Un exército de funcionarios dos EUA ocupados en facer sufrir a Cuba

Rosa Mirian Elizalde – La Jornada

En febreiro de 2020, os amigos do secretario da OEA, Luís Almagro e dos congresistas de Florida, entre selfi e selfi cos fachas máis aborrecibeis da dereita transnacional, lanzaron nas redes a campaña Crisis en Cuba: represión, hambre y coronavirus. Naquela altura non tiñamos en Cuba nin un só caso de Covid-19 na illa; alimentos e medicamentos non faltaban, como agora, malia os golpes diarios contra as finanzas, as sancións aos bancos, o cerco aos barcos con petróleo, o corte súpeto das remesas, a cancelación dos voos regulares e moito máis. O escritor cubano René Vázquez Díaz, lembra o exército de funcionarios gobernamentais estadounidenses que traballaron arreo, desde 1960, para facer sufrir até o indecible aos nenos cubanos, aos anciáns e enfermos, ás mulleres e aos homes dun país pequeno que xamais agrediu seu verdugo. Imaxínen a cantidade masiva de funcionarios que, agora máis que nunca, mantén ese oficio diario.



Julián Macías Tovar, especialista en comunicación dixital, denunciou que a operación lanzada en Twitter contra o goberno de Cuba, foi coordenada desde o exterior cos mesmos mecanismos e protagonistas presentes no golpe de Estado contra Bolivia en 2019.  A publicación do mapa de procedencia de sinais que denuncia as emisións principais  desde a Florida, foi interpelada cunha rabiosa campaña polas trincheiras mediática anti-cubanas.

Estamos a vivir unha guerra de información ao vello estilo dos falcóns que marmuran na orella dos presidentes dos EUA. Non empezou con Biden, hai que dicir. Desde 2017 non paran coa matraca dun estalido social en Cuba e sentencian a súa solución máxica: a intervención humanitaria. Trump, no entanto, bradaba a diario sancións adicionais ao bloqueo ( 243 para ser exactos) que a actual administración non revisou.

Calculen o que debeu custar esta guerra de espectro completo que opera no ciberespazo, onde conectan e cruzan todas as informacións dos operativos en tempo real para garantir que o estalido social pase do anuncio prosmeiro a algo que se lle pareza, sen mencionar para nada a man que abanea o berce sen parar. Sen citar, xa que logo, que a maioría da poboación cubana non participou nos incidentes e non aceptará, mal que lles pese, a tal intervención humanitaria e a compaña de bombas e marines que mandarán con eles.

Cando o goberno chamou ao defendermonos, redes sociais e medios transnacionais berregaron que o presidente Miguel Díaz-Canel era un criminal. Esquecéulles mencionar que non chamou ao exército a disparar aos cidadáns, nin ordeou arrincar ollos, nin usar mocas elétricas, nin tanques de auga con ácido, nin gases lacrimóxenos, nin ningunha outra arma que non fose o peito daqueles que si saben quen é o criminal nesta historia. Saíron a defender a Revolución, mesmo, antes de Díaz-Canel explicar na tarde do domingo o que acontecía e demandar sentido ás persoas que foron un día tras outro bombardeadas por mareas de información tóxica e mentiras de toda caste vía redes sociais. Sen ir máis lonxe, cando redacto estas liñas, CNN en español anuncia unha manifestación de apoio á Revolución dos traballadores do Ministerio de Economía, na Habana, coma se fose unha protesta antigubernamental. Para lle dar realismo abondo, acompañouna da canción Libertad, do empresario miamense Emilio Estefan.

O que non din é que hai case dous anos dérase a coñecer evidencia documentada da participación de empresas e sitios dixitais de Florida na organización desta campaña, con financiamiento do gobernos dos EUA. Tamén non falan do uso de sistemas de big data e intelixencia artificial de última xeración contra a illa, coma os que empregaron para xustificar o golpe de estado en Bolivia, por exemplo, e a presenza de cibertropas dixitais que coordinan accións nas redes e utilizan eses sistemas de intelixencia computacional para xerar unha ruidosa cámara de eco contra o goberno cubano.

O investigador español Julián Macías Tovar mostrou como estas cibertropas organizadas en Twitter amplificaron millóns de mensaxes e deron instrucións para o acoso coordinado a influencers co obxectivo de dar volume á etiqueta #SOSCuba. As tácticas utilizadas, propias de operacións de ciberguerra, estaban encamiñadas a xerar de maneira artificial a ilusión dun consenso a gran escala contra o goberno cubano a partir dunha operación de forza bruta nas plataformas sociais, minuciosamente planificada, que reúne todas as características da guerra irregular ou híbrida, de deseño estadounidense en tempos de Internet, na que xa levan unha experiencia acumulada de case 20 anos.

Cando en 2003 o Departamento de Defensa dos EUA declarou ao ciberespazo como novo territorio a conquistar, fíxoo para definir as operacións de network centric warfare, ou ciberguerra, descritas como “realización e preparación para levar a cabo operacións militares de acordo cos principios relacionados coa información. Significa perturbar, si non destruír, os sistemas de información e comunicación, definidos en termos xerais para incluír ademais a cultura militar, na que se apoia un adversario para identificarse: quen é, onde está, que pode facer, cando pode facelo, por que está a loitar, que ameazas contrarrestar primeiro, etcétera”.

Con informacións inventadas, mentiras e manipulación, buscan que os espectadores representen o papel de cómplices dun crime contra millóns de cubanas e cubanos.  Queren presentar como estalido social disturbios creados nos laboratorios estadounidenses. Hai moitas cousas que non se din de Cuba, mais,  sen dúbida, esta é a máis importante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará