A Xunta do PP muda a súa política para Cuba depois da UE e da visita de Obama

Albino Presedo – Terra Sen Amos – Habana

A Xunta anunciou na Habana un cambio positivo da súa política para Cuba con dúas circunstáncias novas presentadas polo presidente Núñez Feijoo ao termo da súa entrevista con Raúl Castro, 28 de maio. A primeira é a re-negociación da débeda que Cuba tiña con España, coa condonación do 80% do total, acordada  a comezos do ano en curso; a segunda, un programa de intencións de negocios con Galiza nos eidos da bio-tecnoloxía, a xeneración de enerxía, as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) o transporte e o turismo. O presidente da Xunta arrogouse protagonismo personal na reconsideración da política do PP para Cuba e afirmou que a lóxica consecuéncia era “comezar facendo negocios con Galicia”. Na realidade,  a nova liña da Xunta do PP con Cuba chega depois da visita a illa de mandatários de Francia, Reino Unido, Austria, Holanda, Itália, Dinamarca, Rúsia, o Estado do Vaticano, a Igrexa Ortodoxa Rusa, China  e Vietnam, entre outros, amais da viaxe de Barak Obama a Habana. A España, terceiro sócio comercial de Cuba, cántalle o galo con tanto retraso que é o seu sector financeiro quen acaba criticando a teima reaccionária de Rajoy con Cuba, depois da colosal chafallada diplomática de García Margallo en febreiro pasado, cando houbera de regresar en taxi e sen bandeiras nin escolta ao aeroporto José Martí. O ministro de Exteriores de Rajoy pretendia mostrar a Cuba como se transita da dictadura á Democracia.

 

Feijoo remenda a súa política para Cuba baixo a mirada do Ché e con flores a Martí. Foto fornecida pola Xunta.
Feijoo troca seus aldraxes a Cuba por flores a Martí, baixo a mirada do Ché. ( Foto fornecida pola Xunta)

O xornalista David Lombao recorda en Praza Pública a teimosía coa que o PP de Galiza reclamaba a Emilio Pérez Touriño en 2007 unha condena clara do governo de Cuba: “Feijoo acusaba a Touriño de perder  a oportunidade de realizar un xesto máis concreto co pobo cubano, apoiando as ansias de democracia e liberdade, e recordaba que non era incompatibel manter e profundar as relacións coas autoridades cubanas cun posicionamento claro en favor da liberdade, da democracia e dos dereitos humanos en Cuba”. O PP non aforrara epítetos no Parlamento contra o governo de Pérez Touriño por non ter dado, na súa visita a Habana, plena preferéncia a oposición. “O actual presidente do Porto de Vigo, Enrique López Veiga, -relata Lombao- levaba ao Parlamento unha emenda a unha iniciativa apoiada por PSdeG e BNG para condenar o Bloqueo dos EUA contra Cuba. López Veiga reprochaba á Xunta que non defendese “o respecto aos dereitos humanos” ao ter como referentes “Afganistán, Cuba e Venezuela”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará