Vacinas cubanas contra o egoísmo e a desigualdade

Cubadebate

“Non será unha orde mundial esgotada e caduca a que poida salvar á humanidade e crear as condicións naturais indispensábeis para unha vida digna e decorosa no planeta. (…) Non se trata dunha cuestión ideolóxica; é xa unha cuestión de vida ou morte para a especie humana”.

Fidel Castro, na inauguración da Escuela Latinoamericana de Medicina, 15 de novembro de 1999.

A Solidariedade e a Xustiza seguen sendo verbas en desuso aínda cando a catástrofe compétenos a todos, como un gran Titanic universal. Un minúsculo e pegañento virus move medos, abala sociedades e sistemas de saúde, provoca reflexións a eito sobre hoxe e o futuro, mais non fai avanzar a equidade e o amor ao próximo.

Esta semana chegaran a 100 millóns as persoas contaxiados no mundo coa COVID-19 e xa son máis de 2 millóns os falecidos.

“Cada día aumenta a brecha entre os que teñen e os que non teñen. A pandemia lembrounos que a saúde e a economía están relacionadas e que estamos todos no mesmo barco. A pandemia non terminará até que dea rematado en todas partes”, dixo o Director Xeral da Organización Mundial da Saúde Dr. Tedros Adhanom Ghebreyesus.

Os números dan fe incontrastábel da valoración do experto.

A cura privilexiada

A pesar dos numerosos chamados da ONU e de diversos líderes mundiais para buscar unha resposta global á pandemia e facilitar e compartir o acceso á cura da enfermidade, predominan as visións estreitas e os oídos xordos.

“A ciencia está a ter éxito, pero a solidariedade está a fallar”, apuntou o pasado 15 de xaneiro o Secretario Xeral da ONU António Guterres. Varias vacinas están xa dispoñibeis no mundo para enfrontar ao virus SARS-CoV-2, pero o acceso a elas é profundamente desigual como o mundo que habitamos.

Até a data aplicáronse uns 66.33 millóns de doses, das que o 93% fornecéronse en apenas 15 países: EUA, China, Reino Unido, Israel, Emiratos Árabes Unidos, Alemaña, India, Italia, Turquía, España, Francia e Rusia, de acordo coa plataforma de análise de datos Our World in Data, baseado en cifras da Universidade de Oxford.

En toda África Subsahariana apenas deron administrado 25 doses de vacinas en Guinea. Países populosos como Nixeria, con 200 millóns de habitantes, están a espera da primeira dose.

A mesma lea que se viviu a inicios da pandemia cos ventiladores pulmonares, as máscaras e os traxes de protección, sucede agora coas vacinas: acaparamento, sobreprezos e especulación. “Unha carreira inmoral cara ao abismo”, como a catalogou o principal directivo da OMS.

O fondo COVAX, empeño global para facer accesíbeis as vacinas ás nacións máis pobres ou de recursos limitados, anunciou que en febreiro empezará a entregar as primeiras doses (primeiro díxose que en xaneiro), pero recoñece que se viu limitado polos lucrativos acordos de diversas nacións individuais coas firmas farmacéuticas produtoras das vacinas antiCOVID.

O alto custe das vacinas que teñen maior aprobación internacional até agora, foi outro inconvinte. Como sinalou a The Guardian o experto noruegués John-Arne Rottingen,: “A dificultade é que realmente só temos unha aprobación internacional xeneralizada para a comercialización de dúas vacinas: as dúas vacinas de ARNm. O desafío é que unha, a vacina Moderna é moi cara, e a outra, a vacina Pfizer- BioNTech, dispoñíbel no primeiro e agora aplicada en Europa, é moderadamente cara en comparación con outras, e require unha cadea de super frío. O prezo e a cadea de frío fai que non sexan vacinas ideais para administración universal”

Mentres nacións como India e Sudáfrica piden á OMS unha campaña para as farmacéuticas renunciar aos dereitos de propiedade intelectual das vacinas e tratamentos da COVID-19, que permitiría que outros fabricantes cualificados no Sur poidan expandir a produción deses antídotos; países como EUA, Reino Unido e Canadá opuxéronse á iniciativa. Tres nacións ricas que compraron ou reservaron doses abondo para inocular ás súas poboacións polo menos catro veces.

Os países de altos ingresos, representan o 16% da poboación mundial, pero posúen máis do 60% das vacinas compradas até agora. Os países ricos acaparan a maior parte da produción de vacinas.

Algunhas previsións cifran en 27% o total da poboación dos países de ingresos medios e pobres que poderán ser vacinados este ano. O Centro de Innovación en Saúde Global da Universidade de Duke estima que non haberá vacinas abondo para inmunizar á poboación mundial até polo menos 2023.

“O mundo está a piques dun catastrófico fracaso moral e o prezo deste fracaso pagarase con vidas e medios de subsistencia nos países máis pobres”, sentenciou apenado o Dr. Tedros.

O virus da desigualdade

O egoísmo das vacinas é o reflexo exacto dun mundo desigual e inxusto no que uns poucos seguen sendo os grandes beneficiarios da riqueza, para o que miles de millóns reciban o refugallo.

É o “virus da desigualdade” que OXFAM denuncia no seu máis recente informe, no cal evidencia que o errado sistema económico actual “permite que unha elite super-rica continúe acumulando riqueza no medio da maior crise económica desde a Gran Depresión, mentres miles de millóns de persoas enfróntanse a grandes dificultades para saír adiante.”

No entanto os multimillonarios viron incrementar as súas fortunas entre marzo e decembro de 2020 nun volume total de 3,9 millóns de millóns de dólares -para amasar a delirante cifra de 11.95 billóns- os máis pobres do planeta tardarán “máis dunha década para se recuperaren dos impactos económicos da crise” acentuados pola pandemia de COVID-19.

As diferenzas raciais agravaron criticamente. Nos EUA, a nación máis poderosa do planeta, se as taxas de mortalidade fosen iguais ás da poboación branca, preto de 22.000 latinos e negros non terían falecido polo brote do coronavirus. En Brasil, as persoas descendentes de África teñen un 40% máis de probabilidades de morrer por mor da COVID que as persoas brancas.

Unha das conclusións do informe OXFAM é que  “é probábel que a pandemia aumente a desigualdade dunha maneira nunca antes vista”. O Banco Mundial ten alertado que, no contexto actual, máis de 100 millóns de persoas poderían chegar á pobreza extrema.

Os 10 homes máis ricos do mundo viron aumentar seu patrimonio neto en 540.000 millóns de dólares no período de pandemia 2020. A lista encabézana Jeff Bezos e Elon Musk. Tamén inclúe ao director executivo do grupo LVMH, Bernard Arnault; a Bill Gates e ao director executivo de Facebook, Mark Zuckerberg. Segundo OXFAM, co diñeiro que atesouran estes ricos fartos podería evitarse a  pobreza causada polo virus e permitiría garantir unha vacina para apoboación do planeta.

Sol do mundo moral

Entre tanta inequidade e indiferenza, un pequeno arquipélago no Caribe, chamado Cuba, foi quen de enviar a miles de médicos e enfermeiros, nunhas 50 brigadas do Continxente Internacionalista “Henry Reeve”, a máis dunha trintena de países de América Latina e o Caribe, Europa, África e Medio Oriente, para colaborar no combate á mortal enfermidade.

Miles de vidas salvadas ou recuperadas nun escenario de total complexidade son o froito do seu solidario labor. A calidade humana e profesional das persoas que forman parte destas brigadas, supera os problemas máis diversos e deixa unha pegada de afecto, gratitude e exemplo recoñecida por todos.

Ese mesmo país, de escasos recursos económicos pero abundante en talento formado e educado, foi capaz de erixir unha industria bio-farmacéutica de avangarda, que está en condicións de producir 100 millóns de doses da Soberana 02, unha das 4 vacinas nas que traballan seus científicos. Iso permitiría inmunizar a toda a poboación cubana (sería un dos primeiros países en logralo) e dispor de máis de 70 millóns de doses para outros pobos do Sur. Xa hai países interesados en adquirila, como Vietnam, Irán, Venezuela, Paquistán e India, anunciou recentemente o Director Xeral do Instituto Finlay de Vacinas.

Investigadores desa institución traballan con países como Italia e Canadá para avaliar o impacto da Soberana 01 nas persoas que depois de padeceren COVID-19 considéranse en risco de reinfección.

“Nós non somos unha multinacional que conceda preferencia aos réditos (financeiro). Funcionamos ao revés: procuramos saúde e os réditos serán consecuencia, nunca prioridade”, explicou á prensa a pasada semana o Dr. Vicente Vérez, líder do centro principal de investigacións de vacinas en Cuba.

“O noso mundo só pode vencer este virus dunha maneira: unido”, salientou recentemente o Secretario Xeral da ONU. Mágoa que vacinas da solidariedade e da xustiza non puideran ser aplicadas nun planeta dominado polos ricos.

Orixinal publicado por Cubadebate e traducido ao Galego para TSA por Marga Lueiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *