Un texto de René Vázquez Díaz

René Vázquez Díaz – Traducido de Rebelión

Os insultos dirixidos contra Los Juanes por anunciar un concerto en Cuba moven cuestións de principio que é bo esclarecer. Todos os esforzos que se fagan para promover a paz teñen un só gañador: os cubanos da pé a ambos os dous lados do Estreito da Florida. A Cuba impúxoselle unha guerra de agresión económica e financeira que xa dura medio século. É hipócrita, a estas alturas, aducir que “Cuba é unha ditadura” para xustificar esa agresión. Non existe guerra comercial nin financeira contra China nin Vietnam, países con sistemas similares ao cubano. Tampouco se bloquea a Exipto ou Arabia Saudí, verdadeiras satrapías sen dereitos humanos. Unha superficial investigación das relacións con China dos empresarios cubano americanos, daría como resultado que Miami adora o comunismo. O seu país de adopción é considerablemente dependente do Partido Comunista de China.

No Miami cubano hai unha perigosa tradición de intimidación, por medio da ameaza, a difamación e a agresión física (sen excluír o asasinato) contra todo o que mostre non xa simpatía por Cuba e o seu pobo, senón contra todo aquel que desafíe as regras do anticastrismo frenético que caracteriza ao chamado “exilio histórico”. Agora o obxecto da hostilidade son Los Juanes; pero a historia do matonismo de Miami é longa e escura.

Co fin de asegurarse os diñeiros da CIA e por razóns de protagonismo, na década dos 70 os membros das organizacións anticastristas asasinábanse uns a outros cunha impunidade desconcertante. Cada grupo (como hoxe) autoadxudicábase a liña anticubana máis intransixente e válida. Todos os demais (igual que hoxe) convertíanse en branco dos seus ataques. En outubro de 1975, o esbirro batistiano Rolando Masferrer, que no seu xornal miamense difamaba outros líderes exiliados, arrancou o seu Ford Torino e unha bomba despezouno no acto. En abril de 1976 foi asasinado de catro tiros, mentres miraba a televisión na súa residencia de Coral Gables, o líder contrarrevolucionario José Elías de la Torriente. Antes do crime, outros activistas anticastristas ameazárano con aforcalo en Bayfront Park e outras barbaridades. Outro prominente exiliado, Ramón Donestévez, foi asasinado tras proclamarse pardidario da coexistencia pacífica coa Revolución. A Luciano Nieves, tamén propenso ao diálogo con Cuba, matárono a tiros no aparcamento do hospital onde estaba ingresado o seu fillo. Emilio Milán, un locutor da WQBA-AM, condenou publicamente a violencia terrorista do exilio e en 1976 un carro bomba deixouno sen pernas. Só entre 1973 e 1976 o FBI rexistrou 103 atentados dinamiteiros en Miami e investigou 6 asasinatos políticos. “A Miami cubana é notablemente compracente co terrorismo”, escribiu David Rieff no seu magnífico libro Camino de Miami. Baseándose en documentos do FBI, Edward S. Herman relata na súa obra The Real Terror Network, como en Nova York, entre 1975 e 1980, os grupos contrarrevolucionarios de orixe cubana foron responsables de 20 atentados con bombas.

Ao alentar a política estadounidense de estrangulamento do pobo cubano, o comportamento hostil do Miami militante contra os artistas, intelectuais e empresarios que mantiveron contactos profesionais ou comerciais con Cuba é unha forma particularmente depravada de fratricidio. Durante a década do 80 explotaron bombas nas oficinas de varias axencias que organizaban viaxes a Cuba, ou que realizaban envíos de medicinas e paquetes. En 1979 suspendeuse a tiros a proxección, en Miami, da película cubana “Memorias del subdesarrollo”. A María Cristina Herrera, unha cubana apracible estudosa das relacións entre Cuba e EE UU, puxéronlle unha bomba na casa en 1988. O mesmo lle pasou a Griselda Hidalgo, por preconizar o levantamento das restricións das viaxes a Cuba. A revista miamense Réplica, de Max Lesnik, ten a triste marca mundial como vítima de atentados dinamiteiros. En 1974, 1975 e 1981 estalaron bombas na súa redacción; en 1982 descubriuse a tempo outro artefacto que non fixo explosión, pero en 1994 lle puxeron dúas bombas incendiarias que si explotaron. Cando a orquestra Aragón ía tocar en Miami en 1996, o empresario musical da xira recibiu chamadas ameazadoras polo que cancelou a actuación dos extraordinarios charangueros cubanos.

Ese mesmo ano, douscentos manifestantes do cubaneo miamense agrediron fisicamente, en ridículo zafarrancho de combate, o público asistente a un concerto do grande pianista Gonzalo Rubalcaba. Cando o dono do restaurante Centro Vasco, un respectable establecemento da Sagüesera, invitou a Rosita Fornés (residente en La Habana) a cantar boleros, unha bomba incendiou o club. Segundo conta Ann Louise Bardach no seu ben documentado libro Cuba confidential, ningún dos artistas exiliados que actuaran alí, como Arturo Sandoval ou Albita, levantaron a voz para condenar unha barbarie que se repetiría cando o salón de concertos do centro MIDEM, durante a actuación de Compay Segundo, tivo que ser desaloxado por unha ameaza de bomba. Os Van Van tocaron no Miami Arena en 1999 e as protestas foron tan frenéticas, que se saldaron cun ferido e once detidos.

Nelson Mandela foi invitado en 1990 a recibir a chave da Cidade de Miami; pero nun programa de televisión (Nightline) expresou o seu profundo recoñecemento polas vitorias dos soldados internacionalistas cubanos contra o exército racista de Sudáfrica, e resaltou a importancia histórica de Cuba para o ANC. Unha onda inaudita de protestas levantouse nas estacións de radio que aterrorizan aos cubanos da Florida, e o inefable Mandela foi acusado de “negro marihuanero maricón”.

De modo que nin Los Juanes nin Miguel Bosé están sós. Agora trátase de amedrentalos. Miami é, como ben di David Rieff, “a capital dun país imaxinario”. Os actuais “líderes” dese país inexistente arrastran unha herdanza criminal que subxace na actitude agresiva dos que queiman discos e envían ameazas de morte. Ningún voceiro nin intelectual orgánico do exilio condena o matonismo como método para lograr o illamento de Cuba: levantan o dedo contra Los Juanes e odian o incomparable Silvio Rodríguez, pero non denuncian aos que forman parte mental e física desa comunidade e que cometeron crimes de lesa humanidade.

Os que non toman en serio as ameazas de hoxe, deben ter en conta que o primeiro atentado contra un voo da aviación civil, no que pereceron todas as persoas que ían a bordo, foi executado en outubro de 1976 por activistas anticastristas, Orlando Bosch e Luís Posada Carriles, publicamente loados en Miami. Ningún dos artistas e intelectuais que critican a Los Juanes por levar a súa música e a súa mensaxe de paz a Cuba, esixiu que os culpables do crime de Barbados sexan extraditados e xulgados polos seus delictos de sangue. Considerados como terroristas bos, Posada Carriles e Bosch constitúen un atranco moral insoluble non só para o Goberno de EE UU, que acolle a terroristas sanguinarios e confesos, senón para o Miami que se di democrático pero que actúa como un gánster.

Por que esa obsesión de frear todo tipo de diálogo construtivo e ese apego á brutalidade? Porque ao carecer dunha ideoloxía propia, libre de EE UU e que entrañe unha alternativa real á Revolución, o único que lles queda é botarlle leña a un estado de conflito que é cada vez máis artificial e máis rancio, non vaia ser que se apague e os matóns queden colgados do seu balbordo. Existe un medo atroz en Miami a que a grande maioría de cubanos emigrados, que non ansían outra cousa que a normalización das relacións entre Cuba e EE UU, se liberen á fin e esixan o levantamento do bloqueo, da Lei Helms Burton e das restricións que impiden desenvolver contactos con Cuba. Resulta patético que uns cubanos de Miami lles esixan a uns cantantes estranxeiros, que son grorias absolutas da música contemporánea, unha belixerancia con respecto ao réxime cubano á que eles mesmos renunciaron emigrando. Despois do concerto da paz en La Habana, se é que se produce, o Estreito da Florida será máis unha ponte que un abismo.

René Vázquez Díaz é novelista cubano, gañador do Premio Juan Rulfo de Radio France Internacionale 2007 pola súa novela “De pronto o doutor Leal”. O seu libro máis recente é “El pez sabe que la lombriz oculta un anzuelo” (Icaria, Barcelona 2009).

VER WEB

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *