O deputado Yañez propón para Cuba un sistema incompatibel coa democracia: o capitalismo

Santiago Alba Rico, Belén Gopegui, Carlos Fernandez Liria, Pascual Serrano

Tempos para reflectir sobre a economía. Despois de algunhas décadas de predominio neoliberal, patrocinado pola escola de Chicago, a economía mundial atópase fronte unha crise de consecuencias imprevisibeis, gravísimas en calquera caso.

O mínimo que se podería pedir ao espírito científico é cambiar o paradigma, inverter as evidencias, reacionar, ao fin, á vista do fracaso intelectual que impediu diagnosticar e prever a catástrofe cando estaba en portas. É iso o que se está a facer? Temos visto versións máis ou menos destrutivas do capitalismo, como tamén do socialismo. Mais na lóxica interna que diferencia un do outro, hai algo que debería hoxe interesarnos vivamente: o socialismo pode deixar de crecer, o capitalismo non. O socialismo pode ralentizar a marcha, o capitalismo non.

Tempos para reflectir sobre a economíaReparemos no exemplo de Cuba. Ao afundir a URSS, Cuba perdeu de vez o 85% do seu comercio exterior. O seu produto interno bruto decreceu nada menos que un 33% en termos absolutos. Podemos afacernos á magnitude da catástrofe lembrando que en Europa cunde o pánico ante a perspectiva de perder un punto no crecemento previsto. Cuba houbo de padecer por riba diso un endurecemento do bloqueo estadounidense. E con todo, ninguén morreu de fame en Cuba e a xente non perdeu os seus zapatos, a súa educación, a súa seguridade social; non perdeu a súa dignidade. Pasárono mal, moi mal, pero non se miraron no fin do mundo como habería acontecer con semellantes indicadores nos países capitalistas.

No medio da comoción actual, cando o capitalismo destrúe corpos en África e postos de traballo en España, cando erosiona sen remedio as condicións de habitabilidade do fogar humano, cando para iso ten ao mesmo tempo que recorrer ao lubricante das mafias, ao estímulo dos integrismos relixiosos, á restrición dos dereitos laborais e ao recorte das liberdades, nese momento, todas as miradas diríxense a Cuba… pero para condenala e vituperala.

E por que? Que foi o que conteceu? Quen ten a marca de mortos nun só día? México. A de sindicalistas e xornalistas asasinados? Colombia. A de pogromos racistas contra inmigrantes? Italia. A de homofobia? Polonia. A marca da xenofobia institucionalizada e das leis raciais? Israel. A do fanatismo relixioso e o machismo criminal? Arabia Saudí. A do control das comunicacións, da suspensión do habeas corpus, da tortura, dos secuestros e asasinatos de civís? EEUU. A dos malos tratos a detidos, de xornalistas e intelectuais procesados, de xornais pechados, de corrupción galopante, de inmigrantes en centros de internamento? España.

Que ven sendo Cuba, no marco deste cadro dantesco, senón un “mal menor”? Tanta atención negativa prestada dende Europa e dende España ao país con menos problemas do planeta -como fixo o deputado Luis Yáñez (Público, 09-01-10)- demostra de sobra, que o que se censura non é o malo de Cuba, senón o que en Cuba se opón a esta lóxica dantesca e aos seus efeitos; é dicir, o que ten precisamente de bon.

Lembran os economistas Jacques Bidet e Gérard Duménil que o que salvou ao capitalismo nas primeiras décadas do século pasado foi a organización; é dicir, a mesma planificación que os liberais identifican arrepiados co socialismo. Gobernos e institucións planificaron sen parar, como seguen planificando agora, aínda que o fixeron para conservaren e aumentaren os seus beneficios e non para conservaren a vida e aumentar o benestar humano.

Pero a planificación é xa, como quería Marx, un feito. Abonda só a cambiar de signo. Nos últimos 60 anos, a minoría organizada que xestiona o capitalismo global viuse apoiada, a unha escala sen precedentes, por toda unha serie de institucións internacionais (o FMI, o Banco Mundial, a OMC, o G-8, o G-20 etc.) que concibiron en liberdade, e aplicado contra todos os obstáculos, políticas de liberalización e privatización da economía mundial.

Vense aos ollos o resultado.

NACIONALIZAR RECURSOS
E se planificásemos ao revés? E se prestásemos un pouco de atención positiva a Cuba? Non probamos aínda a avanzar neste sentido, pero o que intuímos na actualidade é máis ben esperanzador: a partir dunha historia semellante de colonialismo e subdesenvolvemento, o socialismo fixo moito máis por Cuba ca o capitalismo por Haití ou o Congo. Que pasaría se a ONU decidise aplicar a súa carta de DDHH e de Dereitos Sociais? E se a FAO a dirixise un socialista cubano? E se o modelo de intercambio comercial fose a ALBA e non a OMC? E se o Banco do Sur tivese a potencia do FMI? E se todas as institucións internacionais impuxesen aos capitalistas que burlan a Lei programas de axuste estrutural orientados a aumentar o gasto público, nacionalizar os recursos básicos e protexer os dereitos sociais e laborais? E se, por acaso, os seis bancos centrais de Estados poderosos interviñesen masivamente para garantir as vantaxes do socialismo, ameazadas por un furacán?

Podemos dicer que a minoría organizada que xestiona o capitalismo non o permitirá. O que non podemos dicer é que non funcionaría.

Segundo unha recente enquisa de GlobeSpan, a maioría que padece o capitalismo (ata un 74%) aposta xa por outra cousa.

No seu artigo, o deputado Yáñez dicía amar a Cuba e, por iso, desexáballe o mellor: incorporarse ao capitalismo, xusto cando este demostrou o seu fracaso e a súa incompatibilidade co benestar humano e coa democracia, coa dignidade material e co dereito. Nós non amamos a Cuba: respectamos os seus homes e mulleres polo que fixeron e polo que seguen a facer.

Se cadra a Yáñez dalle tranquilidade pensar en Colombia ou en Arabia Saudí. O que é a nós tranquilízanos pensar en Cuba, esa illa onde mesmo os límites, os problemas, os erros da revolución, sinalan inflexibelmente, dende hai 51 anos, a posibilidade histórica dunha superación do capitalismo e a dunha alternativa á barbarie.

(O presente artigo foi publicado simultaneamente no xornal Publico e no diario en rede Rebelion).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará