Trump coloca seu axitador anti-cubano Claver-Carone como presidente do Banco Interamericano de Desenvolvemento

Cubadebate – Terrasenamos

A Administración Trump consolida a entrega das dúas grandes institucións interamericanas aos ultraconservadores: sábado 12 de setembro, forzou o nomeamento de Mauricio Claver-Carone, voceiro do exilio de Miami, para a presidencia do Banco Interamericano de Desenvolvemento (BID) Os dous primeiros recursos de cobertura da política imperial para Latinoamérica, a OEA e o BID pasan ás mans do anti-cubanismo irredento dos herdeiros de Mas Canosa e dos representantes da restauración anti-demócratica en Venezuela. O estilo Trump de gobernar a couces, liquida a tradicción establecida polos EUA, de reservar a presidencia do BID para unha persoa do continente sur. Claver-Carone é un fanático dereitista de nacionalidade norteamericana e coñecido fontaneiro do Congreso contra Cuba, Venezuela e Nicaragua.

Até a data, existía un acordo non escrito de o presidente do poderoso banco de desenvolvemento proceder dun país latinoamericano. Trump despreza esta tradición co nomeamento do seu asesor contra Cuba, Venezuela e Nicaragua.

«A imposición por EUA dun amanuense do sector máis reaccionario da  política anti-cubana no BID, é un perigo e unha ofensa para nosos pobos –dixo o chanceler cubano Bruno Rodríguez Parrilla- É difícil atopar alguén menos indicado e vai dividir a rexión na súa defensa dunha axenda de dominación e da Doctrina Monroe».

Claver-Carone será o primeiro estadounidense que ascende á presidencia do banco desde a súa fundación en 1959, xa que rompe a tradición dos EUA aceptar unha candidatura proposta por un goberno Latinoamericano. De feito, até a data, existía un acordo non escrito de o presidente do poderoso banco de desenvolvemento proceder dun país latinoamericano, malia EUA ter o 30% do capital e os votos, e asi contar cun poder de veto de facto. Os dous últimos presidentes foron Enrique Iglesias, uruguaio, e o colombiano Juan Luís Moreno.

En palabras do ex asesor de Bill Clinton, Fulton Armstrong, “Claver-Carone é un agresivo lobista e bag-man (home da bolsa negra, ou engrasador de vontades con subornos) a prol da política exterior estadounidense máis reaccionaria”. Armstrong denuncia que a ficha de Claver-Carone foi forzada por Trump en colaboración co senador por Florida Marco Rubio, nunha estratexia de submisión imperial do continente que busca a sintonía reaccionaria e a exclusión de China e Rusia.

Peter Hakim, membro da fundación Interamerican Dialogue de Washinton, comenta que o nomeamento de Claver-Carone acomódase a pé feito a dous obxectivos preferentes de Trump “Contar co apoio electoral de Marco Rubio en Florida e restablecer a doutrina Monroe [“América para os Norteamericanos”] para frear a China no continente e asegurar o control das institucións interamericanas”.

Celso Amorim, excanciller de Lula da Silva consultado en Río de Janeiro, coida que a fórmula elixida pode facer moito dano a longo prazo mesmo en Estados Unidos. “O BID foi o vehículo do soft power (poder conciliador estratéxico) en América Latina e Trump quéreo converter nun pau de sanguiño para bater nas costas dos adversarios”. Sen experiencia na banca nin en relacións exteriores, Claver-Carone adoptará unha axenda de pre-conceptos ultra e irá de ganchete con Luís Almagro, o secretario xeral da OEA máis entregado a Casa Branca e aos ultras de Miami, na súa cruzada por dereitizar ao prezo que for o progresismo independentista de América.

Unha ruina histórica

O senador Patrick Leahy coida que no BID e na OEA prodúcese a ruina histórica das duas últimas institucións interamericanas que sobrevivían e acusa a Almagro de forzar un cambio na Comisión Interamericana de Dereitos Humanos coa axuda de Bolsonaro. De feito, en Brasil denuncian que Bolsonaro ten a dubidosa honra de ser o primeiro presidente que vota pola entrega de BID aos EUA, nun pacto no que Brasil terá a vicepresidencia executiva da institución.  Leahy teme unha crise institucional inmediata no BIDe deste temor participan exmandatarios de América latina e Europa como Fernando Henrique Cardoso, Ricardo Lagos, Julio María Sanguinetti, Juan Manuel Santos, Ernesto Zedillo, Felipe González ou François Hollande, alarmados pola imposición do furibundo imperialista Claver-Carone. Porén, son presidentes do pasado os que temen este alarde  imperialista, pois os actuais na súa maioría apóiano, nunha mostra do cambio sísmico acontecido na política latinoamericana dos últimos anos.

O BID xa dera lugar a unha grave crise con China –accionista minoritario do banco– ao Pequín cancelar a asemblea anual prevista en Chengdu, pola polémica decisión de incorporar ao seu consello ao economista venezolano Ricardo Hausmann, en insólita representación do goberno venezolano de ficción de Juan Guaidó. Na usurpación estadounidense do nunca votado Guaidó, o nome de Venezuela é usado como o de un dos 17 países (de 23)  que votan por Claver-Carone, liderados por Brasil e Colombia. Outros son o goberno non electo de Bolivia e o de Lenin Moreno en Ecuador, que fora anfitrión do BID trala cancelación da reunión en China

The Wall Street Journal respondeu ás críticas contra Claver Carone nun editorial no que indica que a prioridade do novo presidente será acabar co amiguismo e os conflitos de interese dentro do BID.

Curiosamente, o mesmo Claver-Carone foi acusado repetidamente de conflitos de interese no seu protagonismo coma director do grupo  Democracy Advocates en Miami –financiado polo multimillonario empresario cubano-español Leopoldo Fernández Pujals, fundador de Telepizza– á vez que presidía un Comité de Acción Política (PAC) que paga millóns de dólares a congresistas que apoiaban a política anti-cubana.

Claver-Carone non debe a súa sona en Washington ningunha virtude política senón a súa sona como axente para a compra de votos a prol do Bloqueo contra Cuba, apoiado polos grupos de capital da Contra de Florida. Trump quixo nomealo a comezos deste anos vice-presidente do BID, mais a proposta foi vetada polo presidente do banco, Luis Alberto Moreno.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *