegados doutros países, dámoslles a cordial benvida á nosa patria.

Hai sesenta anos a Asemblea Xeral das Nacións Unidas adoptou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. A súa aprobación foi posibel na circunstancia da vitoria das forzas progresistas sobre o fascismo e constitúe, sen dúbida, un éxito dos pobos na loita polo recoñecemento dos seus dereitos.

Endebén as limitacións resultantes do momento en que se proclamou, a Declaración marcou un fito e serviu de inspiración e estímulo para o ulterior desenvolvemento e codificación dos dereitos humanos, tanto das persoas coma dos pobos, incluído os dereitos de solidariedade.

En 1948, ao se aprobar a Declaración, comezara xa a chamada Guerra Fría. Practicamente a metade dos actuais Estados membros das Nacións Unidas estaban sometidos ao dominio colonial ou eran simplemente neocolonias. Foi a época na que impuxeron a Sudáfrica o aldraxante réxime do apartheid. Os combatentes cubanos contribuiron á súa derrota décadas despois.

Nun día como hoxe quero lembrar tamén a memoria dos máis de 2 000 combatentes cubanos caídos en África para conseguir a derrota do exército do apartheid e para obter a independencia de Namibia, a liberación de Nelson Mandela, o desmantelamento daquel odioso réxime e a preservación da integridade territorial de Angola. Hoxe é dia de lembrar o seu sacrificio, a miles de quilómetros de Cuba, e facer chegar tamén un testemuño de respecto aos seus familiares na nosa patria.

Aínda que o propio limiar da Carta das Nacións Unidas, proclamada en 1945, identificou entre os seus propósitos o respecto ao principio da libre determinación dos pobos, non foi até a década de 1960 que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou ese principio -o da libre determinación dos pobos- como un dereito.

Ao longo dos anos, a batalla de moitos países contra o atraso, xunto co labor das forzas progresistas no mundo industrializado, permitiu a ulterior reivindicación e recoñecemento doutros dereitos inalienabeis dos pobos, en particular, dos seus dereitos á paz e ao desenvolvemento.

En 1993, a Conferencia Mundial de Dereitos Humanos, celebrada en Viena, brindou un pulo importante á cooperación internacional en materia de dereitos humanos. O recoñecemento da universalidade, indivisibilidade e interdependencia de todos os dereitos humanos e da necesidade de lles dar un tratamento xusto e equitativo, foron elementos esenciais do consenso atinxido en Viena en 1993.

O respecto á diversidade, o recoñecemento das particularidades nacionais e rexionais, dos diferentes patrimonios históricos e culturais e do dereito dos pobos a establecer o seu propio sistema económico, político e social, erixíronse entón en elementos esenciais para a promoción dunha xenuína cooperación internacional en materia de dereitos humanos, sobre bases de obxectividade, imparcialidade e equidade.

Porén, os gobernos de Estados Unidos e os seus aliados seguiron a manipular a reivindicación dos dereitos humanos e a utilizala como ferramenta de chantaxe e presión contra aqueles países que, como Cuba, persistiamos no noso dereito á libre determinación e a independencia. Durante anos, asistimos ás prácticas discriminatorias e corruptas orquestradas na desprestixiada Comisión de Dereitos Humanos. Hoxe, saudamos que se dera constituido un Consello de Dereitos Humanos, libre daquelas prácticas aberrantes. Endebén, alertamos do perigo latente de que se pretenda entronizar no Consello de Dereitos Humanos, máis unha vez, un clima de confrontación e selectividade; se tal se lograse dariamos outravolta a batalla. Compre advertilo claramente neste día.

A proclamación do dereito dos pobos á solidariedade internacional, nun mundo que padece as inequidades e o egoísmo dos máis ricos e poderosos, constitúe a máis recente conquista no desenvolvemento progresivo do dereito internacional dos dereitos humanos a prol dos intereses dos máis necesitados do planeta.

Caros amigos:

Pese a producírense avances no recoñecemento internacional dos dereitos humanos, a real aplicación de todos os dereitos humanos para todos os pobos e persoas non pasa de ser hoxe unha arela.

Unha minoría arrogante e insensibel irradia egoísmo, inxustiza, imperialismo, inequidade, estrago de recursos e consumismo. Fronte a eles está o desamparo, a fame e a desnutrición, o analfabetismo e as enfermidades de máis de 2 600 millóns de persoas que se preguntan hoxe, 60 anos despois da proclamación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, por que se lles condena a vivir para sempre na desesperanza e na pobreza.

A nosa voz érguese hoxe nun berro de denuncia e solidariedade cos 1 000 millóns de persoas que son vítimas da fame e a desnutrición, cos máis de 800 millóns que non teñen acceso á leitura e a escritura, cos 11 millóns de nenas e nenos que morrerán este ano, antes de cumpriren cinco anos, a causa de enfermidades que se poderían prever e curar.

Esta realidade tende a agravarse. A profunda crise á que o egoísmo e a irresponsabilidade arrastraron ao mundo, especialmente visibel nos ámbitos financeiro, alimentario, enerxético e climático, castiga sobre todo aos países do Sur e, dentro deles, aos máis necesitados, mentres que os responsabeis néganse a buscaren remedios en razón e só queren preservar os seus privilexios.

A alza sen precedentes nos prezos dos alimentos, a especulación irresponsabel cos prezos dos produtos básicos, o intercambio desigual, o enorme peso da débeda externa, o proteccionismo selectivo que impoñen os países ricos ao comercio e os subsidios que aplican, a redución dos xa insuficientes recursos destinados á Axuda ao Desenvolvemento -que non superan neste momento apenas o 0,28% do Produto Interno Bruto dos países desenvolvidos, cada vez máis lonxe daquel 0,7% do seu Produto Interno Bruto que prometeran en 1970 entregar á Axuda Oficial ao Desenvolvemento. Pasaron xa 38 anos daquela promesa, e hoxe, nun mundo onde son tan necesarios eses recursos para paliar e enfrontar as enfermidades, a pobreza, o analfabetismo, a falta de oportunidades para miles de millóns de seres humanos, apenas destinan o 0,28%; o que menos dedica, por debaixo do 0,2%, é o máis rico e poderoso de todos, Estados Unidos- e o incremento na frecuencia e magnitude dos desastres naturais, son só, xunto aos demais elementos que mencionei, algunhas das ameazas que hoxe enfrontan os nosos pobos.

Estamos chamados, máis do que nunca, a loitar polo establecemento dunha orde internacional equitativa, xusta e democrática. Non podemos aceptar que uns poucos países ricos condenen á pobreza e ao subdesenvolvemento á inmensa maioría dos pobos.

Unha orde internacional xusta, democrática e equitativa é unha condición imprescindibel para que os esforzos dentro dos países rendan os resultados esperados. Ningún país poderá atinxir o dereito á paz, ao desenvolvemento, á igualdade de oportunidades se non cambia a actual orde internacional, que constitúe o obstáculo maior a que os esforzos nacionais poidan ter resultados máis alá dos esforzos dos gobernos e dos pobos.

Esa inxusta e antidemocrática orde internacional que se nos impón é tamén responsabel do abismo que separa ao Norte do Sur en canto á produción, o acceso e intercambio da información. Sustenta, a maiores, a violación do dereito dos nosos pobos a recibir información veraz e obxectiva, requisito imprescindibel ao exercicio da liberdade e a libre determinación.

Somos bombardeados continuamente por falsas alegacións ou percepcións terxiversadas da nosa propia realidade. A mentira vólvese práctica cotiá. Inténtase interpretar e escribir a historia dende a óptica dos poderosos. Preténdese xustificar a discriminación e a xenofobia. Inténtasenos facer crer que somos responsabeis do subdesenvolvemento imposto aos países do Sur.

Un día como hoxe, Cuba reivindica o noso dereito a unha Nova Orde Internacional da Información e as Comunicacións que faga posibel o desfrute da liberdade de expresión e información para todos, en condicións de obxectividade e xustiza.

Cuba reivindica o respecto á diversidade cultural e a promoción e defensa das culturas dos nosos pobos, como garantía de identidade e arma insubstituíbel na protección da soberanía das nosas nacións.

O noso mundo, queridos amigos, foi testemuña das máis abominabeis violacións dos dereitos humanos. No pasado recente, centos de miles de familias latinoamericanas cubríronse de loito ante as atrocidades cometidas por ditaduras militares patrocinadas por Estados Unidos.

Expresamos a nosa solidariedade coas vítimas de aqueles crimes e os seus familiares, e esiximos xustiza. Un día como hoxe, en que se cumpren 60 anos da proclamación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, val recordar que a nosa Revolución, atacada con saña, bloqueada, asexada, invadida, bombardeada, vítima do terrorismo, vítima das sabotaxes, vítima das campañas de descrédito, que tivo que defenderse durante 50 anos, fíxoo, baixo o liderado e o maxisterio de Fidel, no respecto absoluto aos máis elevados principios da ética.

Val recordar, un día como hoxe, que non hai unha soa familia cubana que nos últimos 50 anos chore un familiar desaparecido; non hai quen chore un familiar asasinado extra xudicialmente. Non hai unha soa familia cubana que denuncie trato inhumano e degradante, torturas como as que se aplicaron nos países de América Latina que enfrontaron ditaduras tenebrosas apoiadas por Estados Unidos, como as que se aplicaron durante o Plan Cóndor, o secuestro, a tortura sen límites, a vesania contra os presos indefensos.

Hoxe non hai ningunha familia cubana que chore un familiar desaparecido ou asasinado, como non hai ningunha familia cubana que lamente que o seu fillo non poida ir á escola ou que o parente enfermo non poida exercer o seu dereito a recibir atención médica.

Deses case 1 000 millóns de analfabetos que hoxe lamentamos no mundo, ningún é un cubano que por falta de acceso aos recursos económicos imprescindibeis non poida enviar o seu fillo á escola.

Os participantes neste encontro poderán saír agora ás rúas de La Habana a ver se atopan nalgún semáforo un neno limpando os cristais do carro e pedindo algo de comer. Non o han atopar.

Defendemos a Revolución; construímos unha obra, imperfecta como toda obra humana, perfectibel; somos os máis inconformes. Temos noción clara de que falta moito máis por facer que o que logramos, e aspiramos á xustiza non solo para o noso pobo, senón para todos os pobos da Terra, porque consideramos ao mundo a nosa patria, porque Patria é humanidade, como nos ensinou José Martí. Pero val dicer, cando vai abrindo o nevoeiro das campañas mendaces contra Cuba, que a Revolución Cubana defendeuse sen aplicar xamais o “ollo por ollo” e “dente por dente”, sen aplicar xamais o que “o fin xustifica os medios”, preceptos borrados da práctica dos revolucionarios cubanos, aínda en medio da defensa dun país acosado e ameazado de xeito permanente.

Un día como hoxe sumamos as nosas voces para esixir xustiza xunto aos centos de miles de familias latinoamericanas que sofren aínda hoxe e choran a perda de seres queridos, mentres reclaman o cesamento da impunidade para os represores.

Baixo o pretexto dunha suposta guerra global contra o terrorismo ou a hipócrita e falsa promoción da liberdade e a democracia, inténtase legalizar a agresión e a ocupación militar e perpétranse graves violacións dos dereitos humanos; inténtase xustificar os bloqueos e a coacción; búscase impoñer o modelo político, económico e social que responda aos intereses e designios dos poderosos, e discrimínanse culturas e relixións.

Un dos exemplos máis aborrecibeis do desprezo á condición humana, é a creación e a permanencia, aínda hoxe, do centro de detencións arbitrarias e torturas estabelecido na ilegal Base Naval que Estados Unidos nos impón en Guantánamo.

Condenamos os abusos e violacións que teñen lugar alí e esiximos o seu peche inmediato e a devolución dese territorio á nosa patria.

En inequívoca proba da falsidade e a hipocrisía da política de Estados Unidos en materia de terrorismo, as súas autoridades eluden aínda a súa obriga de axuizar por cargos de terrorismo ou extraditar a Venezuela ao terrorista Luis Posada Carriles, un dos principais responsabeis da destrución en pleno voo dun Avión de Cubana de Aviación, en 1976, con 73 persoas a bordo. Aquí, entre nós, están hoxe compañeiras e compañeiros que perderon familiares vítimas dese acto de terrorismo. Un día como hoxe reiteramos a nosa demanda de que os terroristas concorran por fin ante a xustiza e que cese a impunidade e a protección que o goberno de Estados Unidos concedeu a homes que levan sobre os seus ombros a responsabilidade de asasinar decenas de persoas inocentes. Non obstante, ao mesmo tempo, o goberno de Estados Unidos mantén cinco cubanos inxustamente encarcerados por 10 anos xa, por desafiar a impunidade que gozan os grupos terroristas que actuaron contra o pobo cubano ao longo de décadas dende Miami.

No Día Mundial dos Dereitos Humanos, esiximos tamén a inmediata liberación de Gerardo, Ramón, Antonio, René e Fernando. A súa firmeza, a súa integridade e os seus profundos valores éticos serven de inspiración ao pobo cubano e a todos os defensores de dereitos humanos no mundo.

Aos seus familiares aquí presentes, reiterámos o noso compromiso de non parar, non nos cansar e non desistir da batalla porque eles regresen xunto ás súas familias e o seu pobo.

Compañeiras e compañeiros.

Caros amigos:

Cuba, bloqueada e asediada por 10 sucesivas administracións do Goberno de Estados Unidos durante case cinco décadas, pode mostrar hoxe avances substantivos e irrefutabeis, resultados de programas e plans nacionais encamiñados a mellorar as condicións de vida do noso pobo e o desfrute de todos os dereitos humanos.

Reitero, non obstante, a nosa aspiración a construír a sociedade con xustiza e igualdade de oportunidades e benestar para todas as cubanas e cubanos, coa que soñamos, pola que loitaron e batallaron xeracións de cubanos e que constitúe aínda un fito por atinxir.

Neste Día Mundial dos Dereitos Humanos, quero lembrar de, modo especial, aos máis de 37 000 profesionais cubanos da saúde que se atopan salvando vidas en 73 países. Eles son o testemuño do que, como dixera Fidel: “Revolución é modestia, desinterese, altruísmo, solidariedade e heroísmo”.

Aos miles de médicos, enfermeiras e técnicos da saúde cubanos, que neste intre camiñan polos penoutos de Guatemala, ou viven xunto aos habitantes dos barrios de Caracas, no Altiplano boliviano, no mato africano, a eses homes e mulleres que a esta hora tratan a un enfermo, alivian a dor, levan unha palabra de consolo ou un medicamento, lonxe dos seus fillos, a miles de quilómetros dos seus fogares,

Dedicamos, hoxe, Día Mundial dos Dereitos Humanos, unha mensaxe especial e un pensamento de todo o seu pobo e os seus familiares.

No ano en que se cumpre o 60 aniversario da proclamación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, Cuba renova o seu compromiso contra toda discriminación e coa loita por un mundo de xustiza, liberdade e igualdade para todos.

Nun día como hoxe, expresamos a nosa satisfacción de recibilos a vostedes, de poder intercambiar, compartir, debater sobre este sono imprescindibel que guía os nosos actos e as nosas loitas de conquistar un mundo con xustiza, igualdade e paz para todos.

Quero, de modo especial, lembrar a Fidel que foi o artífice e o guía dos cubanos na súa loita polo respecto aos dereitos humanos para o noso pobo e para os nosos irmáns máis alá das nosas fronteiras.

Renovo o noso compromiso coa construción dunha América Latina integrada que loite unida polos dereitos dos seus pobos.

Quero tamén reiterar a nosa esperanza de ver un día un Puerto Rico libre e independente, de ver ao seu pobo exercer o seu dereito á libre determinación e incorporarse en carácter de membro pleno, xunto aos seus irmáns de América Latina e o Caribe.

E saúdo, en nome do noso pobo, todos os que en calquera recanto do planeta batallan cada día por construír ese mundo mellor que todos soñan.

Benvidos, e que teña éxito noso Encontro Internacional.