The New York Times denuncia interrogatorios do FBI en Florida a cubanos partidarios do diálogo

TSA – Redacción

Cando petan portas no abrente no Estado da Florida, non é o leiteiro. Son axentes do FBI que visitan a cubanos e cubanas residentes coa escusa de recadar información, mais logo, o que semella unha comprobación casual, convértese nun interrogatorio. Cadra que todas as persoas visitadas teñen traballado de algún xeito polo diálogo entre a colonia cubana en Florida e o governo da Habana, unha opción crítica co bloqueo que gaña espazo no exilio e que adquire carta pública depois de Obama recoñecer o completo fracaso do cerco a Cuba. No límite da legalidade, os policías do dealbar din actuar contra un aumento da espionaxe procedente de Cuba. Un artigo publicado no The New York Times critica tanto o pretexto como a actuación do FBI.

Marcos Rubio regresa á Guerra Fria coa axuda de Trump e propón a mesma políitica de hai 50 anos contra Cuba.

A autora da reportaxe do  New York Times é a xornalista Frances Robles, procedente da redacción do Miami Herald e fora distinguida co prestixioso premio George Polk ao xornalismo de investigación. No seu traballo sinala que a intervención do FBI responde aos intereses dos grupos mafiosos anticubanos no Congreso dos EUA, capitaneados por Marco Rubio e acubillados na administración Trump. As persoas entrevistadas por Robles non dubidan en denunciar as visitas do dealbar coma un elemento mais da política de prohibición de viaxes sobre o Estreito da Florida, o endurecimento do bloqueo e a campaña orquestada arredor dos presuntos ataques sónicos,  o chamado Maine Sónico, contra a embaixada dos EUA na Habana.

Cuba considera inadmisibel esta nova manobra do governo de Trump e defende os dereitos de todas as persoas partidarias da normalización das relacións cos EUA así como o respecto ao traballo das legacións diplomáticas que foran restablecidas por mutuo acordo.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará