“Xa non preguntan canto tempo lle queda ao socialismo cubano, senón ao imperialismo” (Iroel Sánchez no “Insurgente”)

Insurgente

 Iroel Sánchez coida que por volta de seis décadas de Revolución, xa ninguén cre no gastado debate de canto tempo lle queda ao socialismo cubano porque o que hoxe interesa e cando vai cambiar o imperialismo e a súa política de xenocidio contra o pobo cubano. “Iso é unha vitoria”, di o director de La Pupila Insomne, o medio premiado con milleiros de visitas diarias de todo o mundo pola súa creatividade e coherencia. Sánchez responde a un cuestionario de Insurgente e di que “a definitiva será cando deamos retomado a via do progreso, recuperemos, renovemos e superemos os nosos grandes logros sociais, cambiemos e renovemos o noso funcionamento social e económico para, ao marxe do que fagan os nosos inimigos, atinxir o que o noso pobo merece, recollido na Constitución que fora aprobada en 2019 por máis do 86% do electorado, e para iso, o decisivo será o que fagamos nós, malia que haxa que superar atrancos propios e alleos”.

Iroel Sánchez tratara en Compostela do xornalismo dixital en Cuba. Acompáñao Valentín Alvite, ex-presidente da Francisco Villamil.

-A viaxe do presidente Díaz-Canel novembro pasado a Alxer, Rusia, Turquía e China, que resultados trouxo para a Illa?

 -Permitiu restaurar lazos económicos, tratar subministracións, entre elas de enerxía, abrir oportunidades de investimento, cancelar débedas e retomar créditos. Esenciais para enfrontar os efectos da guerra económica remontada por Trump e prolongada por Biden no medio da pandemia de Covid 19 para deixaren Cuba sen combustíbeis e pecharlle  acceso a finanzamentos e créditos.

 -Trala desaparición física de Fidel, primeiro, e a substitución a Raúl en 2019, a contrarrevolución esperaba o fin do socialismo en Cuba. Mais Díaz-Canel é continuidade e, por enésima vez levaron un chasco os promotores do bloqueo. Como valora o pobo ao presidente?

-O compañeiro Miguel Díaz-Canel non só asumiu o desafío de continuar a obra encabezada por Fidel e Raúl, personalidades dotadas da autoridade histórica que outorga seren protagonistas e líderes da epopea que liberou ao país do xugo estadounidense, derrocou a ditadura batistiana e desenvolveu ao país fronte ao cerco imperialista, senón que houbera enfrontar un agravamento nunca antes visto da guerra híbrida dende Estados Unidos. Aconteceron asemade varias catástrofes naturais e ao tempo padecemos agresións de novo tipo por vía da internet. Veu a pandemia, e accidentes maiores onde Cuba mostrou a súa determinación, intelixencia, firmeza e preparación para, nas máis difíciles circunstancias, artellar as forzas revolucionarias para dar solución a moi complexas problemáticas, varias delas inéditas, e manter entre adversidades o que Diaz-Canel chamou resistencia creativa. Ese alarde de traballo e a súa sensibilidade para estar perto da xente máis necesitada cando hai apuro, gañáronlle o aprecio da maioría malia a encarnizada guerra psicolóxica, pagada por EUA para desacreditalo con manipulacións e mentiras, nomeadamente nas redes dixitais.

 -Ao Internet inzar en Cuba, desatouse unha nova guerra contra a Revolución a través das redes sociais. Como pode Cuba dar resposta esa nova fronte?

A preparación para esa guerra require, ao meu ver, tres elementos básicos nos que nos queda moito por andar: 1º Formación dunha cultura crítica a escala masiva que permita a cada persoa orientarse e discriminar información de desinformación nas redes. 2º Creación a nivel individual e colectivo de habelencias para aproveitar ao máximo as posibilidades que brindan os dispositivos tecnolóxicos e a Rede para a creación e circulación de contidos de calidade nas redes. 3º Articulación efectiva e permanente de todas as forzas para defendermos a Revolución nas redes. Para logralo é imprescindible entrelazar o papel do sistema educativo, os medios de comunicación, as institucións estatais e as organizacións sociais, políticas e de masas. Algo se alcanzou cando provocamos o fracaso de campañas nas redes que teñen detrás laboratorios de guerra psicolóxica, millóns de dólares, plataformas tecnolóxicas que, como se revelou por medios como The Intercept, predican, censuran e promoven contidos ditados por instancias do goberno dos EUA. Porén falta unha enormidade por avanzar na preparación de toda a sociedade para un uso culto, crítico, creativo, humanista e solidario desas ferramentas.

-Cuba asumiu en xaneiro a presidencia do Grupo dos 77 máis China.

Que 134 países escollan Cuba para presidir o grupo é, antes de máis, un recoñecemento para un goberno que os EUA cualifican de inimigo público e promotor do terrorismo. Os países que votaron por Cuba queren intervir contra as desigualdades económicas internacionais que golpean as aspiracións de desenvolvemento da inmensa maioría das nacións. O feito de un país que impulsou fortemente a cooperación Sur-Sur en educación e saúde, como é o caso de Cuba, graduando nas súas universidades decenas de miles de profesionais do Terceiro Mundo, enviando brigadas médicas a 74 países, liderar o Grupo dos 77 mais China, é unha esperanza para a cooperación que tantos necesitan. Temas que afectan sempre as nacións máis pobres, coma o cambio climático, o baixo nivel de recursos de crédito para creceren, ou a débeda externa, precisan dun pulo. Para os países do Sur, Cuba xogou un activo papel de denuncia e concertación, razón adicional pola que seguramente esa elección é ben recibida polos membros do grupo. Igualmente, o desenvolvemento bio-tecnolóxico cubano, demostrado na súa capacidade para producir tres vacinas contra a Covid 19 dá un atractivo adicional ao anunciado cume sobre ciencia, tecnoloxía e innovación como premisa para o desenvolvemento e o enfrontamento a futuras pandemias, a celebrar na Habana no ano que andamos.

-A radicalidade da Revolución cubana corresponde a un contexto histórico e a unha época concreta.

Cada país e cada época ten características propias e dacordo con elas actúan os revolucionarios para transformaren a realidade. Quen deu avanzado máis profundamente na demolición das estruturas de dominación do imperialismo e na intervención do control dos nosos países polas oligarquías nacionais, transformaron a longo prazo a beneficio dos seus pobos. Eis o caso de Venezuela, Nicaragua e tamén Bolivia, onde a represión máis brutal non puido evitar o rápido regreso das forzas populares ao goberno; os actuais procesos xurídicos aos golpistas, revelan unha toma de conciencia contra a impunidade, combinando a forza da Lei coa mobilización popular. Noutros países, a facilidade coa que se operaron retrocesos revela a fraxilidade das transformacións realizadas, polo seu carácter non estrutural, ao non aproveitar os momentos de alta popularidade e consenso para levar adiante, apoiados nunha gran mobilización popular, a destrución do aparello do estado burgués, que chamaba Lenin en O Estado e a Revolución. O sucedido brinda duras leccións que seguramente foron aprendidas. Porén, non nos toca aos revolucionarios cubanos cualificar nin dar receitas, ese foi sempre o método de Fidel e segue sendo o da dirección cubana hoxe.

 -Pode haber quen entenda a boafé que o do bloqueo non é atranco obxectivo senón andrómena para escusar os problemas de Cuba.

Quen tal pense, debería atender razóns elementais: se for o bloqueo unha escusa, por que non quitalo e deixar ao goberno cubano sen bloqueo para que fique a vista de todos a súa responsabilidade das carencias. A verdade é que cando Cuba procura desenvolver unha vía de ingresos que pase por riba do bloqueo, o goberno do EUA fai algo para impedilo e case sempre mediante seu poderío imperial, por riba da  relación bilateral. Así foi co Investimento Estranxeiro e a Lei Helms-Burton, coas remesas e as barreiras que puxo Trump ao turismo, os atrancos para os viaxeiros europeos que visitan Cuba entrar nos EUA Estados ou a campaña contra os acordos de colaboración médica cubana; e a lista continúa. EUA é a maior economía do mundo, o mercado natural de Centroamérica e Caribe, a que pertence Cuba. Cantos días sobreviviría calquera goberno desa rexión fronte medidas como as que Washington aplica á Habana? Todo iso sen sumar as consecuencias da decisión de Trump, que Biden mantén, de incluir Cuba na “lista de países patrocinadores do terrorismo”, o que fai que calquera transacción bancaria que leve o nome da illa sexa bloqueada de maneira automática, xa non desde Estados Unidos, senón practicamente desde calquera país. Repito: quen teña dúbidas do que significa ese bloqueo para a economía cubana, que o imaxine aplicado a outro veciño dos EUA e así terá unha idea de se é unha xustificación, ou un feito real e concreto que dana a eito o desempeño económico cubano. Outro asunto é coidar que todo o que facemos en Cuba é perfecto e que non cometemos erros, o que unha parte deses erros non están inducidos polo bloqueo; a dirección revolucionaria non deixa de criticar burocratismos que agravan os males do bloqueo, que é, sen dúbida, o principal condicionante de gran parte da actividade económica e social na illa.

-Dinque Cuba é unha ditadura e que demócratas son os que votan arreo no capitalismo sen seren atendidos.

A democracia liberal que nos venden como modelo está concibida para a reprodución do sistema capitalista, mais cando, con todo, chega ao Goberno, por mor do desgaste do propio sistema e da mobilización popular, unha alternativa que pode significar unha amenza aos intereses oligárquicos, os outros poderes dan golpes xudiciais, mediáticos, parlamentarios e até militares en defensa do que coidan debe ser a orde natural das cousas. Non che hai procedemento vedado:  o asasinato dun candidato, a cadea inxusta para outro, a manu militari, ou a ameaza dos bancos. Para o capital, democracia é unicamente eleccións nas que interveñen de maneira decisiva o diñeiro e os medios de comunicación, nunca en poder das maiorías senón sempre dependentes de anunciantes e accionistas. Son procesos realizados no medio de desigualdades económicas, educativas, culturais, de comunicación, onde representantes das elites económicas organizados en partidos dirimen diferenzas en público para obteren primeiro financiamento, e despois votos. En Cuba, sen intervención do diñeiro nin de partido algún, son os veciños, organizados en asembleas de base, quen nomea candidatos; a seguir nunha boleta en cada circunscrición e por voto secreto, elixen un delegado á Asemblea Municipal, que é o máximo órgano de poder en cada territorio. É esa Asemblea Municipal, conformada por delegados electos directamente polo pobo, non a elite dun partido que fai listas en dependencia dos seus intereses e financistas, quen vota por unha candidatura a deputados á Asemblea Nacional pola que novamente deberá votar o pobo de maneira directa e secreta para conformar os máximos poderes da nación. Sistema aínda perfectíbel, se cadra, pero é o dun país sen analfabetismo, con nove graos de ensino obrigatorios, onde a saúde e educación son garantías universais e os cidadáns non deben pagar co seu voto favores aos políticos para o acceso a eses servizos, como acontecía antes de 1959 e segue ocorrendo en moitos países. O exercicio electoral cubano está máis próximo do ideal democrático que propugnan e non practican os que agriden Cuba. E a maiores de eleccións, a sociedade cubana ten moitas outras formas de participación democrática superiores ás do capitalismo, en defensa dos dereitos dos traballadores, dos estudantes, dos habitantes das comunidades, Unha participación que, malia adoecer por veces formalismos e desviacións na prática concreta, nada ten que ver coas deformacións que provocan os intereses económicos que corrompen e dominan a política na maioría das sociedades capitalistas.

Tradución ao galego de Isolina Couso para TSA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *