Usar en defensa dos pobos a arma dixital

Atilio Borón – Rede en Defensa da Humanidade, Cuba  (publicado 7 de xuño de 2021)

A Ditadura do Algoritmo é un documental excelente, e saben que non son dado a loanzas. Interesante e ilustrativo porque ofrece unha análise cabal do mundo das redes dixitais de xeito tal que facilita plenamente a comprensión de como se produce a submisión ao que diten aos as clases e grupos dominantes. En poucas palabras: un contido impecábel, sólido desde o punto de vista da teoría social e política, e ilustrado con poderosas imaxes e intervencións moi claras e sucintas de destacadas personalidades.

A agresión que están a sufrir en Cuba reprodúcese con distintos matices en toda Latinoamérica e o Caribe. Por suposto, que a belixerancia demostrada nas mensaxes dirixidas á poboación da illa é moi superior á que se comproba aínda en casos de países que tamén son vítimas do bloqueo, como Venezuela e Nicaragua. Cuba, sabémolo ben, é unha espiña cravada na gorxa do Tío Sam desde hai máis de douscentos anos, e o desespero rebórdalles porque con máis de sesenta anos de bloqueo e canalladas de toda caste (sabotaxes, atentados terroristas, sancións económicas, etcétera) a Revolución Cubana prosegue a súa marcha e, malia a pandemia, será o único país non só de Latinoamérica senón da periferia, capaz de producir unha vacina de xeito endóxeno, o que non é o caso da India, que fabrica vacinas producidas por outros países.

Ante o fracaso de todas estas agresións perpetradas contra Cuba, malia o enorme dano inflixido ao seu pobo e os elevadísimos custos económicos do bloqueo, os estrategos norteamericanos concentran agora no poder brando os enredos para atinxir o obxectivo tan longamente frustrado. No documental achégase unha moi detallada descrición de como opera un dos instrumentos deste poder brando: as redes dixitais, que non son sociais porque crean comunidades imaxinarias ou, como di Rosa Miriam Elizalde, vinchas de confort, que só por excepción dan nacemento a conxuntos sociais reais. Pero, como se demostra moi ben no documental, a eficacia desta tecnoloxía repousa na calidade e precisión dos algoritmos creados para, desde eles, interpelar aos suxeitos reais con discursos e exhortacións concretas, con chamados á acción e case recorrendo ao bullying contra quen desatenden esas convocatorias e non van protestar contra o goberno, a revolución, o socialismo. O reverso desta medalla é a ridiculización dos que seguen nunha onda -caracterizada como anacrónica, se cadra arcaica- ancorada nunha crítica vellouqueira á sociedade norteamericana ou aos crimes do imperialismo. Este proceso está moi ben retratado no documental.

As vinchas de confort crean unha falsa sensación de universalismo: todos pensan isto, borboriña unha persoa que está a ser metrallada por semellantes recados. A opinión negativa non está formada; é só un parecer influído polo temor a parecer ovella negra nun rabaño manso que segue as instrucións que emiten quen controlan plataformas como Facebook ou Twitter, sen ir máis lonxe. Supor a boafé que eses espazos son de liberdade sen límites, como algúns confiaron cando estas tecnoloxías irromperon nas sociedades contemporáneas, non pode ser máis enganoso. Vaia se hai control, que o diga o propio Donald Trump ao que botaron do Twitter, onde tiña 83 millóns de seguidores, porque aos donos do programa non lles gustaban os recados do milhomes de Nova York!

ARMA PODEROSA MAIS NON INVENCÍBEL

O magnífico documental describe e explica o funcionamento desta nova arma de dominación neocolonial. É moi poderosa, máis non invencíbel. Nós tamén podemos facer uso dela. Non será sinxelo pero se apelamos á nosa imaxinación, se elaboramos un minucioso plan de contraataque, se lanzamos os lemas e os conceptos axeitados ao estilo de comunicación do noso tempo: sinxelo, breve, apelando ás paixóns e non só á argumentación racional, todo en prol dunha boa causa, estou seguro que poderemos contrarrestar a ofensiva do imperio. Á fin e ao cabo esa é a historia da Internet: inventouna o Pentágono e fóiselles  das mans. É instrumento de opresión pero tamén, baixo certas circunstancias, de liberación. Hosni Mubarak, trinta anos ditador de Exipto sostido por Estados Unidos e Israel, caeu polo uso intelixente e masivo que fixeron os mozos manifestantes por máis dun mes no Cairo. O mesmo ocorreu en Tunisia, acabando coa tiranía de Zine El Abidine Ben Ali. As loitas populares en Colombia e no Chile dos nosos días -así como as que se libraron no Ecuador en 2019- son coordinadas e recargadas pola utilización das redes sociais. A ditadura dos algoritmos e dos seus creadores existe, pero iso que cualificamos asociacionismo dixital pode ser unha arma poderosísima nas mans dos pobos. Non esquezamos aquela lección da guerrilla de Sierra Maestra, tantas veces recordada por Fidel: “tiñamos unhas poucas armas, pero equipámonos coas armas que lle arrebatabamos aos nosos inimigos”. O mesmo fixo o Viet-Cong: apoderarse das armas das tropas de Estados Unidos e derrotalas con elas. Agora trátase de facer o mesmo; derrotar ao imperio, volvendo na súa contra as súas propias armas.

Artigo traducido para Terra Sen Amos por Rosalía Eiras

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *