“Unha volta ao mundo”, de Joseba Sarrionandia, presentado na Habana o dia de Rosalía

Erea del Rio Iglesias – TSA, Habana

21 de febreiro, celebrando o Día da Lingua Materna, o actual lector da Cátedra Vasca da Universidade da Habana, Borja Arbelaitz Villaquirán, convocou na Libraría da Alma Máter a presentación do libro “Unha volta ao mundo”, do escritor vasco Joseba Sarrionandia, quen fora primeiro lector da devandita cátedra. O libro está publicado en Euskera, Galego, Catalán e Castelán. Día 23, Joseba Sarrionandia tratou na Facultade de Artes e Letras da Universidade da Habana sobre este libro de seu, que lanzara xaneiro de 2023 a editorial Kalandraka. Ao evento asistira tamén o escritor Bernardo Atxaga. A convocatoria formaba parte do programa promovido polo proxecto GalEusCat da devandita facultade, no que participan as Cátedras de Galego, Euskera e Catalá, que honraron neste acto o nacemento de Rosalía de Castro, na ocasión de abriren o curso escolar do ano 2023.

“Unha volta ao mundo” ten versións en Euskera, Galego, Catalán e Castelán e aparecera en xaneiro en edición de Kalandraka. O autor, Joseba Sarrionandia, durante a presentación na Habana.

O libro de Sarrionandia mantén que nin Magallanes nin Elcano foron adiantados na primeira singladura de circunvalación xa que era innavegábel a volta das Molucas dende o Cabo de Boa Esperanza. O primeiro en protagonizar a xesta histórica de rodear o mundo foi un escravo, bautizado Henriquillo por Magallanes, quen o comprara nun lugar entre Malasia e Indonesia e que ao cabo foi con el a Portugal. Pouco antes de morrer, Magallanes outorgáralle liberdade e tendo obra de 15 ou 16 anos, consegue safar da trapela que lle prepararan nas Filipinas expedicionarios portugueses.

Para o escritor euskaldun,  dende o século XVI á actualidade, o concepto da propiedade da terra está relacionado coa providencia divina, isto é, co poder e o diñeiro que configuran e impoñen a medida do valor. O autor repara na contradición entre os discursos históricos e a realidade. A desfeita histórica é unha epopea causada por certas ordes sociais, como relato do supremacismo violento.

A metáfora central do libro é a contradición entre BARCO e VASO,  dous conceptos definidos polo mesmo termo en Euskera, o que revela a contradición entre violencia e vida cotiá.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *