Unha multa colosal a Francia pode ser a sentencia de morte do Bloqueo

Paula Costa -Terra Sen Amos

No intre crítico da negociación do tratado de libre comercio entre Estados Unidos e a UE (TTIP) Obama dispara o arsenal completo da Lei Helms-Burton contra Francia. A colosal multa imposta a Banca Paribas por ter admitido transferencias cubanas, comprace á mafia cubano-americana de Miami, mais atranca un acordo comercial con Europa vital para a economia estadounidense.

De porparte, nunca antes foran tantas en todo o mundo as voces contra o Bloqueo. Washington recibe anualmente o voto unánime de condena da Asemblea da ONU contra a súa inxerencia política, económica e terrorista na illa. Consumida a OEA por arrogancia imperial, todas as alianzas da Nosa América Martiana honran a dignidade de Cuba fronte o abuso estadounidense.

Thomas Donohue, presidente da Cámara de Comercio dos Estados Unidos, pronuncia unha conferencia na Universidade da Habana
Thomas Donohue, presidente da Cámara de Comercio dos Estados Unidos, pronuncia unha conferencia na Universidade da Habana


Para desolación dos fundamentalistas contra-revolucionarios de Miami, no mesmo templo do Bloqueo medran os partidarios de superar o ostracismo de Cuba: Hillary Clinton; a familia exiliada Fanjul, propietaria da Tate&Lile; Robert Menéndez, presidente do Comité de Relacións Exteriores ou Thomas Donohue, presidente da Cámara de Comercio dos Estados Unidos; Eric Schmidt, presidente de Google e o diretor de “Google Ideas”, Jared Cohen, que tivera antes un papel de primeira liña no Departamento de Estado. A  lista complétase de a pouco con tres ex-subsecretarios de Estado para o Hemisferio Occidental: Jeffrey Davi­dow, Alexander Watson, e Arturo Valenzuela, así como dous ex-xefes da Sección de Intereses norteamericana na Habana: Michael Palmry y Vicki Huddleston.

Tamén reclaman unha relación xusta e legal con Cuba o  ex-comandante do mando supremo aliado da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), o xeneral retirado estadounidense James Stavridis; o ex-secretario de Interior Ken Salazar; a ex-secretaria de Tra­ballo Hilda Solís e o presidente honorario do Consello das Américas David Rockefeller.

O discurso da presidencia norteamericana sobre Cuba mantense depois de Obama prometer unha época diferente, atenta ás realidades na illa. Como entender un presidente que anuncia diálogo con Habana e ao mesmo tempo aplica a sanción máis elevada da infame historia do Bloqueo?

Os partidarios de Obama non ven incoerencia. Recordan que o bloqueo dos republicanos no Congreso fai da súa presidencia un exercicio limitado, coma antes foran os de Truman, Theodore Roosevelt ou o mesmo George Washington e valoran que Obama teña aprobado por decreto a reforma do seguro médico (Medicaid), a reforma migratoria, a do cambio climático, e as novas normas financeiras que escandalizan aos gurus de Wall Street. “A de Obama será unha presidencia trascendente”, asegura o economista Paul Krugman. E o Bloqueo? Os posibilistas de Obama estiran a corda:  a da Banca Paribas é un bomba que pode elevar a síntese definitiva o interminabel debate político entre o capital frustrado polo Bloqueo e a inquisición da mafia cubanoamericana de Miami, partidaria de levar á fogueira aos que esperan comerciar con Cuba. A balanza de intereses, parece condenar aos últimos ao máis rotundo dos fracasos, mais o Imperio non admite derrotas sen previo concierto de bombas. A que lle colocan a UE non é cativa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará