Terceiro candidato vacinal cubano contra a Covid-19 e primeiro de aplicación non hipodérmica

Prensa Latina – Terra Sen Amos

A comunidade científica cubana traballa nun terceiro candidato vacinal contra a COVID-19, o primeiro que non é de aplicación hipodérmica xa que será administrado por vía nasal.  O proxecto ten como obxectivo a inmunización por inhalación, pois o virus SARS-CoV-2, causante da COVID-19, é respiratorio e infecta a través da mucosa da nasofarinxe. O novo específico foi desenvolvido polo Centro de Enxeñaría Xenética e Biotecnoloxía (CIGB)

Gerardo Guillén, Director de Investigacións Biomédicas do CIGB,  dixo que a inmunización por via nasal favorece o desenvolvemento dunha resposta local, cuxo obxectivo é impedir o contaxio, a colonización e a transmisión do axente patóxeno.

A nova proposta vacinal ten a súa base nunha proteína do virus da hepatite B, producida por enxeñaría xenética recombinante en bacterias e fermentos en forma de partículas, cuxas propiedades tamén potencian o sistema inmune. O específico candidato a probas, utiliza a mesma estructura clínica de subunidades, baseadas en proteínas específicas obtidas a partir de métodos biotecnolóxicos, que está a ser aplicada nas dúas vacinas que están a ser experimentadas  polo Instituto Finlay de Cuba.

O doutor Guillén precisou que a plataforma por subunidade constitue o traballo previo máis complexo para a elaboración dun candidato vacinal, mais ten a vantaxe da seguridade, pois non se traballa cun virus nin cunha mestura complexa onde poden haber compostos tóxicos ou que xeren efectos non esperados no organismo.

O CIGB entregou esta semana a documentación para avaliar o novo candidato vacinal contra a COVID-19, ao cabo de ter sido aprobado polo Centro para o Control Estatal de Medicamentos e Equipos Médicos, a autoridade reguladora da illa.

Cuba ten dous fármacos contra a COVID-19 en fase de ensaios clínicos (Soberana 01 e Soberana 02) e espérase que para fins de 2020 a comunidade científica rexistre un cuarto candidato vacinal contra a pandemia. Eduardo Martínez,  presidente do grupo empresarial cubano BioCubaFarma, salientou que a estratexia trazada para ter vacinas cubanas contra a COVID-19 “vai ben” e antes de finalizar este ano, haberá catro candidatos en ensaios clínicos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará