Todos os partidos galegos renden homenaxe a figura de Fidel

Terra Sen Amos – Redacción

A páxina Galicia Confidencial (GC)  abre dia 27 co titular “todos os partidos políticos do Pais renden homenaxe a figura de Fidel”.  Entre numerosos xuizos positivos “para o líder revolucionário de ascendéncia galega”, GC salienta a opinión  favorábel do Partido Popular, tanto na voz do vicepresidente da Xunta que declarou a Fidel coma un referente ou nas declaracións do presidente autonómico nunha entrevista en Radio Galicia, na que enviou condoléncias ao pobo cubano e reparou na relación familiar de Fidel con Galicia. O medio ilustra o que chama coincidencia entre esquerda e dereita, citando as opinións sobre Fidel de En Marea, BNG, Podemos, Galiza Nova, CIG, PSOE e PP.

Luz Fandiño lé o seu poema ante as persoas congregadas na Praza do Toural para honrar a memória de Fidel. Á súa dereita, Valentín Alvite, presidente da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil.
Luz Fandiño lé a súa elexía ao Líder da Revolución Cubana ante as persoas congregadas na Praza do Toural para honrar a memória de Fidel. Á súa dereita, Valentín Alvite, presidente da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil.

En Marea, na voz do seu voceiro parlamentar Luis Villares, refírese ao “carácter antimperialista da Revolución” e o feito de Fidel dar aos cubanos “as aspiracións vitais e a capacidade de vivir fóra da bota yanki,  canalizando as ansias de liberdade de todo un pobo en clave de transformación igualitaria”.

Da declaración de Ana Pontón, voceira do BNG, o médio dixital resume o exemplo sobranceiro de Fidel “na loita polos dereitos dos pobos, polos dereitos humanos, ao demonstrar que un pais pequeno pode loitar contra un império: os éxitos da revolución cubana quedan aí, pódense comprobar no propio país”.

Na crónica da homenaxe a Fidel convocada domingo na Praza do Toural de Compostela pola Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”, CG dá conta da presenza “de Galiza Nova e dun numeroso grupo de militantes de esquerdas, nacionalistas e independentistas, como a deputada de En Marea e militante de EU Eva Solla” e de porparte a defensa realizada por Podemos da figura do Lider da Revolución Cubana, na voz da a deputada Ángela Rodríguez que pediu “aos críticos de Fidel non dar leccións de democracia sen ter en conta as condicións materiais de Cuba porque a democracia é libertade, mais tamén as condicións materiais”.

Na persoa do secretário xeral Suso Seixo, a CIG sumouse a concentración do Toural e defendeu “a reivindicación mundial da figura revolucionária de Fidel como inspiración para os movementos de liberación nacional e a loita polo socialismo, principios fundacionais do sindicalismo nacionalista galego que representa a CIG”. En palabras de Seixo, “os principios revolucionarios de Fidel continúan vixentes”.

Do PSdeG translada declaracións de varios dirixentes, con críticas ao presidente electo de EUA e afirmacións positivas sobre a vixéncia da Revolución Cubana como parte importante do herdo do século XX no panorama político internacional.

De porparte, Faro de Vigo publica información gráfica dos actos en recordo de Fidel en Compostela e Vigo e da ofrenda floral en Láncara, onde nacera Anxo Castro Arxiz, pai de Fidel e Raúl que son dende hai tempo fillos predilectos do Concello.

Nun Toural dominado polas bandeiras de Cuba e Galiza, en compaña de enseñas vermellas, a poeta Luz Fandiño leu un poema dedicado ao Lider da Revolución, logo de recordar que “homes como Fidel non morren nunca”. “Están connosco, con todos os pobos do mundo”, dixo a escritora antes de ler os seus versos.

A seguir reproducimos os versos de Luz Fandiño e as palabras de Valentín Alvite Gándara, presidente da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”. Ambalasdúas intervencións foron presentadas por  Xosé Manuel Viqueira Sendeex-presidente da Villamil.

“Foise Fidel/mais tras de si/ deixa un camiño/ aberto co seu exemplo/ de honradez/ de valentía/ de solidariedade!/ Deixa o vivo exemplo/ de que o poder/ non corrompe/ que só corrompe/ aos xa corruptos/ Fidel, Homes coma ti/ non morren/ pasan á inmortalidade/ pois ti deixas/ un camiño de Luz/ inmorredoira/ non só nos ollos físicos/ senón nas concencias/ Ti, Fidel, que lle deches/ corpo á teima/ de miña nai/ de miña avoa/ de min/ de toda a xente de ben/ a escola gratuíta/ a alimentación/ a sanidade igual/ para todas e todos…/ foi un inmenso privilexio/ coñecerte en vivo/ respirarte/ escoitarte/ tiñas tanto que dicirnos/ tanto que advertirnos…/ mais, Fidel, Heroes coma ti/ endexamais morren!”.

O texto de Valentín Alvite titúlase “A dimensión histórica da figura de Fidel Castro” e di asi:

“No día de onte, espertabamos coa noticia de que, nas rúas da cidade de Miami había persoas celebrando con enorme alegría a morte de Fidel Castro. Algunha delas afirmaban que, co triunfo da Revolución Cubana en 1959, a Illa perdera a democracia, caendo postrada baixo unha cruel ditadura. Ante esas afirmacións, debemos facernos unha pregunta moi simple. Como era Cuba antes de 1959? A través de calquera manual de historia, sabemos que, en 1952, un golpe de estado levou ao poder a Fulgencio Batista. Sobre este, o presidente estadounidense John F. Kennedy, cando aínda era senador, fixo a seguinte afirmación. “O máis desastroso erro de EE UU foi apoiar unha das ditaduras latinoamericanas máis sanguinarias. Fulgencio Batista asasinou 20.000 cubanos en sete anos.”

Vintecatro de febreiro de 1959, The New York Times revelaba que “a maior parte dos fondos do Tesouro Cubano voaron ao estranxeiro con Batista”, aludindo así ao roubo de 460 millóns de dólares por parte do ditador.Resulta igualmente esclarecedor que todos os que en 1959 abandonaron Cuba, alegando carencia de democracia, optaron por instalarse en EE UU, un país con segregación racial que privaba de dereitos á poboación negra; un país que apenas 14 anos antes causara un xenocidio coa súas bombas atómicas sobre Xapón e que, posteriormente, na década dos 60, cometería outras atrocidades en Vietnam.No momento actual, algúns dos que chaman tirano a Fidel, aclaman a Donald Trump, un agresor sexual, un defensor confeso da tortura e un racista vitoreado polo Ku-Kux-Klan.

Á Cuba posterior a 1959, ningún dos informes de Amnistía Internacional lle atribúe a existencia de tortura física, de asasinatos por razóns políticas ou de presos desaparecidos. Un paciente labor nunha hemeroteca permitiranos comprobar, ademais, que ningún xornal publicou nas últimas décadas noticias de brutalidades policiais ou de mortos en manifestacións populares, feitos que, lamentablemente, son tan comúns en tantos países. A permanente campaña mediática de demonización da Revolución Cubana intenta ocultar as súas conquistas sociais, aínda que estas sexan facilmente verificables. Ocúltase que unha das primeiras medidas do novo goberno revolucionario foi a Lei de Reforma Agraria, que entregou terras a 200.000 campesiños e que implicou, curiosamente, a expropiación dos bens agrícolas da propia familia de Fidel. Ocúltase a masiva campaña de alfabetización iniciada en 1960, que permitiu, en 1961, declarar a Cuba primeiro país de Latinoamérica libre de analfabetismo. Ocúltase que, en 2009, a Unicef afirmou que Cuba era o único país de Latinoamérica libre de desnutrición infantil severa. Ocúltase que, pesar das grandes dificultades económicas que padece a Illa, causadas en enorme medida polo bloqueo norteamericano, Cuba posúe a segunda menor taxa de mortalidade infantil do continente americano.

Sobre os logros no ámbito da saúde, o diario vasco Deia publicaba o 28 de agosto de 2006 o seguinte: “Cuba está presente en 68 países do terceiro mundo prestando asistencia sanitaria aos campesiños que habitan as rexións máis desfavorecidas” En datas máis recentes, en situacións tan terribles como o terromoto de Haití ou a epidemia do ébola en Äfrica, os sanitarios cubanos foron os primeiros en acudir a socorrer as vítimas. Un dos grandes referentes do século XX na loita polos dereitos humanos, Nelson Mandela, recoñecía en 1991 a extraordinaria contribución de Cuba na desaparición dun réxime tan brutal como era o apartheid sudafricano.

Poderiamos seguir enumerando outros moitos logros daquela rebelión emancipadora encabezada por Fidel Castro en 1959, pero non é esa a finalidade deste acto. Hoxe estamos aquí simplemente para render unha modesta homenaxe. Grazas, Fidel, polo teu exemplo de loita, de entrega, de solidariedade internacionalista. A túa obra, ideas e legado permanecerán para sempre nas futuras xeracións que seguirán loitando por un mundo máis libre, xusto, igualitario e humano.

Até a vitoria sempre, Comandante en Xefe!
Que viva Fidel e que viva a Revolución cubana!”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará