Un mambí estadounidense, símbolo do internacionalismo cubano

Moncho Fernández Leal – Terra Sen Amos

Henry Reeve é o nome do continxente médico de Cuba que, ante a pandemia, percorreu o mundo nos últimos meses para asistir a nada menos que 27 países. A historia do mozo norteamericano do século XIX que é sinónimo da solidariedade internacional no século XXI. Henry Reeve tiña apenas 26 anos cando o 4 de agosto de 1876 caeu en combate en Cuba. Para esa data, pasara o últimos sete anos da súa vida nesa terra. Lonxe da súa Nova York natal, pero moi preto da causa que abrazou na temperá adolescencia no seu país de orixe, atravesado pola guerra civil.

Mentres Trump procura a desaparición da Organización Mundial da Saúde, insulta a China ou secuestra equipos de protección personal, as brigadas médicas cubanas que levan por todo o planeta o nome heroico de Hennry Reeve, batallan contra o Covid-19 en 27 paises (dado actualizado) Este persoal médico merece de verdade o Premio Nobel da Paz.

Reeve nacera 4 de abril de 1850, en Brooklyn, nunha familia presbiteriana de clase media. A súa nenez transcorreu nunha sociedade norteamericana desgarrada polas tensións raciais e as disputas entre o Sur escravista e o Norte industrial. Dacordo a diversos testemuños, Reeve participou no Exército do Norte como tambor, cando apenas entraba na adolescencia.

Dez días despois de cumprir 15 anos, sucedeu un feito que había de marcalo de por vida: nun teatro de Washington DC atentaban contra a vida do entón presidente, Abraham Lincoln. Lincoln foi atacado a noite do 14 de abril de 1865 e faleceu poucas horas despois, xa no día seguinte. Andara case unha semana desde que o 9 de abril o xeneral Lee, comandante do escravista Exército dos Estados Confederados, rendérase ante o xeneral Grant en Appomattox, Virginia, dando fin á guerra.

Tres anos despois, outubro de 1868, en Cuba, os patriotas ao mando de Carlos Manuel de Céspedes, daban inicio á longa loita pola independencia fronte ao colonialismo europeo. Na leira La Emajagua, da súa propiedade, Céspedes reuniu aos independentistas dispostos a sublevarse contra a monarquía española e liberou aos seus escravos. Este episodio, coñecido como o Grito de Yara, significou o comezo da Guerra dos 10 anos (1868-1878), tamén chamada Guerra Grande. Mentres comezaban os combates na illa, a Xunta Cubana de Nova York reunía diñeiro, armas e homes para apoiar a insurrección.

Por esa época, o mozo Reeve traballaba como contable de libros nun banco. O contacto con emigrados cubanos sensibilizárao e pronto decidiu compartir a súa causa. Con 19 anos recentemente cumpridos, o 4 de maio de 1869 embarcouse no vapor Perit (ou Perrit) co nome de Henry Earl. A súa primeira función foi como soldado ordenanza do xeneral Thomas Jordan. De xeito paradoxal, Jordan fora oficial do bando confederado na guerra civil norteamericana.

O propio continxente era en si mesmo expresión do internacionalismo que sinalaba á xesta e que tamén fora común ás guerras de independencia en América do Sur. No barco a maioría eran cubanos exiliados en EE. UU., pero un número importante -ao redor de 80, ou talvez máis- eran estadounidenses. Segundo os rexistros da época, tamén había combatentes nados en Venezuela, en México, en España, en Polonia e en Hungría.

O coronel Fernando Figueredo, no clásico libro La revolución de Yara, aparecido en 1902, relata o seguinte: “Entre os expedicionarios contábanse o instruído xeneral confederado Jordan e como cen mozos americanos, algúns pertencentes a familias acomodadas de Nova York e Brooklyn. O máis distinguido destes polos seus modais, pola súa educación e quizais polo seu nacemento, era un novo soldado que co nome de Henry Earl alistara en Nova York, e sen coñecemento dos seus pais desembarcara nas praias de Cuba para pelexar pola súa independencia”.

Nove de maio de 1869 (ou o 11, as fontes son contraditorias neste punto) o barco chegou á península El Ramón, no oriente de Cuba. Tras complexas manobras, 13 de maio finalizou o desembarco e comezou a tarefa de mover por terra o importante arsenal que transportaba. O bautismo de fogo foi na mañá do 16 de maio. Unha imprudencia dos revolucionarios puxo sobre aviso á Armada española e os realistas atacaron. De inmediato comezou a destacarse este mozo louro de ollos claros, que moitos anos despois sería bandeira da solidariedade internacionalista.

“Algúns expedicionarios subiron ao ombreiro -desde a praia- un canón de bronce co que empezaron a disparar sobre o inimigo fortemente atrincheirado; sobresaíndo neste feito pola súa decisión e valentía, un novo soldado norteamericano chamado Henry Reeve, quen recibiu as súas primeiras feridas no brazo e no tórax; é dicir, que nesta acción derramábase sangue norteamericano en chan cubano, como exemplo de internacionalismo”. Con estas palabras refire a enciclopedia en liña do Estado cubano EcuRed, a súa primeira participación en combate.

Catro días despois, o 20 de maio, a expedición tivo unha segunda batalla coas forzas colonialistas en Canalito, a poucos quilómetros da anterior. Alí, de novo Henry Reeve destacouse polo seu heroísmo. Segundo contan, o maior xeneral Jordan pediu a un dos seus homes: “Déanlle un fusil a ese mozo que é máis valente que Xulio Cesar”. Aos poucos días combatería tamén en La Cuaba e o 27 de maio -cando aínda non facía un mes da súa partida de EE. UU- sería capturado no combate das Cabazas e sometido a un pelotón de fusilamento. Recibiu catro disparos, pero non morreu.

Di Fernando Figueredo na obra citada: “Por unha extraordinaria casualidade as catro balas que lle asestaron a este, das que dúas deberon esnaquizarlle o cranio e dous atravesarlle o peito, non fixeron senón ferilo levemente na cabeza, deixándoo sen coñecemento, confundido entre os cadáveres dos seus infortunados compañeiros. A noite refrescou as súas feridas, o mozo volveu en si e á ventura, un estranxeiro en terra estranxeira, comezou a andar sen dirección. Dous días estivo perdido nos bosques, sangrando copiosamente, ata que a fortuna fixo que algúns patriotas o atopasen e conducisen ao campamento El Mijial”.

Así comezaba a súa participación na xesta independentista cubana, onde sería coñecido como “O Inglesiño” ou Enrique O norteamericano. De soldado a brigadier xeneral en poucos anos, Reeve converteuse no home de confianza de Ignacio Agramonte, El Mayor, e tras a súa morte en maio de 1873, combateu baixo o mando do Xeneralísimo Máximo Gómez, quen o tiña na máis alta estima.

Durante sete anos participaría en máis de 400 batallas, algunhas delas memorables, como o rescate do brigadier Julio Sanguily, en 1871, realizado con carga a machete ao mando de 35 mambises, contra unha forza moi superior. O 28 de setembro de 1873, nunha desas contendas, Reeve resultou ferido na súa perna dereita, que debeu ser parcialmente amputada. Adaptáronlle un aparello metálico á cadeira e a partir de aí, pelexou atado á montura.

O 4 de agosto de 1876, en Yaguaramas, a súa tropa foi sorprendida polas forzas coloniais, que lle mataron o cabalo e ferírono nun ombreiro, nunha ingua e no peito. De pé, co machete nunha man e o revólver na outra, o xeneral de brigada do Exército Mambí disparouse a si mesmo na tempa antes de ser capturado.

Din que, na Xunta Cubana de Nova York, sete anos antes, preguntáronlle por que se presentaba como voluntario. “Porque vostedes son patriotas”, explicou. “E vostede, de onde é?”, volveron preguntarlle. “De alí onde se morre”, respondeu.

Pero incluso isto mesmo, hoxe, ponse en dúbida.

Hai na estrada de Yaguaramas a Horquitas, camiño a Playa Girón, un monumento a Henry Mike Reeve Carroll. Hai tamén, desde 2005, un continxente médico que leva o seu nome por todo o mundo ante cada epidemia ou catástrofe que esixe unha man solidaria. Alí, onde se viva.

Hai unha historia de internacionalismo que une un século e medio de loita contra o colonialismo, pola irmandade entre os pobos. Nesa historia Henry Reeve, de bata branca, apunta e con Martí, dispara: “Patria é humanidade”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará