“O Che representa a loita dos desherdados da terra contra a inxustiza” (Xacinto Barreiro)

Daniel Seixo – Nueva Revolución

O profesor Xacinto Barreiro, que ten tratado a importancia da Revolución Cubana na resistencia de América Latina contra o imperialismo, expón nesta entrevista, realizada por Daniel Seixo para Nueva Revolución, a permanencia da figura do Che cando se cumpren 53 anos do seu asasinato en Bolivia. Barreiro fala do internacionalismo da Revolución Cubana,  na que se revela o compromiso lúcido de Guevara e a súa denuncia da cobiza  continental proclamada por Woodrow Wilson (1913 a 1921) quen afirmara que os EUA tiñan dereito a defenderen “seus intereses por riba da integridade latinoamericana”.

“Cincuenta e tres anos pasaron desque fora asasinado en Bolivia, mais a súa figura heroica está viva”, recórdanos Xacinto Barreiro.

53 despois, que queda do pensamento guevariano na política actual?

Aínda que é imposible de cuantificar, o Che perdura sempre. É o paradigma do revolucionario antiimperialista interesado nos problemas do Terceiro Mundo e é aí onde a súa pegada é máis forte. Moi novo, lera Marx, Engels e Lenin, considerábase marxista-leninista e coidaba que os militantes do marxismo deben dar exemplo, procurar ser os mellores e estar sempre dispostos para a loita. Era un exemplo disto: as súas ideas e a súa acción seguen sendo un exemplo para todos os pobos e, especialmente en América Latina, a súa influencia foi e segue sendo enorme. Mesmo habendo menos movementos guerrilleiros, as ideas do Che perduran en moitos mozos e en todos os procesos de loita. O imperialismo non se sofre coa mesma dureza na Europa, e, mesmo así, a figura do Che pervive como exemplo.

Que diría que herdou Cuba de Ernesto Guevara?

No discurso que pronuncia Fidel Castro na Praza da Revolución, 18 de outubro de 1967 ante un millón de persoas conmocionadas pola morte do Che, pregunta: como queremos que sexan os nosos fillos? E él mesmo responde: “queremos que sexan como o Che. O Che converteuse nun signo dos pioneiros polo comunismo, seremos como o Che!. O Che simboliza os máis altos valores humanos, era unha persoa culta, intelixente, cunha extraordinaria forza de vontade. Era o primeiro en apuntarse ao traballo voluntario e a calquera misión de risco; tiña un absoluto desprezo polo medo. A partir da súa morte, todo o que se fai en Cuba ten que ver co Che. Como diría Fidel: «a nosa nación interesouse tanto por erradicar o analfabetismo e desenvolver a educación para que todos sexan como o Che». Por iso deveu nun mito para a revolución cubana.

Como interpretaría hoxe Ernesto Guevara as experiencias reformistas ensaiadas  en América Latina ou Europa?

O Che sempre se centrou de forma especial no terceiro mundo, nos países mesmo a beira do imperialismo. O seu devezo foi sempre poder participar na organización da guerrilla no seu propio país, Arxentina. «Al imperialismo, ni un tantico así» dicía. Europa ficaba un pouco máis lonxe. Hai un feito histórico que vai afectar especialmente ao equilibrio do mundo, a desaparición a principios do noventa da URSS. A partir de aí o imperialismo yankee é férido, tanto na intervención directa como solapada. Isto leva a práctica desaparición do movemento guerrilleiro e, nalgún caso, como o das FARC, nun desarme pactado que a outra parte do acordo aproveita para asasinar os guerrilleiros protexidos no acordo. Estamos ante as manidas condicións subxectivas e obxectivas:  ás veces danse as condicións obxectivas para o triunfo da revolución mais non se dan as subxectivas, mentres as subxectivas propician, noutros casos, as obxectivas. De todos xeitos, todos os camiños están abertos e estou seguro de que o Che vería con bos ollos a revolución bolivariana, a loita en Chile ou as experiencias electorais do Ecuador, Arxentina, Bolivia ou México. Non creo que o acontecer dos réximes parlamentarios burgueses de Europa lle houbese interesar tanto.

Banalizouse de máis a figura do Che? 

A figura do Che é impoñente… É a pureza revolucionaria, un exemplo a seguir. Precisamente por ese carisma convértese en subversivo e perigoso e por iso a burguesía, o capitalismo, quer asimilalo para o manipular ao seu antollo, coma icona romántica de ideas imposíbeis de levar á práctica. Pretende convertelo nun obxecto máis de consumo. Todo isto busca  baleiralo de contido ideolóxico. Tamén hai que dicir que, nalgún sector dos chamados progresistas, xulgábase ao Che como un idealista e incidíase na súa acción guerrilleira como algo erróneo, aínda que sabemos que os que así o xulgaban descoñecían o seu pensamento e quedaban nunha análise propia do reformismo burgués.

En Cuba recordan que o Che dicía o que pensaba e facía o que dicía. Quedan hoxe liderados políticos con eses mesmos valores?

Conta Fidel Castro que cando os detiveran en México mentres preparaban a expedición do Granma, no interrogatorio preguntáronlle ao Che si era comunista e el respondeu afirmativamente. Daquela levárono ante un fiscal e o Che acabou discutindo con el sobre o culto á personalidade atribuído a Stalin. Eis o Che, unha persoa íntegra e de enormes valores morais, nobre e desinteresado. Seriamos pesimistas si pensásemos que non pode haber no mundo máis persoas coma el, pero tamén debemos considerar que o mundo actual non é igual ao de hai 53 anos. Ao Che, proíalle de tal xeito a inacción política, que as veces había que frear a súa impaciencia revolucionaria. A situación social non é a mesma e as condicións subxectivas non propician a aparición de figuras como o Che.

Empatía, solidariedade , humanismo, que queda na militancia actual dese home novo que exemplificaba o Che?

Ao analizarmos a figura do Che, debemos ter conta de dúas perspectivas distintas, a europea e a latinoamericana: a primeira representa o vello espírito colonial, e a latinoamericana a visión desde a terra. A cultura do consumo, sobre todo en Europa, lévanos a un mundo máis individualista, menos humano, falto de militancia, solidariedade e axuda mutua. O tecido social vai formando as identidades dun colectivo e a militancia non forma parte, tanto como antes, deses valores. Toda esta anomia social leva á despolitización da sociedade, aínda que sempre debemos pensar que segue habendo persoas coma o Che, persoas privadas de visibilidade por certas condicións subxectivas.

Como definirías esas condicións?

Estamos a vivir unha época de confusión, pero dunha confusión deliberada. Trátase precisamente de confundir á xente e lograr manipulala, chegando mesmo a manipular a figura de líderes coma o Che que ten unha traxectoria diáfana e resistente.

O Che visitara 18 de xuño de 1959 a Franxa de Gaza, que importancia ten hoxe a súa figura para as loitas internacionalistas?

Se hai un país solidario e internacionalista, ese é Cuba. Mesmo nestes duros momentos de pandemia, foi o único país que enviou brigadas médicas aos países chamados desenvolvidos. A visita á Franxa de Gaza é moi significativa. Palestina, un cárcere ao aire libre, é o exemplo dun país sometido na súa propia terra polo colonialismo dun país artificial, Israel, co apoio do imperio Yankee. O Che é unha referencia internacionalista. Desde o primeiro momento preocúpase polos problemas do terceiro mundo: está nas reunións do Movemento de Países non Aliñados, na conferencia de Bandung, vese con Zhou Enlai, Nehru, Nasser, Sukarno… Desde mozo, coas súas ideas marxistas, viaxara por Latinoamérica só e en compañía do seu amigo Alberto Granados. Ademais de coñecer toda a xeografía do continente, estivo en Bolivia, onde en 1952 hai un gran movemento obreiro e campesiño. En 1954 está en Guatemala, onde ten lugar o derrocamento do goberno progresista electo de Jacobo Árbenz ,que pretendendo unha reforma agraria, fora derrocado por unha invasión yankee propiciada pola United Fruit Company que tiña intereses capitais naquelas terras. Diríxese a México onde se prepara a expedición do Gramna para iniciar a revolución en Cuba; anos despois do triunfo da revolución, Fidel proponlle a misión no Congo para axudar a Lumumba contra Mobutu e os mercenarios europeos. A súa vida termina coa misión en Bolivia. Se hai un exemplo de internacionalismo, ese é o Che.

A figura de Óscar Fernández Mel resulta de vital importancia para coñecer as estreitas relacións culturais e políticas entre Galiza e Cuba. En que situación atópanse hoxe esas relacións?

Óscar Fernández Mel foi unha figura fundamental para profundar máis nas relacións entre Cuba e Galiza. Nacido en Cuba de pais lucenses, cando tiña un ano seus pais viaxaron a Galiza e estiveron sete anos ata que en 1937 regresaron a Cuba. Fíxose médico, incorpórase ao movemento 26 de xullo e despois do asalto ao Moncada, á guerrilla. Chegou a ser alcalde da Habana e Xeneral de brigada das Forzas Armadas Revolucionarias. Gran amigo do Che e padriño da súa voda, estivo con el no Congo. Galiza, por razóns históricas debería ter estreitas relacións con Cuba, son moitos os galegos que emigraron a Cuba en diferentes épocas. Grandes personalidades cubanas teñen ascendencia galega: Fidel Castro, Camilo Cienfuegos, Frank Pais, Abel Santamaría… Poderiamos citar a moitos, persoalmente, na miña viaxe a Cuba, puiden comprobar o agarimo que senten os cubanos por Galiza. As relacións de Cuba con Galiza foron profundas e moi importantes desde o punto de vista cultura, o precioso edificio que era o Centro Galego na Habana é hoxe Teatro Nacional; por citar un feito, o himno galego estréase en Cuba. Con todo, hoxe este goberno de Feijoo –de demolición e limpeza étnica, como di Beiras– está a esnaquizar Galiza.

Hai quen responsabiliza ao Che de fusilamentos tralo triunfo da Revolución, que de certo hai nesas acusacións?

Cuba debe pelexar sen descanso contra mentiras e difamacións do imperialismo; simplemente non é verdade esta acusación, tentan inventar algo que manche a figura incólume do Che. Os fusilamentos levados a cabo despois da Revolución, nunca foron decisións persoais, nin dos cargos do goberno, senón sentencias dun consello de guerra. Endebén, Fidel recoñece o erro de facer xuízos públicos contra os que cometeran crimes horrendos, porque a voz do pobo  sempre é máis dura cos culpábeis. Ao Che impactáballe moito a morte dos seus compañeiros de guerrilla, coma a de Eliseo Reyes, o Capitán San Luís, de quen escribe no seu diario aqueles versos de Neruda: «A túa figura pequena, de capitán valente». Era un home dunha fonda humanidade.

Un balance da Figura do Che.

A marabillosa foto de  Alberto Korda está en infinidade de cartazes, camisetas e soportes de toda clase: o Che é unha figura grandiosa, mítica, a personificación dun auténtico revolucionario. É o símbolo da coherencia, a correcta conciencia moral, o desinterese… Ninguén pode ir en contra del, porque representa a loita de todos os desherdados da terra contra a inxustiza. Un visionario. Ferido e desarmado, lévano á Higuera, ao día seguinte 9 de outubro de 1967  e ao medio día, execútano a sangue frío. Aínda hoxe,  campesiños bolivianos van prostrarse naquel lugar.

Texto orixinal: https://nuevarevolucion.es/entrevistamos-a-jacinto-barreiro-la-figura-del-che-se-impondra-siempre/

Tradución ao Galego para Terra Sen Amos, de Rosa Bentraces.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará