Arquivo da etiqueta: Luis Posada Carriles

O Congreso require ao executivo español que interveña a prol dos Cinco Heroes perante o governo dos Estados Unidos

Juventud Rebelde /Cubainformación

A Comisión de Asuntos Exteriores do Congreso dos Deputados, requeriu ao Governo español intervir perante o executivo norteamericano en demanda de excarceración inmediata dos Cinco Antiterroristas Cubanos, inocentes presos nas cadeas dos Estados Unidos dende desde 1998.

Promoveu a moción o Grupo Mixto, a instancias do Bloque Nacionalista Galego, Esquerra Republicana de Catalunya, Izquierda Unida, Iniciativa per Cataluña-Els Verts e o PSOE e os deputados aprobaron unha proposición non de Lei construida sobre o fondo de incontábeis pronunciamentos internacionais a prol de Gerardo, René, Ramón, Antonio e Fernando, e de pedidos de liberación semellantes formulados por governos, parlamentos, instancias públicas de toda clase, asociacións en defensa da xustiza e particulares. Verdadeira fronda documental para o Governo poder interceder perante Washington en demanda de excarceración e para os familiares dos antiterroristas poderen atinxir o dereito de humanidade de visitalos, negado até o de hoxe pola Casa Branca. Seguir lendo O Congreso require ao executivo español que interveña a prol dos Cinco Heroes perante o governo dos Estados Unidos

DEFENDER A REVOLUCIÓN CUBANA É DEFENDER OS DEREITOS HUMANOS

Manifesto publicado pola Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” con ocasión da marcha en solidariedade con Cuba convocada en Compostela o 18.04.10

Unha nova campaña mediática de condena a Cuba estase desenvolvendo tras a morte en folga de fame do preso Orlando Zapata. Con todo, as voces que se alzan contra Cuba abstéñense de denunciar os innumerables casos de gravísimas violacións dos dereitos humanos cometidas polos estados europeos, tanto historicamente como na actualidade.

O 16 de outubro de 1961, a policía francesa matou centenares de manifestantes alxerianos en París e a prensa foi obrigada a non informar do masacre. En 1981, dez presos irlandeses morreron en folga de fame en prisións británicas, baixo o goberno de Margaret Thacher. Anos despois, en 1999, a ex-primeira ministra rendíalle unha homenaxe a Augusto Pinochet, procesado por xenocidio e acusado da detención de 300.000 persoas e da morte ou desaparición doutras 5.000. En datas recentes, a policía británica deu morte no metro de Londres a Jean Charles Menezes, un inmigrante brasileiro sen ningunha relación con feitos delitivos. Seguir lendo DEFENDER A REVOLUCIÓN CUBANA É DEFENDER OS DEREITOS HUMANOS

A guerra USA contra Cuba: novos orzamentos para os mesmos erros

José Pertierra – O2.04.10

Mal que cambien presidentes na Casa Branca, a política de Estados Unidos para o mundo non cambia. Primeiro obxectivo desa política sen mudanza: deben ser descarrilados aqueles governos que ousen defender a súa soberanía nacional; segundo obxectivo: derrubar calquera revolución que procure un mundo diferente do programado por Norteamérica.

As armas empregadas polos Estados Unidos contra Cuba foran cambiando nos últimos 50 anos, mas a guerra é a mesma. Como instrumento de subversión social, os cubanólogos de Washington e Miami están interesados en construír un movemento social e político, ideado, alimentado e dirixido dende os Estados Unidos. Seguir lendo A guerra USA contra Cuba: novos orzamentos para os mesmos erros

INTERVENCIÓN DE PÉREZ ROQUE NO ENCONTRO SOBRE DEREITOS HUMANOS DA HABANA

Na apertura do encontro internacional “A Declaración Universal dos Dereitos Humanos: 60 anos despois”, celebrado no Pazo de Convencións de La Habana, o pasado 10 de decembro, o Ministro de Estado de Cuba, Felipe Pérez Roque recordou o labor da Revolución a prol da xustiza e da igualdade.

 Intervención de Pérez Roque
Intervención de Pérez Roque

 

A seguir, reproducimos o texto completo do discurso:

Queridos familiares dos nosos Cinco Heroes, prisioneiros políticos nos Estados Unidos.

Caros amigos e amigas, chegados dende os máis diversos lugares para participar neste encontro.

Compañeiras e compañeiros cubanos.

Saudamos a iniciativa dos Capítulos venezolano e cubano da Rede de Redes “En defensa da Humanidade” e da Comisión Nacional Cubana da UNESCO de convocar este Taller Internacional “A declaración universal dos Dereitos Humanos: 60 anos despois “. Aos amigos chegados doutros países, dámoslles a cordial benvida á nosa patria.

Hai sesenta anos a Asemblea Xeral das Nacións Unidas adoptou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. A súa aprobación foi posibel na circunstancia da vitoria das forzas progresistas sobre o fascismo e constitúe, sen dúbida, un éxito dos pobos na loita polo recoñecemento dos seus dereitos.

Endebén as limitacións resultantes do momento en que se proclamou, a Declaración marcou un fito e serviu de inspiración e estímulo para o ulterior desenvolvemento e codificación dos dereitos humanos, tanto das persoas coma dos pobos, incluído os dereitos de solidariedade.

En 1948, ao se aprobar a Declaración, comezara xa a chamada Guerra Fría. Practicamente a metade dos actuais Estados membros das Nacións Unidas estaban sometidos ao dominio colonial ou eran simplemente neocolonias. Foi a época na que impuxeron a Sudáfrica o aldraxante réxime do apartheid. Os combatentes cubanos contribuiron á súa derrota décadas despois.

Nun día como hoxe quero lembrar tamén a memoria dos máis de 2 000 combatentes cubanos caídos en África para conseguir a derrota do exército do apartheid e para obter a independencia de Namibia, a liberación de Nelson Mandela, o desmantelamento daquel odioso réxime e a preservación da integridade territorial de Angola. Hoxe é dia de lembrar o seu sacrificio, a miles de quilómetros de Cuba, e facer chegar tamén un testemuño de respecto aos seus familiares na nosa patria.

Aínda que o propio limiar da Carta das Nacións Unidas, proclamada en 1945, identificou entre os seus propósitos o respecto ao principio da libre determinación dos pobos, non foi até a década de 1960 que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou ese principio -o da libre determinación dos pobos- como un dereito.

Ao longo dos anos, a batalla de moitos países contra o atraso, xunto co labor das forzas progresistas no mundo industrializado, permitiu a ulterior reivindicación e recoñecemento doutros dereitos inalienabeis dos pobos, en particular, dos seus dereitos á paz e ao desenvolvemento.

En 1993, a Conferencia Mundial de Dereitos Humanos, celebrada en Viena, brindou un pulo importante á cooperación internacional en materia de dereitos humanos. O recoñecemento da universalidade, indivisibilidade e interdependencia de todos os dereitos humanos e da necesidade de lles dar un tratamento xusto e equitativo, foron elementos esenciais do consenso atinxido en Viena en 1993.

O respecto á diversidade, o recoñecemento das particularidades nacionais e rexionais, dos diferentes patrimonios históricos e culturais e do dereito dos pobos a establecer o seu propio sistema económico, político e social, erixíronse entón en elementos esenciais para a promoción dunha xenuína cooperación internacional en materia de dereitos humanos, sobre bases de obxectividade, imparcialidade e equidade.

Porén, os gobernos de Estados Unidos e os seus aliados seguiron a manipular a reivindicación dos dereitos humanos e a utilizala como ferramenta de chantaxe e presión contra aqueles países que, como Cuba, persistiamos no noso dereito á libre determinación e a independencia. Durante anos, asistimos ás prácticas discriminatorias e corruptas orquestradas na desprestixiada Comisión de Dereitos Humanos. Hoxe, saudamos que se dera constituido un Consello de Dereitos Humanos, libre daquelas prácticas aberrantes. Endebén, alertamos do perigo latente de que se pretenda entronizar no Consello de Dereitos Humanos, máis unha vez, un clima de confrontación e selectividade; se tal se lograse dariamos outravolta a batalla. Compre advertilo claramente neste día.

A proclamación do dereito dos pobos á solidariedade internacional, nun mundo que padece as inequidades e o egoísmo dos máis ricos e poderosos, constitúe a máis recente conquista no desenvolvemento progresivo do dereito internacional dos dereitos humanos a prol dos intereses dos máis necesitados do planeta.

Caros amigos:

Pese a producírense avances no recoñecemento internacional dos dereitos humanos, a real aplicación de todos os dereitos humanos para todos os pobos e persoas non pasa de ser hoxe unha arela.

Unha minoría arrogante e insensibel irradia egoísmo, inxustiza, imperialismo, inequidade, estrago de recursos e consumismo. Fronte a eles está o desamparo, a fame e a desnutrición, o analfabetismo e as enfermidades de máis de 2 600 millóns de persoas que se preguntan hoxe, 60 anos despois da proclamación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, por que se lles condena a vivir para sempre na desesperanza e na pobreza.

A nosa voz érguese hoxe nun berro de denuncia e solidariedade cos 1 000 millóns de persoas que son vítimas da fame e a desnutrición, cos máis de 800 millóns que non teñen acceso á leitura e a escritura, cos 11 millóns de nenas e nenos que morrerán este ano, antes de cumpriren cinco anos, a causa de enfermidades que se poderían prever e curar.

Esta realidade tende a agravarse. A profunda crise á que o egoísmo e a irresponsabilidade arrastraron ao mundo, especialmente visibel nos ámbitos financeiro, alimentario, enerxético e climático, castiga sobre todo aos países do Sur e, dentro deles, aos máis necesitados, mentres que os responsabeis néganse a buscaren remedios en razón e só queren preservar os seus privilexios.

A alza sen precedentes nos prezos dos alimentos, a especulación irresponsabel cos prezos dos produtos básicos, o intercambio desigual, o enorme peso da débeda externa, o proteccionismo selectivo que impoñen os países ricos ao comercio e os subsidios que aplican, a redución dos xa insuficientes recursos destinados á Axuda ao Desenvolvemento -que non superan neste momento apenas o 0,28% do Produto Interno Bruto dos países desenvolvidos, cada vez máis lonxe daquel 0,7% do seu Produto Interno Bruto que prometeran en 1970 entregar á Axuda Oficial ao Desenvolvemento. Pasaron xa 38 anos daquela promesa, e hoxe, nun mundo onde son tan necesarios eses recursos para paliar e enfrontar as enfermidades, a pobreza, o analfabetismo, a falta de oportunidades para miles de millóns de seres humanos, apenas destinan o 0,28%; o que menos dedica, por debaixo do 0,2%, é o máis rico e poderoso de todos, Estados Unidos- e o incremento na frecuencia e magnitude dos desastres naturais, son só, xunto aos demais elementos que mencionei, algunhas das ameazas que hoxe enfrontan os nosos pobos.

Estamos chamados, máis do que nunca, a loitar polo establecemento dunha orde internacional equitativa, xusta e democrática. Non podemos aceptar que uns poucos países ricos condenen á pobreza e ao subdesenvolvemento á inmensa maioría dos pobos.

Unha orde internacional xusta, democrática e equitativa é unha condición imprescindibel para que os esforzos dentro dos países rendan os resultados esperados. Ningún país poderá atinxir o dereito á paz, ao desenvolvemento, á igualdade de oportunidades se non cambia a actual orde internacional, que constitúe o obstáculo maior a que os esforzos nacionais poidan ter resultados máis alá dos esforzos dos gobernos e dos pobos.

Esa inxusta e antidemocrática orde internacional que se nos impón é tamén responsabel do abismo que separa ao Norte do Sur en canto á produción, o acceso e intercambio da información. Sustenta, a maiores, a violación do dereito dos nosos pobos a recibir información veraz e obxectiva, requisito imprescindibel ao exercicio da liberdade e a libre determinación.

Somos bombardeados continuamente por falsas alegacións ou percepcións terxiversadas da nosa propia realidade. A mentira vólvese práctica cotiá. Inténtase interpretar e escribir a historia dende a óptica dos poderosos. Preténdese xustificar a discriminación e a xenofobia. Inténtasenos facer crer que somos responsabeis do subdesenvolvemento imposto aos países do Sur.

Un día como hoxe, Cuba reivindica o noso dereito a unha Nova Orde Internacional da Información e as Comunicacións que faga posibel o desfrute da liberdade de expresión e información para todos, en condicións de obxectividade e xustiza.

Cuba reivindica o respecto á diversidade cultural e a promoción e defensa das culturas dos nosos pobos, como garantía de identidade e arma insubstituíbel na protección da soberanía das nosas nacións.

O noso mundo, queridos amigos, foi testemuña das máis abominabeis violacións dos dereitos humanos. No pasado recente, centos de miles de familias latinoamericanas cubríronse de loito ante as atrocidades cometidas por ditaduras militares patrocinadas por Estados Unidos.

Expresamos a nosa solidariedade coas vítimas de aqueles crimes e os seus familiares, e esiximos xustiza. Un día como hoxe, en que se cumpren 60 anos da proclamación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, val recordar que a nosa Revolución, atacada con saña, bloqueada, asexada, invadida, bombardeada, vítima do terrorismo, vítima das sabotaxes, vítima das campañas de descrédito, que tivo que defenderse durante 50 anos, fíxoo, baixo o liderado e o maxisterio de Fidel, no respecto absoluto aos máis elevados principios da ética.

Val recordar, un día como hoxe, que non hai unha soa familia cubana que nos últimos 50 anos chore un familiar desaparecido; non hai quen chore un familiar asasinado extra xudicialmente. Non hai unha soa familia cubana que denuncie trato inhumano e degradante, torturas como as que se aplicaron nos países de América Latina que enfrontaron ditaduras tenebrosas apoiadas por Estados Unidos, como as que se aplicaron durante o Plan Cóndor, o secuestro, a tortura sen límites, a vesania contra os presos indefensos.

Hoxe non hai ningunha familia cubana que chore un familiar desaparecido ou asasinado, como non hai ningunha familia cubana que lamente que o seu fillo non poida ir á escola ou que o parente enfermo non poida exercer o seu dereito a recibir atención médica.

Deses case 1 000 millóns de analfabetos que hoxe lamentamos no mundo, ningún é un cubano que por falta de acceso aos recursos económicos imprescindibeis non poida enviar o seu fillo á escola.

Os participantes neste encontro poderán saír agora ás rúas de La Habana a ver se atopan nalgún semáforo un neno limpando os cristais do carro e pedindo algo de comer. Non o han atopar.

Defendemos a Revolución; construímos unha obra, imperfecta como toda obra humana, perfectibel; somos os máis inconformes. Temos noción clara de que falta moito máis por facer que o que logramos, e aspiramos á xustiza non solo para o noso pobo, senón para todos os pobos da Terra, porque consideramos ao mundo a nosa patria, porque Patria é humanidade, como nos ensinou José Martí. Pero val dicer, cando vai abrindo o nevoeiro das campañas mendaces contra Cuba, que a Revolución Cubana defendeuse sen aplicar xamais o “ollo por ollo” e “dente por dente”, sen aplicar xamais o que “o fin xustifica os medios”, preceptos borrados da práctica dos revolucionarios cubanos, aínda en medio da defensa dun país acosado e ameazado de xeito permanente.

Un día como hoxe sumamos as nosas voces para esixir xustiza xunto aos centos de miles de familias latinoamericanas que sofren aínda hoxe e choran a perda de seres queridos, mentres reclaman o cesamento da impunidade para os represores.

Baixo o pretexto dunha suposta guerra global contra o terrorismo ou a hipócrita e falsa promoción da liberdade e a democracia, inténtase legalizar a agresión e a ocupación militar e perpétranse graves violacións dos dereitos humanos; inténtase xustificar os bloqueos e a coacción; búscase impoñer o modelo político, económico e social que responda aos intereses e designios dos poderosos, e discrimínanse culturas e relixións.

Un dos exemplos máis aborrecibeis do desprezo á condición humana, é a creación e a permanencia, aínda hoxe, do centro de detencións arbitrarias e torturas estabelecido na ilegal Base Naval que Estados Unidos nos impón en Guantánamo.

Condenamos os abusos e violacións que teñen lugar alí e esiximos o seu peche inmediato e a devolución dese territorio á nosa patria.

En inequívoca proba da falsidade e a hipocrisía da política de Estados Unidos en materia de terrorismo, as súas autoridades eluden aínda a súa obriga de axuizar por cargos de terrorismo ou extraditar a Venezuela ao terrorista Luis Posada Carriles, un dos principais responsabeis da destrución en pleno voo dun Avión de Cubana de Aviación, en 1976, con 73 persoas a bordo. Aquí, entre nós, están hoxe compañeiras e compañeiros que perderon familiares vítimas dese acto de terrorismo. Un día como hoxe reiteramos a nosa demanda de que os terroristas concorran por fin ante a xustiza e que cese a impunidade e a protección que o goberno de Estados Unidos concedeu a homes que levan sobre os seus ombros a responsabilidade de asasinar decenas de persoas inocentes. Non obstante, ao mesmo tempo, o goberno de Estados Unidos mantén cinco cubanos inxustamente encarcerados por 10 anos xa, por desafiar a impunidade que gozan os grupos terroristas que actuaron contra o pobo cubano ao longo de décadas dende Miami.

No Día Mundial dos Dereitos Humanos, esiximos tamén a inmediata liberación de Gerardo, Ramón, Antonio, René e Fernando. A súa firmeza, a súa integridade e os seus profundos valores éticos serven de inspiración ao pobo cubano e a todos os defensores de dereitos humanos no mundo.

Aos seus familiares aquí presentes, reiterámos o noso compromiso de non parar, non nos cansar e non desistir da batalla porque eles regresen xunto ás súas familias e o seu pobo.

Compañeiras e compañeiros.

Caros amigos:

Cuba, bloqueada e asediada por 10 sucesivas administracións do Goberno de Estados Unidos durante case cinco décadas, pode mostrar hoxe avances substantivos e irrefutabeis, resultados de programas e plans nacionais encamiñados a mellorar as condicións de vida do noso pobo e o desfrute de todos os dereitos humanos.

Reitero, non obstante, a nosa aspiración a construír a sociedade con xustiza e igualdade de oportunidades e benestar para todas as cubanas e cubanos, coa que soñamos, pola que loitaron e batallaron xeracións de cubanos e que constitúe aínda un fito por atinxir.

Neste Día Mundial dos Dereitos Humanos, quero lembrar de, modo especial, aos máis de 37 000 profesionais cubanos da saúde que se atopan salvando vidas en 73 países. Eles son o testemuño do que, como dixera Fidel: “Revolución é modestia, desinterese, altruísmo, solidariedade e heroísmo”.

Aos miles de médicos, enfermeiras e técnicos da saúde cubanos, que neste intre camiñan polos penoutos de Guatemala, ou viven xunto aos habitantes dos barrios de Caracas, no Altiplano boliviano, no mato africano, a eses homes e mulleres que a esta hora tratan a un enfermo, alivian a dor, levan unha palabra de consolo ou un medicamento, lonxe dos seus fillos, a miles de quilómetros dos seus fogares,

Dedicamos, hoxe, Día Mundial dos Dereitos Humanos, unha mensaxe especial e un pensamento de todo o seu pobo e os seus familiares.

No ano en que se cumpre o 60 aniversario da proclamación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, Cuba renova o seu compromiso contra toda discriminación e coa loita por un mundo de xustiza, liberdade e igualdade para todos.

Nun día como hoxe, expresamos a nosa satisfacción de recibilos a vostedes, de poder intercambiar, compartir, debater sobre este sono imprescindibel que guía os nosos actos e as nosas loitas de conquistar un mundo con xustiza, igualdade e paz para todos.

Quero, de modo especial, lembrar a Fidel que foi o artífice e o guía dos cubanos na súa loita polo respecto aos dereitos humanos para o noso pobo e para os nosos irmáns máis alá das nosas fronteiras.

Renovo o noso compromiso coa construción dunha América Latina integrada que loite unida polos dereitos dos seus pobos.

Quero tamén reiterar a nosa esperanza de ver un día un Puerto Rico libre e independente, de ver ao seu pobo exercer o seu dereito á libre determinación e incorporarse en carácter de membro pleno, xunto aos seus irmáns de América Latina e o Caribe.

E saúdo, en nome do noso pobo, todos os que en calquera recanto do planeta batallan cada día por construír ese mundo mellor que todos soñan.

Benvidos, e que teña éxito noso Encontro Internacional.

CONVERSA CO XURISTA FABIO MARCELLI

A Xustiza norteamericana sométese ao interese imperial no caso dos Cinco

FABIO MARCELLI (Roma,1956) é primeiro investigador no Instituto de Estudios Xurídicos Internacionais do Consello Nacional de Investigacións de Roma. Vicesecretario da Asociación Internacional de Xuristas Demócratas, membro do Consello de administración da Asociación Europea dos Xuristas para a Democracia e os Dereitos Humanos no Mundo e presidente do Centro de Investigación e Elaboración para a Democracia (CRED).

Marcelli é coñecido polas súas intervencións en todo o mundo (Israel, Estado Unidos, Turquía) a prol dos dereitos básicos das persoas. Marcelli expresa en voz ben alta, en todos os foros internacionais, a necesidade de facer xustiza aos Cinco.

O entrevistador M.L. GONZÁLEZ é membro da Plataforma Canaria de Solidariedade cos Pobos.

funf_28_10_2008

M.L. GONZÁLEZ- Cal é a súa visión do Caso dos Cinco?

FABIO MARCELLI- Compre resaltar que neste caso se dá unha violación flagrante, por parte das autoridades estadounidenses, da obriga que teñen os Gobernos de cooperar contra o terrorismo. Pero é que, ademais, houbo e segue habendo varias violacións dos dereitos humanos dos Cinco e dos seus familiares, tal como subliñou o Grupo de Traballo sobre detencións arbitrarias de Nacións Unidas. A Fiscalía estadounidense non puido probar ningún dos cargos polos que se ditaron gravísimas penas contra os Cinco.

M.L. GONZÁLEZ- Unha instancia da ONU e un panel de tres xuíces do Onceno Circuito de Atlanta declararon ilegais as súas detencións e nulos o xuízo e as sentenzas contra eles.

FABIO MARCELLI- Neste punto creo necesario sinalar que, aínda que non se dea unha translación inmediata dos feitos ao terreo do real, as consecuencias deste caso, para a administración de Xustiza estadounidenses, son extremadamente negativas. O proceso seguido contra Ramón Labañino, Fernando González, Antonio Guerrero, Gerardo Hernández e René González é un xuízo político e á vista do dereito e da xustiza, non constitúe outra cousa que unha farsa dantesca.

M.L. GONZÁLEZ -Existen precedentes noutros pronunciamentos da ustiza norteamericana?

FABIO MARCELLI -Nos casos de Sacco e Vanzetti, Ethel e Julius Rosenberg ou Mumia Abu-Jamal) a Xustiza foi posta ao servizo da política, converteuse no seu instrumento e iso significa que a xustiza, como tal, negouse a si mesma, ao seu espírito e aos fins que debe cumprir. Hai que defender a Xustiza por enriba de calquera interese particular ou político. No caso dos Cinco, as circunstancias que concorren son aínda máis graves, porque resulta evidente a instrumentalización política deste xuízo en beneficio da comunidade de exiliados cubanos de Miami, casualmente grandes electores de Bush.

M.L. GONZÁLEZ -Fálenos do caso concreto de Gerardo Hernández. Segundo o avogado Weinglass é o máis doado de resolver xudicialmente, pero, malia iso é sobre o que pesan maiores penas (dúas cadeas perpetuas).

FABIO MARCELLI -Este é o aspecto máis político de todos. Os xuíces e a Fiscalía de Estados Unidos quixeron involucrar a Gerardo no derrubamento (feito por Cuba, baseándose na violación continuada do seu espazo aéreo e despois de lanzar varias advertencias sobre iso) dos avións da organización “Hermanos al Rescate” cando é evidente que a decisión foi tomada autonomamente polo goberno cubano e que foi conforme o dereito internacional. En xuño os xuíces de Atlanta dividíronse ao respecto e a xuíza Kravitch emitiu unha opinión individual na cal absolve a Gerardo de calquera acusación.Outro aspecto escandaloso do caso de Gerardo é que terían que revisar a pena por espionaxe que pesa sobre el e que, como no caso dos seus outros compañeiros, tamén é excesiva. Lonxe disto, os xuíces afirman textualmente que “… en definitiva xa ten unha cadea perpetua e que nunca podería pagar dous, así que, polo tanto non vale pena gastar enerxías en revisala”.

M.L. GONZÁLEZ -A antítese do que sucede cos Cinco é o trato dispensado ao terrorista confeso, Luis Posada Carriles, por parte da administración de xustiza estadounidense. ¿Como se sostén que un asasino confeso, con delitos de sangue ás súas costas estea en liberdade mentres os Cinco ou Mumia sigan na cadea ?

FABIO MARCELLI -Esta tamén é a demostración do carácter parcial da xustiza penal en Estados Unidos. O Goberno estadounidense recusou o pedido de extradición presentado por Cuba e Venezuela, co que novamente están a incumprir o deber que teñen de cooperar contra o terrorismo.

M.L. GONZÁLEZ -Tras o fallo do Tribunal de Apelacións de Atlanta, o seguinte paso é o recurso ante o Tribunal Supremo de EEUU.

FABIO MARCELLI -A corte suprema é a máxima xurisdición estadounidense, pero non por iso cabe esperar algo distinto dela. O xuízo contra os Cinco non ten nada que ver co legal, ten que ver coa política e iso é o que vai determinar a decisión. En canto aos tribunais internacionais, non existen moitas posibilidades de acodirmos a eles. A política de EE.UU é extremadamente renuente á xustiza internacional. Porén, o que si pode facer o Goberno de Cuba é pedir unha opinión consultiva ao Tribunal Internacionalñ de Xustiza a través da Asemblea Xeral de Nacións Unidas, a cal, por certo, pronúnciase cada ano e cada vez en maior número a favor do fin do bloqueo dos EE.UU contra Cuba, outra das cuestións polas que o Goberno estadounidense debería responder ante a opinión pública mundial.

M.L. GONZÁLEZ -Existen preto de 300 asociacións e comités por os Cinco en máis de cen países do mundo, que se pode facer dende esas plataformas para lograr a liberación dos Cinco?

FABIO MARCELLI -Que salienten as implicacións internacionais deste xuízo, así como os seus aspectos xuridicamente escandalosos. Aínda existe un enorme descoñecemento sobre este caso, sobre as claves e as circunstancias que o rodean. O caso dos Cinco debe ser coñecido en toda a súa dimensión, da mesma forma en que debe saberse que a política de Estados Unidos é unha política imperialista que subordina a xustiza e o dereito ao interese por manter a súa posición de dominio mundial. Facendo unha proxección de futuro, a mesma sociedade civil estadounidense podería darse conta disto e obrar para afirmar a xustiza e o dereito.