“Ti dis que Cuba é un estado fracasado e ocultas o fracaso de 60 anos de Bloqueo” (Carta de Pérez Esquivel a Joseph Biden)

Axencias – Terra Sen Amos

Adolfo Pérez Esquivel, Premio Nobel da Paz, recorda que Cuba non é ameaza para ningún país e require a Joseph Biden que acabe co bloqueo da illa. Exprésao asi nunha carta que recolle 19 de xullo Prensa Latina e na que recorda ao presidente dos EUA que a paz non se regala, constrúese coa vontade e esforzo das persoas e os pobos. “E a ti correspóndeche como xefe de Estado dun país con sinalado protagonismo na política mundial, ser construtor desa paz, buscar o ben, respectar os dereitos humanos dos pobos e á súa autodeterminación e soberanía, lamentábelmente violados a diário polos gobernos da túa nación até o presente”.

Pérez Esquivel é un dos promotores da campaña para a concesión do Nobel da Paz as Brigadas Médicas de Cuba. Na foto, un cartaz de agradecimento en Turín pola solidariedade cubana contra a Covid-19

O premio Nobel, nacido no barrio de San Telmo de Bos Aires de pais emigrantes de Combarro, defensor dos dereitos humanos, da autodeterminación e da Teoloxia da Liberación, repite a Biden a pregunta evanxélica de cómo se pode reparar no gaspallo do ollo alleo e non ver a trabe no propio, e convida ao titular actual da Casa Branca a reflexionar sobre a política dos gobernos dos EUA con Cuba, seus continuos ataques contra a illa e o criminal Bloqueo.

Noutro lugar da misiva fai gabanza de Barack Obama “que na parte final do seu mandato tivera a coraxe de viaxar a Cuba e de significar con aquel xesto para a Historia que a política de Estados Unidos coa illa non podía termar na agresión permanente e no asedio criminal”. Recorda que sen apoio parlamentar para arriar o Bloqueo, pechar a cadea de Guantánamo e pór fin as torturas na base ilegal dos EUA en territorio de Cuba, era reponsabilidade do Congreso desactivar as medidas represivas que violan todos os

dereitos e soberanía do pobo cubano.

En defensa de Cuba cercada, e vituperando a escalada de Trump por aumentar o castigo ao pobo e non permitir que quedase aberta a máis pequena fenda no Bloqueo, o pemio Nobel interpela a Biden: ¨Ten delicto que fales dos dereitos humanos e ameaces a Bolivia e Arxentina, bloquees Venezuela, sigas apoiando golpes de Estado no continente e que o ministerio de Exterior do teu goberno recoñeza a súa intervención no asasinato do presidente de Haití”.

“Cuba –recorda a seguir o autor da carta-  non é ameaza para ningún país senón exemplo de solidariedade cos pobos a través das súas Brigadas Médicas Henry Reeve, do Proxecto Milagre e do labor permanente no mundo xunto aos pobos que necesitan o apoio solidario para se desenvolveren e acadar vida digna. Ti sábelo ben, Joe, que Cuba nunca vai someterse á vontade dos EUA, á agresión, nin aos intentos de desestabilización social por máis que empregues as redes e os medios hexemónicos de comunicación; teñen unha capacidade de resistencia por riba de todas as agresións do teu goberno; é un pobo digno e con coraxe demostrada desde o triunfo da Revolución”.

A tensión da misiva non cede no seu estilo directo e reinvindicativo, ao lembrar a Biden que a humanidade vive momentos de dolor e desacougo por causa da Covid-19, que afecta a países ricos e pobres, con máis rigor para os segundos. “Termar no bloqueo a Cuba e a outros países é un crime de lesa humanidade, por todo o dano que causa á vida das persoas e os pobos. Ti dis que o sistema cubano é o dun Estado Fracasado, e ocultas que desde hai 60 anos soporta un Bloqueo inxusto e que foron os gobernos dos Estados Unidos os que de verdade fracasaron ao quereren sometelo e dominalo”. Pregunta a seguir se o propósito certo da súa presidencia é contribuír á paz e a unidade dos pobos “E se así for, de verdade, terás que rematar con valentía coas políticas opresoras do teu goberno e construír novos camiños de unidade e solidariedade en ben da humanidade. As persoas e os pobos teñen memoria; facer memoria ilumínanos o presente. Recollerás o que sementas e non esquezas, Joe, que ninguén pode sementar cos puños pechados: para  sementares, tes de abrir a man”.

Pérez Esquivel remata a súa carta a Joseph Biden (ao que se refire co diminutivo familiar Joe)  co seguinte voto: “Temos a esperanza de o pobo dos Estados Unidos, coma o resto do mundo, reclamar o final do Bloqueo. A democracia non se regala: constrúese coa vontade dos pobos e coa súa participación como protagonistas e construtores das súas vidas e da historia”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *