Arquivo da etiqueta: Raúl

Raúl Castro cumpre o seu compromiso de mellorar a estrutura do goberno

Reorganización do goberno cubano.

A remodelación do Governo estaba entre as promesas de Raúl cando asumira a presidencia o 24 de febreiro de 2008 ainda que as prioridades de forza mayor, nun ano ciclónico esmagador, obrigaron a declarar un renovamento de prazos.

As dúas substitucións máis comentadas polas axencias do mundo rico foron ás do economista Carlos Lage Davila e a do chanceler Felipe Pérez Roque. Porén, a nota oficial que informa da substitución de Carlos Lage como executivo da administración do Estado, recorda que o economista segue a formar parte do cerne da governación xa que conserva o seu cargo de vice-presidente do Consello de Estado. Seguir lendo Raúl Castro cumpre o seu compromiso de mellorar a estrutura do goberno

UN DOCUMENTO INSULTANTE

Néstor García Iturbe

No mes de Maio do ano actual, o grupo de traballo estadounidense “Council on Foreign Relations” publicou un documento titulado “Relacións Estados Unidos-América Latina. Unha nova dirección para unha nova realidade.”

Este documento pretende ser unha guía de como debe conducir a política exterior cara a América Latina a nova administración que asuma o goberno de Estados Unidos como resultado das eleccións presidenciais. Seguir lendo UN DOCUMENTO INSULTANTE

CUBA: 50 ANOS DE REVOLUCIÓN

Os dereitos humanos e o poder revolucionario

Cuba ten sufrido manipulacións informativas que agochan intereses das multinacionais e da banca. É preciso lembrar como era a sociedade cubana antes do triunfo revolucionario e que foi o que se conseguíu dende 1959.

CUBA: 50 ANOS DE REVOLUCIÓN

En xaneiro de 1959 o movemento revolucionario cubano logrou a conquista do poder político rematando así cun período marcado pola tiranía de Fulgencio Batista, que levara á represión e á morte a miles de persoas. Non se pode entender este proceso sen o apoio maioritario da poboación, colaboradora en distintas intensidades coa guerrilla comandada por Fidel Castro.

No momento do triunfo había en Cuba só 6.000 médicos, dos que a metade marcha inmediatamente a EE.UU.. Non existía a medicina rural. O bloqueo imposto pola potencia norteamericana supuxo e supón a imposibilidade de fornezo de medicamentos á illa, xa que EE.UU. controla a case totalidade da produción mundial. Hoxe en día Cuba ten un médico por cada 193 habitantes. 35 mil realizaron labores internacionalistas. Aumentou a esperanza de vida en 13 anos.

A taxa de mortalidade infantil é de 5,3 por cada mil nados. Se América Latina tivese a mesma taxa cada ano morrerían medio millón de nenos e nenas menos. En Cuba son gratuítos todos os servizos de saúde, non hai doentes sen médicos, non hai médicos sen emprego.

En 1959 o 25% da poboación era analfabeta. Só 15 mil persoas estudaban carreiras superiores, concentradas na Habana. Nos anos 60 construíronse 10 mil novas escolas rurais. Fíxose a campaña de alfabetización. Hoxe en día hai un mestre ou mestra por cada 42 habitantes. A universidade está descentralizada e é absolutamente gratuíto todo o sistema educativo cubano. Nunca se pechou unha escola, un círculo infantil, un centro universitario.

En 1959 o 75% da poboación rural vivía en cabanas de madeira, co teito de folla. O 63% das vivendas tiñan o chan de terra. O 91% non tiña baño. Aplicouse a lei da Reforma agraria, que eliminou o latifundismo privado. Hoxe en día, con todos os problemas aínda pendentes, o 85% da poboación é dona da súa vivenda. Non coñecen as hipotecas.

En Cuba todas as criaturas teñen un teito onde durmir, unha roupa que poñer, alimento asegurado, un centro de saúde e unha escola onde serán atendidos. A diferenza de países da contorna e ata de grandes potencias nucleares, non dorme ningún na rúa, non son prostituídos nin son vítimas do comercio de órganos, tampouco son obrigados a traballar para vivir. Non morren de sarampelo, paludismo, difteria, pneumonía ou desnutrición.

En Cuba en 50 anos de Revolución non houbo un só caso de desaparición, nin un só caso de tortura, nin un asasinato político. Nunca foi empregada a forza pública contra a cidadanía. Son descoñecidas as brigadas antidisturbios.

En Cuba a participación social da muller conseguiu un relevante ascenso social a partir do triunfo da Revolución en 1959. En 50 anos de transformación social, conformouse unha plataforma que posibilitou en grande medida un cambio na vida da muller. A Revolución herdou unha poboación feminina da que o 80% nunca dera a luz en condicións hixiénicas, decenas de miles de mulleres exercían a prostitución, arredor dunhas 70 mil servían como domésticas. Unha nación onde a maioría das persoas analfabetas eran mulleres. Co triunfo da revolución as mulleres asumiron novas tarefas que as sacaron das súas casas. As transformacións da realidade social cubana dende a perspectiva de xénero tamén son visíbeis en campos coma o traballo, cunha acentuada proporción de técnicas e profesionais, educación e saúde.

Cuba realizou importantes labores de solidariedade internacionalista. Solidariedade auténtica, con maiúsculas, da que significa compartir o pouco que se ten, non da de dar parte do moito que sobra. Solidariedade que camiña e axuda a andar. Así foi con Angola, o que contribuíu á desaparición do apartheid, como declarou Nelson Mandela ao saír de prisión. Así aconteceu con Etiopía, Palestina, Sahara… e tantos países. Así ocorre hoxe con Venezuela e Bolivia, alfabetizando e operando a cegueira producida por cataratas, con Pakistán tan distante xeográfica e politicamente.

En Cuba estudaron miles de persoas dos países pobres, ata pobres dos países ricos. Hoxe en día xa hai licenciadas promocións da Escola Latinoamericana de Ciencias Médicas, creada despois de que o furacán Mitch asolara rexións enteiras de América. Alí estuda mocidade que ven de EE. UU. tamén, onde nunca poderían sequera soñar con ingresar nunha universidade, e fano ao mesmo custo que ten á xente de Cuba: é gratuíto.

Cuba recibe continuos ataques interesados dunha prensa mundial que está en poder da banca e das grandes multinacionais. Asocian os dereitos humanos á libre empresa, á suposta liberdade de comercio. Para quen tivemos a oportunidade de coñecer Cuba, de falar coas súas xentes, de interesarnos por aquilo que se sae da viaxe turística, resulta indignante ler, ver e escoitar opinións que son propaganda, non información.

Cuba tivo e ten moitos problemas. Ao acto xenocida que supón o bloqueo imposto por EE.UU. de facto desde 1959, uniuse a desaparición do 85% do seu comercio exterior a principios da década dos 90 do pasado século. Pero o que conquistou nos duros anos vividos, coa ameaza do país máis armado da historia non se perdeu. Malia as continuas agresións sufridas por organizacións terroristas que teñen a súa base en EE.UU. e que pretenden rematar co conseguido para recuperar os privilexios que a historia lles arrebatou. A loita antiterrorista que Cuba ten dereito a exercer para defenderse supuxo a prisión para os 5 compañeiros que levan 10 anos presos en condicións penosas en EE.UU. logo de xuízos manipulados.

Os Dereitos Humanos cúmprense en Cuba dun modo que para as persoas que cremos no ser humano como individuo e tamén como parte dun colectivo que debe traballar en común para crear un mundo mellor é non só indubidable senón tamén impresionante. Cuba é un exemplo, un paradigma de cumprimento dos Dereitos Humanos, da loita secular da humanidade polo futuro.

O único territorio de Cuba onde hai tortura é a base militar do exército de EE.UU..en Guantánamo. Aí si se pode denunciar con fundamento o incumprimento dos Dereitos Humanos.

Base militar do exército de EE.UU. en Guantánamo
Base militar do exército de EE.UU. en Guantánamo

 

Pasarán máis de mil anos, moitos máis, é a historia esquecerá a George W. Bush, confundirá a el co seu papá, dubidará se o bombardeo de Belgrado foi cando Clinton, pero seguirá lembrando a Fidel e Raúl Castro, Vilma Espín, Celia Sánchez, Abel Santamaría, Frank Pais, Camilo Cienfuegos e a Che Guevara.

A Revolución Cubana é xa un patrimonio da humanidade, acontecemento que significa esperanza no que os pobos son quen de facer. Para quen estamos en contra da guerra entre pobos, mais tamén non concebimos a paz entre as clases, podemos afirmar que, para a historia colectiva, a historia que fan os pobos, sen a Cuba revolucionaria, nada sería igual.

CONFERENCIA DE DARÍO MACHADO EN SANTIAGO

O profesor do Instituto Internacional de Periodismo “José Martí”, afirmou martes 28 de outubro no Clube Internacional de Prensa de Galicia que as previsións que se fixeran cando desapareceu a URSS, aventurando que Cuba non daría aguantado, cumpríronse para os propios agoreiros “porque o que caeu foi o sistema capitalista”.

“Polo noso propio proceso revolucionario -sinalou Machado- Cuba está mellor preparada contra a crise ca os países capitalistas, e en mellor posición para enfrontar os reveses superando todo tipo de agresións”.

Darío Machado
Darío Machado

 

O profesor titular da Cátedra de Xornalismo de Investigación, afirmou que en Cuba, “unha das nosas máximas é producir con eficacia o que temos, e distribuír con xustiza o que se produce”.

Referíuse Darío Machado a tres propostas que hoxe circulan na opinión pública de Cuba: “Seguir pola mesma vía que hoxe transitamos; privatizar a pequena e mediana empresa para incentivar o desenvolvemento e a eficiencia, ou que non se privatice nada para non derramar os principios socialistas, pero enfocar a produtividade mediante a creación de cooperativas e outras fórmulas que non contradigan os nosos principios”.

“O Noso modelo de benestar e calidade de vida ten que ser un modelo propio cubano -acrecentou Machado- pois non podemos tomar como exemplo ningún país capitalista nin occidental, pois estamos situados nun contexto moi diferente, que é o latinoamericano”. Lembrou que moitos coidaban que Cuba non podería manter a súa independencia ao caer a URSS. “Con todo -sinalou- non só non caemos, senón que quen caeu foi o sistema capitalista”. O profesor indicou que, sguramente Cuba está máis preparada para resistir a crise internacional que os propios países capitalistas, dado que leva case 50 anos loitando contra todo tipo de agresións, resistindo, e defendendo a soberanía nacional, a identidade e o dereito a decidir o futuro. “Foron moitas as loitas que tivemos que afrontar, e iso nos dotou de fortaleza e de capacidade de superación”.

En relación co programa de Barak Obama para a Casa Branca, Darío Machado sinalou que existía unha contradición clara entre os intereses de EEUU e os de Cuba, aplicabel tamén a outros países latinoamericanos. “O pobo cubano non experimenta animadversión ningunha fronte ao pobo norteamericano, e iso é o que hai que seguir mantendo. Obama de presidente non é que sexa unha solución, pero é certo que foi o único que falou abertamente de dialogar con Cuba, cousa que non fixo o candidato republicano”. Con todo, recordou que “tanto republicanos como demócratas pertencen á mesma estrutura política, polo tanto, non hai que esperar ningún milagre, aínda que si pode haber cambios”.

Cambiar, por exemplo, a opinión que ten o goberno de EEUU de que Cuba trafica con dólares, “no canto de recoñecer que o que facemos é comerciar; con outros países en moeda Dólar; EEUU xa sancionou duramente un banco suízo por negociar, por comerciar connosco”. Ese concepto de “tráfico” ten que substituilo por “comercio”. Os cambios estruturais, non son -para Darío Machado- un obxectivo fundamental dos demócratas.

O profesor Machado dixo que Fidel continúa mantendo o liderado político, aínda que foi substituído lexítima e democraticamente, na Asemblea Nacional do Poder Popular, polo seu irmán Raúl. “Con todo, as Reflexións de Fidel seguen influíndo na política cubana, porque entre outras cousas, a sociedade cubana é fidelista”. Machado falou tamén do caso dos “cinco heroes cubanos” presos en EEUU, “mediante un proceso xudicial que contravén a propia lexislación estadounidense, algo incongruente, incoherente e que demostra a animadversión do goberno de EEUU cara ao noso pobo”.

Machado explicou que o sistema democrático da illa fica patente en que “máis de 1 millón 300 mil propostas dos cidadáns e cidadás cubanas chegaron ao goberno para seren transformadas en medidas políticas. E as máis importantes, dende logo, non foron a posibilidade de entrar nos hoteis, senón o desenvolvemento da economía cubana, algo que preocupa ao noso pobo e para o que buscamos solucións reais e efectivas”.

(Clube Internacional de Prensa de Galiza)

O LEGADO ÉTICO E POLÍTICO DA REVOLUCIÓN, REIVINDICADO NO X ENCONTRO ESTATAL DE SOLIDARIEDADE CON CUBA

Trescentos dous delegados/as pertencentes a 72 Asociacións de Amizade con Cuba, Institucións e organizacións sociais, sindicais e políticas reunidos en Sevilla (Andalucía) reivindicaron o legado ético e político da Revolución Cubana á que recoñecen como proceso histórico de democracia das grandes maiorías e de defensa de ideais de xustiza e solidariedade.

O Encontro celebrouse nos días 2, 3 e 4 de maio e produciu unha resolución final que salienta a dignidade revolucionaria e soberana de Cuba no medio do bloqueo e nun mundo asoballado pola privatización, o saqueo colonial e o dominio financeiro neoliberal.

O texto da Declaración de Sevilla é o seguinte:

A. – O mundo de comezos deste século XXI, baixo a supremacía dos Estados Unidos e mediante a imposición de políticas de privatización económica e dominio financeiro neoliberal, mantén a centos de millóns de seres humanos na miseria, a enfermidade e a ignorancia, e manifesta xa, pola cobiza estragadora do capitalismo, sinais de cambio climático que ameaza unha desfeita para a Humanidade; que asola nacións enteiras do Terceiro Mundo con guerras de pillaxe neocolonial e imperialista que arrafañan seus recursos e rompen as bases culturais, políticas e económicas das súas sociedades. Porén, neste mundo á beira da barbarie, Cuba sobrancea coma unha pequena nación que, con todo e as agresións e difamacións que sofre, mantense digna, revolucionaria e soberana.

B.- Denunciamos o bloqueo que as sucesivas administracións norteamericanas practican contra Cuba; denunciamos o sistema global de agresión que establece medidas de carácter político, económico, cultural e diplomático para causar sufrimento ao pobo cubano e impoñer pola forza un proxecto de recolonización da Illa.

Neste sentido, o Plano Bush é a última volta de fuso deste propósito de intervención ilegal do goberno norteamericano e o recente programa de visitas na UE de Caleb McCarry, designado polos EE.UU. procónsul para a restauración neocolonial, ten como obxectivo promover divisións entre os gobernos da Unión Europea e manter a súa subalternidade política e, con ela, as medidas de cerco contra a soberanía nacional de Cuba que se ven chamando Posición Común Europea.

C. – Esiximos ao goberno español que leve a cabo as accións necesarias ante a Unión Europea para a denuncia da Posición Común Europea e o cesamento das medidas punitivas contra Cuba que establece; propugnamos un marco de relacións baseado no respecto e a colaboración entre nacións soberanas.

D. – Reivindicamos o legado ético e político da Revolución Cubana á que recoñecemos como proceso histórico de democracia das grandes maiorías e de defensa de ideais de xustiza e solidariedade.

A Revolución Cubana, liderada por grandes revolucionarios, como Camilo, o Ché, Raúl e Fidel, permitiu a Cuba liberarse da miseria, vivir en dignidade e ser soberana e a construccion e defensa heroica dun arsenal de armas intelectuais que están a exportar a toda a Humanidade na loita po un mundo mellor.

E. – Grazas á resistencia de Cuba, da súa Revolución e de Fidel, a socialización da produción, da política, do saber revélanse de novo como as mellores ferramentas contra a barbarie capitalista e esta resistencia permitiu que unha nova relación de forzas favorable aos pobos latinoamericanos fortaleza a hexemonía das ideas progresistas e antiimperialistas nese continente. Apoiamos a Alternativa Bolivariana de las Américas (ALBA) porque constitúe un proxecto de integración e desenvolvemento con criterios de equidade, xustiza social e sostenibilidad.

F. – Os colectivos e organizacións participantes neste Encontro integran un movemento asociativo plural e democrático no estado español para a solidariedade política con Cuba, o seu goberno, o seu pobo e o proxecto histórico da Revolución Cubana, proxecto que se sostén no desenvolvemento cultural, na equidade social e na soberanía nacional, no internacionalismo e na axuda aos pobos máis desfavorecidos, na defensa da paz mundial e das relacións xustas entre as nacións.

Cuba, a pesar de ser unha pequena nación e de estar sometida ao acoso e á agresión da maior potencia militar que coñeceu a Humanidade, exhibe e afonda nun modelo social e político que é, hoxe por hoxe, no noso mundo actual, o máis avanzado no terreo das ideas, dos principios éticos e das realizacións educacionais, de saúde e seguridade social para as necesidades de toda a nación.

Por todo iso, este X Encontro de Solidariedade con Cuba del Estado Español comprométese a:

1. – Incrementar os seus mecanismos de coordinación e a súa axenda común de traballo para reforzar o campo orgánico e social que precisa a solidariedade política coa revolución cubana.

2. – Declarar como liñas estratéxicas de traballo para os próximos meses: Manter a denuncia do bloqueo e do acoso imperialista norteamericano a Cuba, así como o desmantelamento da base naval e centro de torturas que Estados Unidos mantén na base de Guantánamo que debe ser restituido á integridade territorial cubana.

3.- O afortalamento da campaña pola liberación dos cinco cubanos prisioneiros en cárceres dos Estados Unidos por loitar contra o terrorismo que se organiza no territorio dos Estados Unidos contra Cuba. A esixencia ao Goberno español para que realice as accións necesarias que consigan o cesamento das medidas punitivas chamadas Posición Común Europea.

4. – Consolidar e fortalecer todos os recursos e ferramentas que nos permitan combater o feroz acoso informativo a Cuba e aos gobernos progresistas de América Latina e conseguir que nos nosos pobos e cidades se coñeza a realidade de Cuba como nación que, aínda que sometida a inxustas agresións, loita cada día por ser máis solidaria, xusto, plural, participativa, que traballa polo desenvolvemento cultural e humano do seu pobo, que se mantén digna fronte á violencia e a dominación dos poderosos da Terra.

5. – Levar a cabo a todo o longo de 2009 unha Campaña ampla e coordinada para conmemorar o 50 Aniversario da Revolución Cubana, reivindicar a traxectoria e o pensamento do Comandante Fidel e celebrar o 80 Aniversario do natalicio do Comandante Ernesto Che Guevara.

6. – Aprobar, coas achegas acordadas polo Plenario o Documento Marco deste X Encontro, baixo o título: “Con Cuba e a Revolución. Pola Paz e a Amizade”.

VIVA CUBA
VIVA A AMIZADE ENTRE OS POBOS
VIVAN FIDEL E RAÚL
POLA LIBERACIÓN DOS CINCO
CUBA VENCERÁ
SEVILLA, 4 DE MAIO DE 2008

Condenan a agresión estadounidense contra os pobos de América Latina.
A Asemblea aprobou tamén unha Resolución Contra a Agresión aos Pobos de América Latina por parte do imperialismo norteamericano.

O texto reza:

“Considerando os últimos acontecementos de carácter político en América Latina, e á vista da escalada militar perpetrada por EE.UU. e os seus réximes cómplices na área, faise máis que necesario e urxente establecer un posicionamento contundente fronte a esta situación por parte do conxunto de persoas e organizacións amigas dos pobos ao longo e ancho do mundo.

Conmemoramos dende 2007 e ao longo de 2008, o 40º aniversario da caída do Che en combate. O propio recordo desta data, serve como exemplo do onte e o hoxe da loita dos pobos latinoamericanos pola súa plena soberanía.

O Che caeu desenvolvendo unha misión internacionalista de esforzo e entrega para os pobos oprimidos polo xugo imperialista; o común, onte e hoxe, na loita que enmarcou a Xesta Boliviana e inspira a Alternativa Bolivariana para os pobos da nosa América, é por unha banda a pervivencia dun sistema de dominación imperial, cada día máis acosado, que esperta a resistencia dos dominados, pero que non se resigna a desaparecer polos sumidoiros da Historia.

O ataque á soberanía Ecuatoriana por parte do réxime tiránico uribista é unha mostra patente da renovada agresividade doimperialismo. Pero a agresión contra Ecuador non pode caracterizarse unicamente como un feito illado descontextualizado doutras ofensas, provocacións e accións armadas contra as nacións da Alternativa Bolivariana das Américas (Alba).

O pseudo referendo na provincia Boliviana de Santa Cruz, os interesados ruídos de sabres en Ecuador, a continua agresión económica e mediática e paramilitar contra Venezuela, e o bloqueo económico, difamación informativa, e patrocinio de accións terroristas contra Cuba forman parte dunha fase específica nunha estratexia de agresión aberta, unha contrarrevolución global evidente que debemos denunciar coa máxima firmeza.

Pero a Historia non pode deterse. Ben pode verse que os procesos de transformación social e emancipación popular tenden á unidade na acción, a práctica e a solidariedade, tal e como revela o afondamento e extensión da ALBA. É o temor á afirmación irrevogable deste proceso na rexión o motor que move a dinámica de terror e morte da estratexia actual do imperialismo.

Para alén das súas manifestacións en países concretos, o ataque a un pobo significa o ataque a todos eles. Por iso, o Plenario do X Encontro Estatal de Solidariedade con Cuba:

Expresa a condena rotunda da agresión do imperialismo norteamericano contra Ecuador.

Secomasí, transmite a súa solidariedade co irmán pobo Colombiano que, coas súas organizacións populares á cabeza, resiste fronte ao dominio despótico e expoliador do seu actual réxime político, súbdito dos Estados Unidos e cómplice dos seus máis infames crimes.

E, en terceiro lugar, saúda o progreso das forzas populares de América Latina, con Cuba como exemplo de loita e vitoria, que levan ao máis alto a dignidade de todos os pobos.

Apoio á Revolución Bolivariana

Os delegados e delegadas no Encontro de Sevilla emitiron aínda unha declaración de apoio ao Movemento de Loita Popular en América Latina. O texto aprobado di:

Os participantes neste X Encontro de solidariedade con Cuba expresamos o noso máis firme apoio á Revolución Bolivariana de Venezuela encamiñada ao socialismo.

As relacións económicas establecidas entre Cuba e a Revolución Bolivariana expresan a solidariedade, a igualdade e xusta reciprocidade que deben presidir os intercambios económicos entre os pobos.

Estas relacións preparan o camiño da integración Latinoamericana arredor da ALBA e en clave socialista.

Apoiamos tamén as loitas de liberación populares e nacionais en América Latina xunto aos correspondentes gobernos progresistas emerxentes, que pugnan por sacudirse as cadeas do neoliberalismo e que teñen na Revolución Cubana un referente socialista e de autodeterminación e soberanía nacional.

Contra a Posición Común Europea

A Asemblea produciu asemade unha Resolución polo fin da Posición Común Europea e o restablecemento de Relacións de Mutuo Respecto entre Cuba e Europa.

Os participantes en este X Encontro -di o texto do manifesto- esiximos do Goberno español que inste na Unión Europea á derogación inmediata da denominada Posición Común cara a Cuba, así como ao restablecemento de relacións de mutuo respecto e igualdade para co pobo e o Goberno cubanos.

Endebén, esiximos que as relacións co Pobo cubano se realicen por medio dos seus lídimos representantes, que son as autoridades revolucionarias, e reclamamos o fin do financiamento de grupúsculos contrarrevolucionarios e desestabilizadores afincados no Estado español.

Tamén denunciamos con firmeza e repudiamos enerxicamente o comportamento de submisión e seguidismo que para co imperialismo norteamericano adoptaron algúns gobernos da Unión Europea.