Unha Casa Branca belicista e intransixente que recomenda paz e orde

Xosé Aponte – Jacksonville (FLA)

“Dispararemos contra todos os que empecen a roubar e queimar!” A ameaza de Trump a millóns de cidadáns que se manifestan contra  tortura e morte do traballador negro en paro George Floyd no centro de Mineapolis, inzou lume e carraxe nos 50 estados da unión e no distrito federal.  Moitos cidadáns dos EUA experimentan dentro da casa o que significa ter un goberno que promete balas e dez anos de cadea por manifestarse e que, asemade, reparte internacionalmente guerras, bloqueo, suspensos en dereitos humanos e penitencias por terrorismo, coma as que empobrecen nomeadamente Cuba, Venezuela, Nicaragua e Irán xunto doutros 29 estados no mundo. Dende 1980 foron asasinados máis de 260.000 cidadáns negros nos EUA, boa parte deles a mans da policía, como foi o caso de Floyd.

Unha Casa Branca racista, sorpréndese da indignación popular provocada por un asasinato racista á luz do día.

Os medios próximos ao goberno de Washington tratan o asasinato coma un accidente mais en tempos de paz, interpretación cínica que levanta o sentido dos que veñen denunciando os repetidos comentarios racistas de Trump e a importancia menor que concede ao pavoroso índice de contaxio de Covid-19 na poboación negra (máis do 40%) ben por riba da súa presenza no censo. Unha equipa racista ridiculiza dende a Casa Branca aos gobernadores demócratas que defenden as medidas de confinamento. No entanto, os EUA abandonan a Organización Mundial da Saúde no máis agudo da pandemia. Mentres algúns medios acusan a Trump de irresponsabilidade, outros trátanno de idiota.

Coma noutros casos, a cada máis repetidos, de protestas públicas nos EUA (onde o dereito a manifestarse é paradigma nacional) os dous partidos do sistema reivindican orde pública e xustiza para o proceso do asasinato de Floyd, mais non para evitar que se repita. Mal recordan que Trump é o presidente das armas por excelencia, militante dunha lei imperialista sobreposta ao dereito internacional e de vender aos aliados arsenais desproporcionados que só terán xustificación na guerra. Así a familia de Ibn Seud (da que ven o nome caciquil de Arabia Seudita) acaba de pagar a Trump unha factura por foguetería equivalente ao orzamento do pais por cinco anos.

Trump, vendedor de armas, indutor de guerra, organizador de campos de tortura, racista e xendarme nos cinco continentes, recomenda  a paz.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará