Unha axenda do Lider da Revolución para os debates de 2017

Sergio Alejandro Gómez – Granma (Editado por Terra Sen Amos)

Fidel deixounos en discursos, artigos, glosas, entrevistas e ponencias de congresos, unha axenda para interrogantes e paradoxos de hoxendia asi como preguntas que o planeta escoita con anguria: Como alimentar a millóns de persoas privadas de auga e de recursos básicos? Que facer para pechar a distancia crecente entre os paises ricos e os empobrecidos? Quen vai pagar a conta do estrago ambiental? Para que han servir as armas nucleares nun mundo atacado de fame e pobreza? Sergio Alejandro Gómez edita para o diario Granma pensamentos de Fidel que semellan adiantarse ao debate de 2017

Pensamentos de Fidel que semellan escritos en previsión dos acontecimentos de 2017.

Fidel é un símbolo da loita revolucionária. Nunca deixou de calibrar o intre histórico e de respectar as condicións de cada país. Endebén fose lídimo o uso das armas, baixo estritos principios éticos e en contra da opresión, no pensamento de Fidel o militarismo e as ameazas á paz mundial das grandes potencias, constituiron unha perenne fonte de preocupacións. Fidel sorteou ameazas de todo calibre durante máis de medio século de enfrontamento coa maior potencia militar da historia, situada a só 90 millas das nosas costas. A súa experiencia neste terreo chegou a ser inconmensurábel.

Na súa derradeira intervenzón pública, durante o VII Congreso do Partido Comunista de Cuba, abordou ese tema: «Se cadra o perigo maior para o planeta, deriva do poder destrutivo do armamento moderno que podería socavar a paz e facer imposibel a vida humana». Fidel explicou aos cubanos a orixe e as consecuencias de decenas de conflitos armados ou sociais que se sucederon no mundo nas últimas décadas.

A inestabilidade na península coreana, que por estes días volve ocupar os titulares de prensa, foi abordada por el nunha reflexión de abril do 2013 titulada «O deber de evitar unha guerra en Corea» Criticara daquela «a gravidade dun feito tan incribel e absurdo como é a situación creada na península de Corea, parte dunha área xeográfica que agrupa case 5 mil dos 7 mil millóns de persoas que neste momento habitan o planeta. Trátase dun dos máis graves riscos de guerra nuclear logo da Crise de Outubro de 1962 en torno a Cuba, hai 50 anos. Na península coreana, o xeneral Douglas MacArthur quixo empregar as armas atómicas contra a República Popular Democrática de Corea. Nin Harry Truman puido permitilo”.

“A República Popular Chinesa –prosegue Fidel- perdeu un millón de valentes soldados para impedir ao inimigo establecer na fronteira dese país coa súa Patria. A URSS, pola súa banda, forneceu armas, apoio aéreo, axuda tecnolóxica e económica.Se estala ali unha guerra, os pobos de ambasdúas partes da Península serán terribelmente sacrificados, sen beneficio para ningún deles. A República Popular Democrática de Corea sempre foi amistosa con Cuba, como Cuba foino sempre e seguirao sendo con ela».

Sobre Siria, outro conflito que se estende por máis dun quinquenio por mor da intervención das potencias occidentais en apoio do terrorismo armado, o líder histórico da Revolución preveu a capacidade de resistencia dese pobo árabe. «Non se trata só de os foguetes de cruceiro apuntar cara alvos militares de Siria, senón que ese valente país árabe, situado no corazón de máis de mil millóns de musulmáns, cuxo espírito de loita é ben coñecido, declarou que resistiría até o último alento calquera ataque ao seu país». O comentario aparece na reflexión «A mentira tarifada», agosto do 2013. «É ben sabido que Bashar Al Assad non era político. Estudara medicina con degrao en oftalmoloxía no 86. Na morte do seu pai Hafez Al Assad no ano 2000 e trala morte accidental dun irmán, asumiu responsabilidade de goberno».

AS RELACIÓNS ENTRE CUBA E ESTADOS UNIDOS

«Foi Fidel Castro un obstáculo para a normalización das relacións entre Estados Unidos e Cuba?», preguntábase nun artigo recente o historiador cubano Elier Ramírez Cañedo. A cuestion ten moito que ver co mito promovido desde a intelectualidade de dereita que fai por culpar a Cuba da permanencia do bloqueo.

A súa resposta é categórica: non. Cita no seu texto un recente libro do expresidente Carlos Salinas de Gortari que revela o seu papel e o de Gabriel García Márquez como mediadores entre o presidente estadounidense Bill Clinton e o líder cubano.

O libro publica unha carta inédita, dirixida por Fidel a Salinas, 22 de setembro de 1994. A xestión de Salinas e Gabo deu froito porque sentou ambos países a negociar un acordo para a crise migratoria de 1994. Fidel deixou claro que era necesario establecer unha via de diálogo para resolveren outros asuntos das relacións entre os Estados Unidos e Cuba, que constituían as causas verdadeiras das crises migratorias transcendentes para ambos países.

No decorrer deses meses e dos seguintes, o compromiso verbal de Clinton de debater con Cuba xamais se materializou. Endebén, como proba a carta, o líder da Revolución Cubana mantivo a súa vontade histórica a prol da negociación e o diálogo cos Estados Unidos, no degaro de avanzar cara á normalización das relacións entre ambos países, sobre a base de respectar a soberanía da Illa.

 «A normalización das relacións entre ambos países –dia Fidel na carta- é a única alternativa; un bloqueo naval non resolvería nada, unha bomba atómica, por falarmos en linguaxe figurado, tamen non. Facer estalar ao noso país, como se pretendeu e aínda non se desbota, non beneficiaría en nada os intereses dos EUA. Tornariao ingobernabel por cen anos e a loita non daria acabado. Só a Revolución pode facer viabel a marcha e o futuro deste país», sinala Fidel no seu misiva a Gortari.

Dezaseis de xuño pasado, o novo presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, anunciou un cambio de política cara a Cuba e medidas de reforzo do bloqueo. O mandatario achegouse aos intereses dunha minoría anticubana da Florida e apartou da liña aberta polo seu predecesor demócrata de buscar unha mellora das relacións.

Medio século antes, 3 de xaneiro de 1961, o goberno de Dwight Eisenhower rompía relacións coa illa e daba paso ás medidas que desembocarían no bloqueo total a Cuba, que se mantén até hoxe. Vinte de xaneiro de 1961, perante unha multitude de milicianos que regresaban das posicións de combate para se reuniren na Praza da Revolución, Fidel abordaba o futuro do trato co veciño do norte.
«O Presidente que recén tomou posesión -refire Fidel sobre John F. Kennedy- fala de comezar de novo. Ben. Pola nosa banda dicimos tamén: comecemos de novo. A nosa actitude vai ser de espera, de espera polos feitos, porque os feitos sempre son máis elocuentes que as palabras. A nosa actitude non será de resentimento. A nosa actitude non é, nin será nunca, de temor; nós non tememos absolutamente nada. A nosa actitude non será nunca aproveitada; ¡nós do imperialismo nunca buscaremos aproveitar absolutamente nada! A nosa actitude será a de todos os demais gobernos e pobos do mundo: unha actitude de espera polos feitos; da nosa parte non partirán agresións sorpresa; que non esperen de nós hostilidade (…) Non esperamos de Washington favor nin axuda económica. Sabemos por experiéncia que calquera empresa que nos propoñamos, podémola realizar; nós sabemos que para o noso pobo non hai nada imposibel; nós sabemos que o noso pobo é capaz dos máis extraordinarios fitos; nós confiamos, pois, en nós, e esperámolo todo de nós mesmos».

Marzal de 2016, trala visita do presidente Barack Obama a Cuba, Fidel utilizaba as mesmas palabras no seu artigo «O irmán Obama»: «Ninguén se faga a ilusión de o pobo deste nobre e abnegado país renunciar á gloria e os dereitos, e á riqueza espiritual gañadas co desenvolvemento da educación, a ciencia e a cultura. E advirto que somos quen de producir ,co esforzo e a intelixencia do noso pobo, os alimentos e bens materiais que precisamos. Non esperamos agasallo ningún do Império. Os nosos esforzos serán legais e pacíficos, porque o noso compromiso é coa paz e a irmandade de todos os seres humanos que vivimos neste planeta».

MUROS E MIGRACIÓNS

«Non che me parece un exemplo para o mundo que estean a erguer un muro entre Latinoamérica e Estados Unidos, na fronteira de México, onde os mexicanos tratan de pasar dunha parte do seu territorio ás terras que lles quitaran hai cento e tantos anos, naquela famosa guerra, que sabemos que foi unha guerra de expansión». Esta afirmación de Fidel non é sobre o proxecto de Trump de levantar un novo muro na fronteira sur dos Estados Unidos, senón que se remonta 20 anos atrás a un discurso pronunciado no acto de solidariedade da IV Caravana de Amizade Estados Unidos-Cuba, celebrado no teatro do Centro de Ingeniería Xenética e Biotecnología, 19 de setembro de 1996.

«O muro que queren construír é trescentas veces máis grande que o de Berlín e máis sofisticado, e todos os días morre xente alí tratando de pasar. «A diario hai máis medios e máis técnicas nese muro, mentres a pobreza, o desemprego e a miseria medran no resto de América Latina. Son esas situacións as que impulsan a emigración; deveñen éxodos económicas de xente que non ten forma de resolver os problemas e emigran»

REVOLUCIÓN BOLIVARIANA

A Revolución Bolivariana de Hugo Chávez no 99 abriu un novo capítulo da historia de América Latina. Para alén da pegada indiscutibel do comandante bolivariano na area internacional, a súa relación con Fidel foi paterno filial.Trala morte de Chávez en marzo do 2013, Fidel chamouno «o mellor amigo que tivo o pobo cubano» en recoñecemento á solidariedade probada en toda circunstancia. «Cábenos a honra de compartir co líder bolivariano os mesmos ideais de xustiza social e de apoio aos explotados.
Os pobres son pobres, tanto ten a parte do mundo na que estean». Noutros textos, o líder da Revolución Cubana tratou as ameazas que gravitaban sobre a nación bolivariana. Hoxe, coa nova arremetida da dereita contra o goberno de Nicolás Maduro, confírmanse as súas afirmacións e temores.

«No escenario de Venezuela líbrase hoxe un gran combate. Os inimigos internos e externos da revolución prefiren o caos, como afirma Chávez, antes de progreso xusto, ordenado e pacífico» A cita é da súa reflexión «A xenialidade de Chávez», de xaneiro do 2012.

«Promover unha Revolución profunda non era tarefa doada en Venezuela, un país de gloriosa historia, pero inmensamente rico en recursos de vital necesidade para as potencias imperialistas que trazaron e aínda trazan as pautas no mundo. Polo seu extraordinario desenvolvemento educacional, cultural e social, os seus inmensos recursos energéticos e naturais, Venezuela está chamada a converterse nun modelo revolucionario para o mundo». A afirmación é do texto «As dúas Venezuela», de outubro do 2011.

Nunha carta ao presidente Nicolás Maduro, marzal de 2015, Fidel chamou a atención sobre o pobo heroico de Bolívar e Chávez, e sobre unha circunstancia especial: a disciplina exemplar e o espírito da Forza Armada Nacional Bolivariana. «Faga o que faga o imperialismo de EUA, non poderá contar xamais con elas para facer o que fixo durante tantos anos. Hoxe Venezuela conta cos soldados e oficiais mellor equipados de América Latina. Reunido cos oficiais en días recentes aprecie que estaban listos para dar todo pola Patria».

A ESQUERDA E A UNIDADE DE AMÉRICA LATINA

Un dos discursos máis importantes de Fidel sobre o futuro da esquerda e a importancia da unidade en América Latina foi o pronunciado na clausúra do IV encontro do Foro de Sao Paulo, no Palacio de Convenciones, o 24 de xullo de 1993. O Foro mesmo, establecérase por iniciativa de Fidel e do líder brasileiro Luiz Inácio Lula dá Silva, trala caída do campo socialista e a desaparición da Unión Soviética. A primeira cita na cidade brasileira que dá nome ao Foro, servira para trazar un camiño de loita contra a inxustiza e o derrotismo que asolou unha parte da esquerda.

O encontro da Habana tiña un valor a maiores, pois dábase no único país que mantiña ergueita a bandeira do socialismo na rexión. As ideas de Fidel e o seu chamado á unidade mália diferenzas, son premonitorias do que sucedería anos despois coa creación da Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (CELAC) «Hai que admirar a grandeza de Bolívar cando en tempos tan recuados chamara a unión dos pobos de América Latina, nunha época en que non existía aviación, automóbeis, locomotoras, telégrafo, teléfono, radio ou televisión. Hoxe en cousa de segundos, calquera pode comunicar dende México a Bos Aires e as novas corren dunha bera a outro do mundo; en horas perccorremos miles de quilómetros. Hoxe contamos con medios de comunicación fabulosos. Xa Bolívar falaba da necesidade de unir  América Latina, cando nada diso existía e se cadra era daquela un soño; a seguir,  Martí foi un dos máis afervoados defensores da unidade de América Latina, 80 anos despois, xa noutra época, e reclamábaa coma necesidade vital dos nosos pobos.

«Quen lle dese a Europa, que pasou cinco séculos a guerrear, ter todo o que temos en común latinoamericanos e caribeños; e con todo, traballa pola integración, traballa pola unidade, e sabe que non dará competido con Xapón se non se integra; sabe que non poderá con Estados Unidos se non se integra; sabe que non representará nada no mundo se non se une. «Que menos podemos facer nós e que menos pode facer a esquerda de América Latina que crear conciencia en favor da unidade? Iso debe estar gravado nas bandeiras da esquerda. Con socialismo e sen socialismo. Aqueles que pensen que o socialismo é unha posibilidade e queran loitar polo socialismo, pero aínda aqueles que non conciban o socialismo, mesmo coma países capitalistas, non terán porvir sen unidade e integración».

O MEDIO AMBIENTE E A SUPERVIVÉNCIA DA ESPECIE

A saída do Acordo de Paris, decretada pola Casa Branca coincide co chamado cada vez máis urxente dos científicos a recoñecer os efectos da especie humana sobre o clima. Adoptado por 159 países en decembro de 2015, o Acordo ten por obxectivo establecer medidas para reducir as emisións de gases de efecto invernadeiro que inciden no cambio climático. Nomeadamente busca manter o aumento da temperatura media mundial por baixo dos 2 grados centígrados, con respecto aos niveis pre-industriais e termar por conter o aumento da temperatura a 1.5 grados, con respecto a eses níveis.  A renúncia dos EUA, un dos países máis contaminantes do mundo, pon en risco eses obxectivos.

Nunha reflexión de xaneiro do 2011, titulada «É hora xa de actuarmos», Fidel fala do cinismo das grandes potencias:«Neste momento a humanidade está enfrontando problemas dunha gravedade sen precedentes. O peor é que en boa parte as solucións dependerán dos países máis ricos e desenvolvidos, a piques de chegaren a unha situación que realmente non están en condicións de enfrontar sen que se lles derrube o mesmo mundo que estiveron tentando acomodar aos seus intereses egoístas, o que inevitabelmente conduce á desfeita».

«Refírome á crise dos alimentos orixinada por feitos económicos e cambios climáticos que aparentemente son xa irreversibeis como consecuencia da acción do home, pero que, de todos os xeitos, todos debemos considerar tarefa emerxente. Durante anos, en realidade un tempo perdido, falouse do asunto mália o maior emisor de gases contaminantes do mundo, Estados Unidos, non querer tomar en conta a opinión mundial».

Eran as palabras do mesmo líder que en Río de Janeiro en 1992, afirmara: «Unha importante especie biolóxica está en risco de desaparecer pola rápida e progresiva liquidación das súas condicións naturais: o home».

Un cuarto de século depois, en 2017, a alerta de Fidel, está se cadra máis vixente”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará