Arquivo da etiqueta: Fidel

CUBA: 50 ANOS DE REVOLUCIÓN

Os dereitos humanos e o poder revolucionario

Cuba ten sufrido manipulacións informativas que agochan intereses das multinacionais e da banca. É preciso lembrar como era a sociedade cubana antes do triunfo revolucionario e que foi o que se conseguíu dende 1959.

CUBA: 50 ANOS DE REVOLUCIÓN

En xaneiro de 1959 o movemento revolucionario cubano logrou a conquista do poder político rematando así cun período marcado pola tiranía de Fulgencio Batista, que levara á represión e á morte a miles de persoas. Non se pode entender este proceso sen o apoio maioritario da poboación, colaboradora en distintas intensidades coa guerrilla comandada por Fidel Castro.

No momento do triunfo había en Cuba só 6.000 médicos, dos que a metade marcha inmediatamente a EE.UU.. Non existía a medicina rural. O bloqueo imposto pola potencia norteamericana supuxo e supón a imposibilidade de fornezo de medicamentos á illa, xa que EE.UU. controla a case totalidade da produción mundial. Hoxe en día Cuba ten un médico por cada 193 habitantes. 35 mil realizaron labores internacionalistas. Aumentou a esperanza de vida en 13 anos.

A taxa de mortalidade infantil é de 5,3 por cada mil nados. Se América Latina tivese a mesma taxa cada ano morrerían medio millón de nenos e nenas menos. En Cuba son gratuítos todos os servizos de saúde, non hai doentes sen médicos, non hai médicos sen emprego.

En 1959 o 25% da poboación era analfabeta. Só 15 mil persoas estudaban carreiras superiores, concentradas na Habana. Nos anos 60 construíronse 10 mil novas escolas rurais. Fíxose a campaña de alfabetización. Hoxe en día hai un mestre ou mestra por cada 42 habitantes. A universidade está descentralizada e é absolutamente gratuíto todo o sistema educativo cubano. Nunca se pechou unha escola, un círculo infantil, un centro universitario.

En 1959 o 75% da poboación rural vivía en cabanas de madeira, co teito de folla. O 63% das vivendas tiñan o chan de terra. O 91% non tiña baño. Aplicouse a lei da Reforma agraria, que eliminou o latifundismo privado. Hoxe en día, con todos os problemas aínda pendentes, o 85% da poboación é dona da súa vivenda. Non coñecen as hipotecas.

En Cuba todas as criaturas teñen un teito onde durmir, unha roupa que poñer, alimento asegurado, un centro de saúde e unha escola onde serán atendidos. A diferenza de países da contorna e ata de grandes potencias nucleares, non dorme ningún na rúa, non son prostituídos nin son vítimas do comercio de órganos, tampouco son obrigados a traballar para vivir. Non morren de sarampelo, paludismo, difteria, pneumonía ou desnutrición.

En Cuba en 50 anos de Revolución non houbo un só caso de desaparición, nin un só caso de tortura, nin un asasinato político. Nunca foi empregada a forza pública contra a cidadanía. Son descoñecidas as brigadas antidisturbios.

En Cuba a participación social da muller conseguiu un relevante ascenso social a partir do triunfo da Revolución en 1959. En 50 anos de transformación social, conformouse unha plataforma que posibilitou en grande medida un cambio na vida da muller. A Revolución herdou unha poboación feminina da que o 80% nunca dera a luz en condicións hixiénicas, decenas de miles de mulleres exercían a prostitución, arredor dunhas 70 mil servían como domésticas. Unha nación onde a maioría das persoas analfabetas eran mulleres. Co triunfo da revolución as mulleres asumiron novas tarefas que as sacaron das súas casas. As transformacións da realidade social cubana dende a perspectiva de xénero tamén son visíbeis en campos coma o traballo, cunha acentuada proporción de técnicas e profesionais, educación e saúde.

Cuba realizou importantes labores de solidariedade internacionalista. Solidariedade auténtica, con maiúsculas, da que significa compartir o pouco que se ten, non da de dar parte do moito que sobra. Solidariedade que camiña e axuda a andar. Así foi con Angola, o que contribuíu á desaparición do apartheid, como declarou Nelson Mandela ao saír de prisión. Así aconteceu con Etiopía, Palestina, Sahara… e tantos países. Así ocorre hoxe con Venezuela e Bolivia, alfabetizando e operando a cegueira producida por cataratas, con Pakistán tan distante xeográfica e politicamente.

En Cuba estudaron miles de persoas dos países pobres, ata pobres dos países ricos. Hoxe en día xa hai licenciadas promocións da Escola Latinoamericana de Ciencias Médicas, creada despois de que o furacán Mitch asolara rexións enteiras de América. Alí estuda mocidade que ven de EE. UU. tamén, onde nunca poderían sequera soñar con ingresar nunha universidade, e fano ao mesmo custo que ten á xente de Cuba: é gratuíto.

Cuba recibe continuos ataques interesados dunha prensa mundial que está en poder da banca e das grandes multinacionais. Asocian os dereitos humanos á libre empresa, á suposta liberdade de comercio. Para quen tivemos a oportunidade de coñecer Cuba, de falar coas súas xentes, de interesarnos por aquilo que se sae da viaxe turística, resulta indignante ler, ver e escoitar opinións que son propaganda, non información.

Cuba tivo e ten moitos problemas. Ao acto xenocida que supón o bloqueo imposto por EE.UU. de facto desde 1959, uniuse a desaparición do 85% do seu comercio exterior a principios da década dos 90 do pasado século. Pero o que conquistou nos duros anos vividos, coa ameaza do país máis armado da historia non se perdeu. Malia as continuas agresións sufridas por organizacións terroristas que teñen a súa base en EE.UU. e que pretenden rematar co conseguido para recuperar os privilexios que a historia lles arrebatou. A loita antiterrorista que Cuba ten dereito a exercer para defenderse supuxo a prisión para os 5 compañeiros que levan 10 anos presos en condicións penosas en EE.UU. logo de xuízos manipulados.

Os Dereitos Humanos cúmprense en Cuba dun modo que para as persoas que cremos no ser humano como individuo e tamén como parte dun colectivo que debe traballar en común para crear un mundo mellor é non só indubidable senón tamén impresionante. Cuba é un exemplo, un paradigma de cumprimento dos Dereitos Humanos, da loita secular da humanidade polo futuro.

O único territorio de Cuba onde hai tortura é a base militar do exército de EE.UU..en Guantánamo. Aí si se pode denunciar con fundamento o incumprimento dos Dereitos Humanos.

Base militar do exército de EE.UU. en Guantánamo
Base militar do exército de EE.UU. en Guantánamo

 

Pasarán máis de mil anos, moitos máis, é a historia esquecerá a George W. Bush, confundirá a el co seu papá, dubidará se o bombardeo de Belgrado foi cando Clinton, pero seguirá lembrando a Fidel e Raúl Castro, Vilma Espín, Celia Sánchez, Abel Santamaría, Frank Pais, Camilo Cienfuegos e a Che Guevara.

A Revolución Cubana é xa un patrimonio da humanidade, acontecemento que significa esperanza no que os pobos son quen de facer. Para quen estamos en contra da guerra entre pobos, mais tamén non concebimos a paz entre as clases, podemos afirmar que, para a historia colectiva, a historia que fan os pobos, sen a Cuba revolucionaria, nada sería igual.

CONFERENCIA DE DARÍO MACHADO EN SANTIAGO

O profesor do Instituto Internacional de Periodismo “José Martí”, afirmou martes 28 de outubro no Clube Internacional de Prensa de Galicia que as previsións que se fixeran cando desapareceu a URSS, aventurando que Cuba non daría aguantado, cumpríronse para os propios agoreiros “porque o que caeu foi o sistema capitalista”.

“Polo noso propio proceso revolucionario -sinalou Machado- Cuba está mellor preparada contra a crise ca os países capitalistas, e en mellor posición para enfrontar os reveses superando todo tipo de agresións”.

Darío Machado
Darío Machado

 

O profesor titular da Cátedra de Xornalismo de Investigación, afirmou que en Cuba, “unha das nosas máximas é producir con eficacia o que temos, e distribuír con xustiza o que se produce”.

Referíuse Darío Machado a tres propostas que hoxe circulan na opinión pública de Cuba: “Seguir pola mesma vía que hoxe transitamos; privatizar a pequena e mediana empresa para incentivar o desenvolvemento e a eficiencia, ou que non se privatice nada para non derramar os principios socialistas, pero enfocar a produtividade mediante a creación de cooperativas e outras fórmulas que non contradigan os nosos principios”.

“O Noso modelo de benestar e calidade de vida ten que ser un modelo propio cubano -acrecentou Machado- pois non podemos tomar como exemplo ningún país capitalista nin occidental, pois estamos situados nun contexto moi diferente, que é o latinoamericano”. Lembrou que moitos coidaban que Cuba non podería manter a súa independencia ao caer a URSS. “Con todo -sinalou- non só non caemos, senón que quen caeu foi o sistema capitalista”. O profesor indicou que, sguramente Cuba está máis preparada para resistir a crise internacional que os propios países capitalistas, dado que leva case 50 anos loitando contra todo tipo de agresións, resistindo, e defendendo a soberanía nacional, a identidade e o dereito a decidir o futuro. “Foron moitas as loitas que tivemos que afrontar, e iso nos dotou de fortaleza e de capacidade de superación”.

En relación co programa de Barak Obama para a Casa Branca, Darío Machado sinalou que existía unha contradición clara entre os intereses de EEUU e os de Cuba, aplicabel tamén a outros países latinoamericanos. “O pobo cubano non experimenta animadversión ningunha fronte ao pobo norteamericano, e iso é o que hai que seguir mantendo. Obama de presidente non é que sexa unha solución, pero é certo que foi o único que falou abertamente de dialogar con Cuba, cousa que non fixo o candidato republicano”. Con todo, recordou que “tanto republicanos como demócratas pertencen á mesma estrutura política, polo tanto, non hai que esperar ningún milagre, aínda que si pode haber cambios”.

Cambiar, por exemplo, a opinión que ten o goberno de EEUU de que Cuba trafica con dólares, “no canto de recoñecer que o que facemos é comerciar; con outros países en moeda Dólar; EEUU xa sancionou duramente un banco suízo por negociar, por comerciar connosco”. Ese concepto de “tráfico” ten que substituilo por “comercio”. Os cambios estruturais, non son -para Darío Machado- un obxectivo fundamental dos demócratas.

O profesor Machado dixo que Fidel continúa mantendo o liderado político, aínda que foi substituído lexítima e democraticamente, na Asemblea Nacional do Poder Popular, polo seu irmán Raúl. “Con todo, as Reflexións de Fidel seguen influíndo na política cubana, porque entre outras cousas, a sociedade cubana é fidelista”. Machado falou tamén do caso dos “cinco heroes cubanos” presos en EEUU, “mediante un proceso xudicial que contravén a propia lexislación estadounidense, algo incongruente, incoherente e que demostra a animadversión do goberno de EEUU cara ao noso pobo”.

Machado explicou que o sistema democrático da illa fica patente en que “máis de 1 millón 300 mil propostas dos cidadáns e cidadás cubanas chegaron ao goberno para seren transformadas en medidas políticas. E as máis importantes, dende logo, non foron a posibilidade de entrar nos hoteis, senón o desenvolvemento da economía cubana, algo que preocupa ao noso pobo e para o que buscamos solucións reais e efectivas”.

(Clube Internacional de Prensa de Galiza)

FIDEL COMENTA O PASO DO CICLÓN GUSTAV

O furacán “Gustav” arrasou a Illa da Xuventude e Pinar do Río, a máis occidental das provincias cubanas. Só a intervención pública evitou que se perdese sequera unha vida.

Cuba é outravolta unha excepción exemplar en todo o Caribe.

A crónica de Fidel da conta da magnitude dos estragos.

UN GOLPE NUCLEAR

Non é esaxerado.

É a cualificación na que coinciden moitos compatriotas. Así o describe o Xefe do Estado Maior Xeral das FAR, Álvaro López Miera, un militar experimentado, perante as torres de aceiro derrubadas, na Illa da Xuventude, as casas derramadas e o estrago xeral. “Non podiamos crelo. Lastimaba os ollos”, dixo con voz gastada polo esforzo, pero firme e resolta, Ana Isa Delgado, Secretaria do Partido e Presidenta do Consello de Defensa daquel importante concello. “¡É o nunca visto nos case 50 anos que levo aquí!”, comentou un veciño conmovido.

Un soldado mozo, que baixaba dun carro anfibio, berrou: “¡Han ver que estamos dispostos a dar a vida polo pobo “! En Herradura, o Xeneral de Infantería do Exército, Leopoldo Cintra Frías, contemplando a desfeita, confesábase tamén impresionado pola bravura da poboación: “Isto é coma unha explosión nuclear “.

cicl_07_09_2008
Paso do Ciclón Gustav por Cuba

Os racistas sudafricanos gardaban recado de sete bombas nucleares, cedidas polo goberno dos Estados Unidos. Leopoldo Cintra estivera no Sueste de Angola, baixo aquela ameaza.

Era, con todo, un risco calculado e as tácticas máis acaidas foron adoptadas. Xunto a Leopoldo Cintra “Polo”, estaba Olga Lidia Tapia, primeira secretaria do Partido e Xefe do Consello de Defensa da provincia, sen dubidar un segundo dos froitos do esforzo e a determinación dos seus compatriotas. Con toda franqueza me atrevo a dicir que as fotos e as películas do que transmitían o domingo pola televisión naciona, lembrábanme a desolación que vi cando visitei Hiroshima, que foi vítima do ataque coa primeira bomba atómica en agosto de 1945.

Non en balde se afirma que un furacán desprega unha enorme enerxía, se cadra o equivalente a miles de armas nucleares como aquelas que foron lanzadas sobre as cidades de Hiroshima e Nagasaki. Pagaría a pena que algún físico ou matemático cubano fixese os cálculos pertinentes para expolos de forma comprensibel.

Agora a batalla é alimentar as vítimas do furacán. A dificultade non está en restablecer canto antes a electricidade. O problema en Illa da Xuventude é que, de 16 panadarías, todas con forno eléctrico e equipo electróxeno, só dous podían funcionar de contado; as edificacións foran afectadas. Necesitaban recibir pan ou galetas. As cifras de tellas e materiais necesarios neste momento para as vivendas son elevadísimas. Na Illa da Xuventude hai mar por medio.

Non abonda con cargar camións de alimentos e materiais para facelos chegar directamente. As nosas Forzas Armadas enviaron persoal especializado en aeródromos e transporte aéreo e terrestre. De día e de noite, auxiliados por grupos electróxenos, os avións poden pousar no aeroporto da Illa. Teñen a misión de librar a súa batalla pola poboación sen estrago de de recursos.

Co mesmo espírito actuarán nos lugares arrasados de Pinar do Río. Todos os organismos teñen as súas tarefas asignadas, todos son importantes. Pero os bens non saen da nada. Compartir implica sacrificios. Non nos deamos o luxo de esquecelo en poucos días. O feito adverso debe servir para traballar con máis eficiencia cada día e o emprego xusto e racional de cada gramo de material.

Temos que loitar contra as nosas superficialidades e egoísmos. Cen millóns de dólares significan só nove dólares por habitante, e necesitamos moito máis. Necesitamos 30 veces, 40 veces esa cifra só para paliar nosas necesidades máis elementais. Tal esforzo debe saír do traballo do pobo. Ninguén o pode facer por nós.

É evidente que a nosa capacidade de divulgación multiplicouse e a nosa poboación, que sabe ler e escribir posúe ademais elevados niveis de escolaridade.

. Kcho, o pintor, trasladárase por aire á Illa da Xuventude, o anaco de Cuba que o viu nacer, e fíxonos chegar unha carta sobre a alta moral dos pineros. Selecciono parágrafos desta:

“Querido Fidel: “Pareceume importante, dende que cheguei á Illa e puiden ver cos meus propios ollos e sentir co meu corpo todo o que estaba a pasar, poñerme en contacto con Richard transmitirlle a terrible situación que estaba a acontecer no Concello Especial.

A MORAL POLO CEO

“Non teño palabras para expresar a realidade do que puiden ver onte na Illa da Xuventude. Nos meus 38 anos non vira nada semellante e as persoas con as que falei na miña terra non viran nada peor, pero incriblemente teñen aínda a moral polo ceo… moitos perderon as súas casas, e case todos teñen as súas pertenzas, camas, colchóns, televisores, refrixeradores, etc., destruídos; a maior parte da poboación está en esa situación; calcúlase que das 25 000 vivendas que hai na Illa ( aínda nestes momentos non é a cifra definitiva) unhas 20 000 están afectadas dalgunha forma, e desas 20 000, unhas 10 000 están sen cobertura ou destruídas totalmente “.

“… a brigada de 52 linieros camagüeyanos estivo a traballar ata as 3 da mañá e hoxe comezaron de novo as 6:30 a.m. con tremenda disposición; están a esperar a un grupo de 60 e tantos de Holguín.. “.

“… existen aínda moitos problemas, como por exemplo vivendas destruídas polo furacán Michelle en 2001, esperando resolverse.

“Hai problemas serios coa alimentación… No de hoxe, a Illa é como unha prisión, pola insularidade, aínda que xa se restableceron os voos… O diñeiro non ten ningún valor, non hai que comprar nin onde comprar”. “A solidariedade está a ser a arma máis importante neste momento. A moral está alta pero iso non vai ser eterno; nos próximos días vai a haber que dar solución a algunhas cousas. Na medida en que se vaia restablecendo o servizo eléctrico, crear puntos de información onde as persoas póidan reunirense para saber o que está a pasar no país e no Municipio, ou aínda que sexa a oír música, a pasar o tempo en colectivo”.

“Actualmente o territorio “é un teatro de operacións militares nunha tregua”, coa xente aínda alegre porque salvaron as súas vidas, non pensando aínda moito na perda das súas pertenzas, tratando de salvar o que lles quedou, vendo como se axustan a esa nova condición, pero co transcurso dos días a moral da xente pode decaer e chegar á depresión “.

“… as condicións do hospital son de extrema dificuldade e só a vontade e a convicción de homes e mulleres revolucionarios fan que funcione. “O pinero é revolucionario e combativo, e alí está todo o mundo (pacientes, familiares, equipo médico) traballando moi intensamente. Xa están na capital, dende onte ás 4 da tarde aproximadamente, os 32 pacientes de hemodiálise, cun acompañante e enfermeiras, que levaban 48 horas sen o tratamento e atopábanse en boas condicións.

“O pinero segue coa súa moral alta e feliz do traballo dos organismos responsabeis e de que non houbo unha soa perda de vida humana nin en Pinar do Río nin na Illa nin en Matanzas “. “Coido que que para volver a Illa ao que era, vai haber que inverter moito tempo de traballo e moitos recursos, coma se fose unha provincia, porque agora todo está arrasado”.

Coa súa carta, envía fotos elocuentes da desolación; no sobrescrito, a silueta da Isla de la Juventud e nela ondeando unha bandeira cubana. Os excelentes pintores que adoitaban acompañar as nosas batallas de ideas poden deixar constancia do episodio vivido e alentar ao noso pobo na súa épica loita.

Orfilio Peláez falábanos en Granma dun furacán acontecido en 1846 con marca de presión mínima de 916 hectopascales, rexistrada por un equipo. Iso aconteceu hai 162 anos, cando non había radio, televisión, cinema, Internet e outros moitos medios de comunicación, que ás veces chocan uns contra outros, creando caos nas mentes.

Daquela a poboación de Cuba era polo menos 12 veces menor. Con traballo escravo e semiescravo, o país exportaba a maior cantidade de azucre e tamén de café durante unha parte considerable dese século. Non existía a xubilación, a media de vida era moi inferior, e non se coñecían case as enfermidades da idade madura, ou a educación masiva, que tantos brazos e intelixencias demandan para o seu desenvolvemento. Os recursos naturais abundaban. Os furacáns, aínda que influían moito, non significaban unha catástrofe nacional. Dos cambios climáticos, ben distantes, nin sequera se falaba.

No Granma de hoxe martes, o propio xornalista relátanos as proezas de o noso pobo na súa batalla pola recuperación e os froitos do esforzo dos últimos anos. Rubiera, o científico, pola súa parte, no percorrido por Pinar do Río observaba atento, entre as ruinas da instalación do Instituto de Meteoroloxía en Paso Real de San Diego, o equipo de medir a velocidade dos ventos que marcaba 340 quilómetros de velocidade cando foi destruído por fortes refachos. Anúnciase que hoxe falará na Mesa Redonda. El sostén teorías que explican o acontecido. Juan Varela, por outra parte, falou dos estragos ocasionados na maior empresa de cultivos varios en Güira de Melena, da provincia de A Habana, que debía producir este ano ao redor de 140 000 toneladas de viandas, grans e hortalizas. As perdas, ao meu xuízo, a prezos internacionais, en horas de traballo, produtos alimenticios, equipos de cultivo e rego, combustibles e outros gastos, son millonarios nesa soa empresa.

O máis impactante, non obstante, polo drama humano que lles correspondeu abordar, foi a información subscrita polo xornalista Alfonso Nacianceno e o fotógrafo Juvenal Balán: a odisea vivida polos cinco tripulantes do Lagosteiro 100 de Batabanó, provincia de A Habana.

Recibiran a orde de regresar a porto como todos os barcos pesqueiros, ao seu debido tempo. Atrasáronse por imprevisto. Dende o sábado perdeuse con eles a comunicación cando o furacán avanzaba rapidamente. Dúas veces dixera en reflexións previas: “¡ Sorte que temos unha revolución! Ningún cidadán quedará abandonado á súa sorte “.

Souben sobre a incomunicación co lagosteiro o mesmo sábado, case a media noite. Raúl dérame noticias do que sucedía; confiaba na experiencia dos pescadores para lidar con trebóns e furacáns. Díxome que enviaría ao abrente medios necesarios para localizalos. Así que descansou a forza do temporal comezou a busca, que chegou a reunir 36 embarcacións, tres helicópteros e dous avións durante case dous días.

Do barco non se vía nin rastro pero deron cos náufragos. O que contan é incribel; os que coñecen ben o mar saben o que significa estar interminabeis horas agarrados a un remo e despois a unha boia.

CEN MIL VIVENDAS DANADAS

O milagre revolucionario produciuse, e os pescadores foron rescatados. Non nos deixemos arrastrar polas ilusións. Este furacán déixanos cen mil vivendas golpeadas en maior ou menor grao e perda case total de artigos necesarios despois da traxedia, como explica na súa carta Kcho. ¿Cantas vivendas anticiclónicas, seguras, necesita Cuba? Non menos de 1,5 millóns delas para 3,5 millóns de familias totais. Saquemos a conta do custo internacional de tales investimentos, que se corresponde con os datos que se manexan no mundo.

Unha familia en Europa debe pagar polo menos 100 mil dólares, máis intereses, polos cales achegan 700 dólares mensuais dos seus ingresos durante 15 anos. Dez mil millóns de dólares é o custo aproximado de cen mil casas para familias medias nos países desenvolvidos, que son os que determinan os prezos dos produtos industriais e alimenticios en o mundo. Habería que engadirlle o custo das instalacións sociais afectadas que deben ser reconstruídas, as demais instalacións económicas, máis as requiridas para o desenvolvemento.

Só do noso traballo, reitero, poderán saír os recursos. Mentres as novas xeracións leven a cabo esa tarefa, os homes e mulleres que habitan esta illa requiren da solidariedade, o valor e a combatividade mostrada polos pinareños e pineros.

O Imperio atravesa nestes momentos por unha proba difícil na segunda metade do ano, a da súa capacidade de resolver dificultades que cuestionan o seu tren de vida a custa dos demais pobos. Agora necesitan un cambio de leme. Bush e Cheney foron case marxinados da campaña republicana por guerreristas e indesexabeis. Non se discute sobre un cambio de sistema, senón sobre como mantelo con menos custo. O imperialismo desenvolvido rematará matando a todos os que intenten penetrar sen permiso dentro do seu territorio para converterse en escravos asalariados e consumir algo. Xa están a facelo. É moi grande o chauvinismo e o egoísmo que o sistema crea.

Sabémolo e continuaremos desenvolvendo a solidariedade, noso maior recurso dentro e fóra da patria.

Fidel Castro Ruz
Setembro, 2 de 2008 6:17 p.m.

O LEGADO ÉTICO E POLÍTICO DA REVOLUCIÓN, REIVINDICADO NO X ENCONTRO ESTATAL DE SOLIDARIEDADE CON CUBA

Trescentos dous delegados/as pertencentes a 72 Asociacións de Amizade con Cuba, Institucións e organizacións sociais, sindicais e políticas reunidos en Sevilla (Andalucía) reivindicaron o legado ético e político da Revolución Cubana á que recoñecen como proceso histórico de democracia das grandes maiorías e de defensa de ideais de xustiza e solidariedade.

O Encontro celebrouse nos días 2, 3 e 4 de maio e produciu unha resolución final que salienta a dignidade revolucionaria e soberana de Cuba no medio do bloqueo e nun mundo asoballado pola privatización, o saqueo colonial e o dominio financeiro neoliberal.

O texto da Declaración de Sevilla é o seguinte:

A. – O mundo de comezos deste século XXI, baixo a supremacía dos Estados Unidos e mediante a imposición de políticas de privatización económica e dominio financeiro neoliberal, mantén a centos de millóns de seres humanos na miseria, a enfermidade e a ignorancia, e manifesta xa, pola cobiza estragadora do capitalismo, sinais de cambio climático que ameaza unha desfeita para a Humanidade; que asola nacións enteiras do Terceiro Mundo con guerras de pillaxe neocolonial e imperialista que arrafañan seus recursos e rompen as bases culturais, políticas e económicas das súas sociedades. Porén, neste mundo á beira da barbarie, Cuba sobrancea coma unha pequena nación que, con todo e as agresións e difamacións que sofre, mantense digna, revolucionaria e soberana.

B.- Denunciamos o bloqueo que as sucesivas administracións norteamericanas practican contra Cuba; denunciamos o sistema global de agresión que establece medidas de carácter político, económico, cultural e diplomático para causar sufrimento ao pobo cubano e impoñer pola forza un proxecto de recolonización da Illa.

Neste sentido, o Plano Bush é a última volta de fuso deste propósito de intervención ilegal do goberno norteamericano e o recente programa de visitas na UE de Caleb McCarry, designado polos EE.UU. procónsul para a restauración neocolonial, ten como obxectivo promover divisións entre os gobernos da Unión Europea e manter a súa subalternidade política e, con ela, as medidas de cerco contra a soberanía nacional de Cuba que se ven chamando Posición Común Europea.

C. – Esiximos ao goberno español que leve a cabo as accións necesarias ante a Unión Europea para a denuncia da Posición Común Europea e o cesamento das medidas punitivas contra Cuba que establece; propugnamos un marco de relacións baseado no respecto e a colaboración entre nacións soberanas.

D. – Reivindicamos o legado ético e político da Revolución Cubana á que recoñecemos como proceso histórico de democracia das grandes maiorías e de defensa de ideais de xustiza e solidariedade.

A Revolución Cubana, liderada por grandes revolucionarios, como Camilo, o Ché, Raúl e Fidel, permitiu a Cuba liberarse da miseria, vivir en dignidade e ser soberana e a construccion e defensa heroica dun arsenal de armas intelectuais que están a exportar a toda a Humanidade na loita po un mundo mellor.

E. – Grazas á resistencia de Cuba, da súa Revolución e de Fidel, a socialización da produción, da política, do saber revélanse de novo como as mellores ferramentas contra a barbarie capitalista e esta resistencia permitiu que unha nova relación de forzas favorable aos pobos latinoamericanos fortaleza a hexemonía das ideas progresistas e antiimperialistas nese continente. Apoiamos a Alternativa Bolivariana de las Américas (ALBA) porque constitúe un proxecto de integración e desenvolvemento con criterios de equidade, xustiza social e sostenibilidad.

F. – Os colectivos e organizacións participantes neste Encontro integran un movemento asociativo plural e democrático no estado español para a solidariedade política con Cuba, o seu goberno, o seu pobo e o proxecto histórico da Revolución Cubana, proxecto que se sostén no desenvolvemento cultural, na equidade social e na soberanía nacional, no internacionalismo e na axuda aos pobos máis desfavorecidos, na defensa da paz mundial e das relacións xustas entre as nacións.

Cuba, a pesar de ser unha pequena nación e de estar sometida ao acoso e á agresión da maior potencia militar que coñeceu a Humanidade, exhibe e afonda nun modelo social e político que é, hoxe por hoxe, no noso mundo actual, o máis avanzado no terreo das ideas, dos principios éticos e das realizacións educacionais, de saúde e seguridade social para as necesidades de toda a nación.

Por todo iso, este X Encontro de Solidariedade con Cuba del Estado Español comprométese a:

1. – Incrementar os seus mecanismos de coordinación e a súa axenda común de traballo para reforzar o campo orgánico e social que precisa a solidariedade política coa revolución cubana.

2. – Declarar como liñas estratéxicas de traballo para os próximos meses: Manter a denuncia do bloqueo e do acoso imperialista norteamericano a Cuba, así como o desmantelamento da base naval e centro de torturas que Estados Unidos mantén na base de Guantánamo que debe ser restituido á integridade territorial cubana.

3.- O afortalamento da campaña pola liberación dos cinco cubanos prisioneiros en cárceres dos Estados Unidos por loitar contra o terrorismo que se organiza no territorio dos Estados Unidos contra Cuba. A esixencia ao Goberno español para que realice as accións necesarias que consigan o cesamento das medidas punitivas chamadas Posición Común Europea.

4. – Consolidar e fortalecer todos os recursos e ferramentas que nos permitan combater o feroz acoso informativo a Cuba e aos gobernos progresistas de América Latina e conseguir que nos nosos pobos e cidades se coñeza a realidade de Cuba como nación que, aínda que sometida a inxustas agresións, loita cada día por ser máis solidaria, xusto, plural, participativa, que traballa polo desenvolvemento cultural e humano do seu pobo, que se mantén digna fronte á violencia e a dominación dos poderosos da Terra.

5. – Levar a cabo a todo o longo de 2009 unha Campaña ampla e coordinada para conmemorar o 50 Aniversario da Revolución Cubana, reivindicar a traxectoria e o pensamento do Comandante Fidel e celebrar o 80 Aniversario do natalicio do Comandante Ernesto Che Guevara.

6. – Aprobar, coas achegas acordadas polo Plenario o Documento Marco deste X Encontro, baixo o título: “Con Cuba e a Revolución. Pola Paz e a Amizade”.

VIVA CUBA
VIVA A AMIZADE ENTRE OS POBOS
VIVAN FIDEL E RAÚL
POLA LIBERACIÓN DOS CINCO
CUBA VENCERÁ
SEVILLA, 4 DE MAIO DE 2008

Condenan a agresión estadounidense contra os pobos de América Latina.
A Asemblea aprobou tamén unha Resolución Contra a Agresión aos Pobos de América Latina por parte do imperialismo norteamericano.

O texto reza:

“Considerando os últimos acontecementos de carácter político en América Latina, e á vista da escalada militar perpetrada por EE.UU. e os seus réximes cómplices na área, faise máis que necesario e urxente establecer un posicionamento contundente fronte a esta situación por parte do conxunto de persoas e organizacións amigas dos pobos ao longo e ancho do mundo.

Conmemoramos dende 2007 e ao longo de 2008, o 40º aniversario da caída do Che en combate. O propio recordo desta data, serve como exemplo do onte e o hoxe da loita dos pobos latinoamericanos pola súa plena soberanía.

O Che caeu desenvolvendo unha misión internacionalista de esforzo e entrega para os pobos oprimidos polo xugo imperialista; o común, onte e hoxe, na loita que enmarcou a Xesta Boliviana e inspira a Alternativa Bolivariana para os pobos da nosa América, é por unha banda a pervivencia dun sistema de dominación imperial, cada día máis acosado, que esperta a resistencia dos dominados, pero que non se resigna a desaparecer polos sumidoiros da Historia.

O ataque á soberanía Ecuatoriana por parte do réxime tiránico uribista é unha mostra patente da renovada agresividade doimperialismo. Pero a agresión contra Ecuador non pode caracterizarse unicamente como un feito illado descontextualizado doutras ofensas, provocacións e accións armadas contra as nacións da Alternativa Bolivariana das Américas (Alba).

O pseudo referendo na provincia Boliviana de Santa Cruz, os interesados ruídos de sabres en Ecuador, a continua agresión económica e mediática e paramilitar contra Venezuela, e o bloqueo económico, difamación informativa, e patrocinio de accións terroristas contra Cuba forman parte dunha fase específica nunha estratexia de agresión aberta, unha contrarrevolución global evidente que debemos denunciar coa máxima firmeza.

Pero a Historia non pode deterse. Ben pode verse que os procesos de transformación social e emancipación popular tenden á unidade na acción, a práctica e a solidariedade, tal e como revela o afondamento e extensión da ALBA. É o temor á afirmación irrevogable deste proceso na rexión o motor que move a dinámica de terror e morte da estratexia actual do imperialismo.

Para alén das súas manifestacións en países concretos, o ataque a un pobo significa o ataque a todos eles. Por iso, o Plenario do X Encontro Estatal de Solidariedade con Cuba:

Expresa a condena rotunda da agresión do imperialismo norteamericano contra Ecuador.

Secomasí, transmite a súa solidariedade co irmán pobo Colombiano que, coas súas organizacións populares á cabeza, resiste fronte ao dominio despótico e expoliador do seu actual réxime político, súbdito dos Estados Unidos e cómplice dos seus máis infames crimes.

E, en terceiro lugar, saúda o progreso das forzas populares de América Latina, con Cuba como exemplo de loita e vitoria, que levan ao máis alto a dignidade de todos os pobos.

Apoio á Revolución Bolivariana

Os delegados e delegadas no Encontro de Sevilla emitiron aínda unha declaración de apoio ao Movemento de Loita Popular en América Latina. O texto aprobado di:

Os participantes neste X Encontro de solidariedade con Cuba expresamos o noso máis firme apoio á Revolución Bolivariana de Venezuela encamiñada ao socialismo.

As relacións económicas establecidas entre Cuba e a Revolución Bolivariana expresan a solidariedade, a igualdade e xusta reciprocidade que deben presidir os intercambios económicos entre os pobos.

Estas relacións preparan o camiño da integración Latinoamericana arredor da ALBA e en clave socialista.

Apoiamos tamén as loitas de liberación populares e nacionais en América Latina xunto aos correspondentes gobernos progresistas emerxentes, que pugnan por sacudirse as cadeas do neoliberalismo e que teñen na Revolución Cubana un referente socialista e de autodeterminación e soberanía nacional.

Contra a Posición Común Europea

A Asemblea produciu asemade unha Resolución polo fin da Posición Común Europea e o restablecemento de Relacións de Mutuo Respecto entre Cuba e Europa.

Os participantes en este X Encontro -di o texto do manifesto- esiximos do Goberno español que inste na Unión Europea á derogación inmediata da denominada Posición Común cara a Cuba, así como ao restablecemento de relacións de mutuo respecto e igualdade para co pobo e o Goberno cubanos.

Endebén, esiximos que as relacións co Pobo cubano se realicen por medio dos seus lídimos representantes, que son as autoridades revolucionarias, e reclamamos o fin do financiamento de grupúsculos contrarrevolucionarios e desestabilizadores afincados no Estado español.

Tamén denunciamos con firmeza e repudiamos enerxicamente o comportamento de submisión e seguidismo que para co imperialismo norteamericano adoptaron algúns gobernos da Unión Europea.

O EXABRUPTO DE CHÁVEZ

O falar de Chávez levanta as pedras.

Temos necesidade desa maneira de falar para fuxirmos da retórica de oficina a que nos teñen acostumado nas xuntanzas de xefes de Estado. Temos que buscar unha lingua de exabruptos, intempestiva, violenta, sorpresiva, que rompa as falas de aparecidos coas que nos falan en tan altas ocasións.

O trinta por cento dos latinoamericanos vive so a liña de pobreza: ese era o asunto a discutir; a outra linguaxe, a das formas, queda para os corros dos latricadores. Claro que ese falar carece da forza do exabrupto. O exabrupto que expresa a miseria e a dor da fame, o que non abdica, o que berra a enfermidade e as enfermidades neurolóxicas dos nenos latinoamericanos por desnutrición.

Chávez é un impulsivo que denunciou a complicidade do goberno español no golpe que o quixo derrocar no 2002.

Chávez berra que mete medo. Cando o mandan calar, berra máis forte.

A figura do ex presidente Aznar xunto a Bush e Blair na foto do imperialismo criminal do ataque a Iraq. Imborrable na súa obsecuencia extrema. Berro enxordecedor da traizón da ética. Polo que máis queran, non borren esa foto da memoria!

Necesitamos un falar diferente, un falar de ermos sen alimentos, sen auga, sen saúde, sen esperanza. Falas novas que expresen miseria e que nos doia o corpo ao escoitalas- Inventar un falar que non produza beleza, senón fame infinita, mortalidade infantil, onde os nosos ollos se desorbiten como neses monstros sen lactacións. Falas sensacións son as de Chávez: que non calan nunca, que produzan convulsións como respostas, que nos fagan epilépticos por un anaco, que nos cadavericen. Exabruptos ben vidos.

Exabruptos novos, obscenos polo subversivo. A grande desgracia que xa se interiorizou como normal é a resignación, a tristura, a adaptación. O exabrupto é a esperanza, aínda que se ofendan os reis por un anaco, o falar confrontativo do mestizo Hugo trae novas esperanzas, como cando o liberou baixando dos outeiros a humildade humillada dos pobres e menesterosos que se convertían en humanos ao liderarlos Chávez.

Abonda de edificios de linguaxe que non nos serven máis para expresar, que xa non abranguen nada, que xa non explican nada, palabras baleiras de conferencias e simposios. Necesitamos exabruptos que expresen os ollos rebentados de fame, as dores infinitas, os ouveos.

Que estoure a impostura toda e deses entullos nazan as falas novas. A beleza dos restos, poesía dos entullos.

Á cacharela coas linguaxes vellas, olor a trampa, a impudicia, a corrupción por todos os cantos. Necesitamos a fala dos parrulos nas fontes dos cabecitas do 17 de outubro.

Dos indios de Morais que tanto escandalizan aos brancos bolivianos.
Construamos unha linguaxe chea de exabruptos.

Chávez é obsceno.

Potencia de novas palabras que cambien a linguaxe que xa non di nada, de retórica de estafermo e pelica barolenta que envellece e escoitala xa dá vergoña.

Fala nova, leda e poderosa para unha humanidade nova. Precisamos de moitos exabruptos para que non haxa máis vidas alporizadas, ciscadas, subhumanas, no noso continente.

Un ouveo moi grande. Para iso necesitámote moito, benquerido Hugo Chávez, pelexando sempre coa forza da túa fala.

Exabrupto puro arreo. Que os burgueses e os terratenentes se escandalicen, pero ti fainos sentir invencibeis por un anaco.

As revolucións sociais sempre foron grandes exabruptos. Escandalosas. Co teu mestre, o grande Fidel, o inmortal, sempre ao teu carón.

Página 12 Bós Aires 13.11.07