“O sistema internacional de dominación é o atranco principal na loita contra o VIH-Sida” (Mariela Castro na ONU)

Foro de VIH das Nacións Unidas – Redación de Terra Sen Amos

Mariela Castro Espín denunciou na ONU o dano causado polo bloqueo dos Estados Unidos na batalla de Cuba contra o andácio do Sida en todo o mundo. A deputada cubana, sexóloga e directora do Centro Nacional de Educación Sexual de Cuba (Cenesex) dixo na Asemblea Xeral que a inxustiza do sistema internacional de dominación é o atranco maior para erradicar efectivamente o VIH-Sida, contra o que Cuba avanzou mediante unha revolucionária estratexia integral de desenvolvemento que sitúa ao ser humano no centro dos seus obxectivos. “O bloqueo non nos deu parado, endebén non poida ignorarse o seu dano no devezo noso de cumprir a meta internacional de derrotar a doenza para 2030» dixo a parlamentária. A comunidade internacional ten distinguido repetidamente os sobresaintes resultados de Cuba contra o Sida, unha doenza que ten causado máis de 34 millóns de mortes dende 1981. A seguir reproducimos a intervención de Mariela Castro no foro da ONU.

"A loita contra o Sida implica unha estratexia integral de desenvolvemento que sitúe ao ser humano no centro dos seus obxectivos", di Mariela Castro.
“A loita contra o Sida implica unha estratexia integral de desenvolvemento que sitúe ao ser humano no centro dos seus obxectivos”, di Mariela Castro.

Sendo grandes os avances contra o problema mundial do VIH-Sida desque foi identificado, hai posicións ideolóxicas e políticas que se manteñen a contrafío das contribucións do coñecemento científico e dos consensos internacionais, así como dos dereitos humanos consagrados nos principais instrumentos xurídicos para a atención integral dun problema complexo e multi-causal. O interese global de dar remate á pandemia do VIH-Sida, compromete aos Estados membros da ONU na procura de vieiros novos. Para este fin, o principal atranco é o inxusto sistema internacional imperante, baseado en relacións de dominación.

Na experiencia cubana, a loita contra o VIH-Sida implica unha estratexia integral de desenvolvemento que sitúe ao ser humano no centro dos seus obxectivos, e relacione o crecemento económico co crecemento de bens, servizos e valores culturais/espirituais para elevar e dignificar a condición humana, non para envilecerla. A soberanía nacional realizouse en Cuba como prática dun proxecto de xustiza e equidade social, comezo das transformacións máis profundas e radicais na historia da nación e a súa cultura. É un proceso de metamorfose cultural complexo, propiciador de confrontacións e diálogos entre xeracións, patróns culturais, clases e estratos sociais no que mulleres, nenas, cativos, adolescentes e mozos foron simultáneamente beneficiarios e protagonistas dun proceso de erosión do patriarcado como paradigma de poder.

O enfoque de xénero e dereitos humanos non foi unha opción senón un deber a hora de a Revolución facer e aplicar programas e políticas para garantir o acceso universal e gratuito aos servizos de educación e saúde, sen ningún xénero de discriminación; nin foi unha opción, senón un deber, a asignación de fondos para estes programas. A vontade política é indispensabel para lograr os resultados desexados.

Vinte anos antes da aparición da Sida, a sociedade cubana experimentaba avances nas súas políticas e programas de atención aos dereitos sexuais e reproductivos, coa plena participación do povo. Nese contexto, a ONG Federación de Mulleres Cubana foi adiantada dunha estratexia de educación integral da sexualidade recoñecida como responsabilidade do Estado desde 1975. Unha educación sexual centrada na práctica dos dereitos plenos das mulleres, rapazas, nenos e mozas creou as condicións para avanzar noutros dereitos sexuais e incluír os das persoas LGBTI.

A educación integral da sexualidade, con enfoque de xénero e dereitos humanos, promove relacións de respecto, igualdade de oportunidades, capacidade para tomar decisións propias e un alto sentido de responsabilidade e solidariedade, nas relacións sociais, sobre a base do paradigma emancipador que inspira os procesos de transformación social, e en plena sintonía coas metas que guían á Nación Cubana: soberanía, independéncia, socialismo, democrácia, prosperidade e sostenibilidade.

As evidencias científicas e as boas prácticas sistematizadas en Cuba, proban que a información e a percepción de risco non abondan para mobilizar condutas responsábeis ante esta epidemia, polo que resultou indispensabel a articulación entre varios programas de prevención, promoción de saúde e educación integral da sexualidade, coa participación do Estado e do povo, sobre a base dun dos principios que guía o noso sistema social: ser cultos é o único modo de ser libres.

Diminuír desigualdades sociais e, nomeadamente, eliminar as condicións sociais que xeran estigma, discriminación, exclusión e segmentación social cara ás persoas que viven con VIH e outras poboacións vulnerabilizadas, é condición para pór fin á epidemia. O propósito é non deixar a ninguén atrás, garantir todos os dereitos de todas as persoas. Aínda que haxa vontade política, compre un gran esforzo ideolóxico para romper cun arsenal ben estructurado de complexas relacións de dominación, que sempre, en derradeira instáncia, responden a intereses económicos. A impunidade ante a ocorréncia de delitos de odio, constitúen violacións dos dereitos e da dignidade humana, e son atentados contra a estratéxia, á que se nos convoca, para acelerar o final do VIH-Sida.

A estratexia cubana, como política pública, está dirixida a toda a poboación, e caracterízase pola súa proxección social, intersectorial e comunitaria. Dependendo do comportamento da epidémia, son identificadas como poboacións obxectivo as afectadas por VIH-Sida, as persoas que teñen sexo son parellas do mesmo sexo (HSH), as persoas transexuais, as que son vítimas de explotación sexual e toda a poboación de mozas e mulleres. É unha política de protección e de educación para asumir responsabilidades.

O desenvolvemento dunha estratexia comunicacional e educacional de carácter permanente que alcanza a súa máxima expresión no contexto da celebración internacional do día contra a homofobia e a transfobia, forneceu as bases dunha cultura de respecto cara ás persoas LGBTI, incluíndo as que viven con VIH-Sida.

A protección xurídica do principio de igualdade e non discriminación e a súa inclusión no Código de Traballo en 2013, foi fundamental na garantía dos dereitos de persoas históricamente discriminadas e expresión dos esforzos do Estado cubano para garantir máis xustiza e equidade social. O Partido Comunista de Cuba, nos últimos 5 anos, impulsou políticas específicas sobre o tema; en data recente recoñeceu o principio de non discriminación como elemento fundamental no desenvolvemento social do país, ao tempo que definiu como unha das características fundamentais do ideal da sociedade socialista, o recoñecemento xurídico da igualdade de dereitos e as súas garantías, sobre a base da equidade, inclusión, xustiza social e o enfrontamento a toda forma de discriminación motivada por calquera distinción lesiva á dignidade humana, incluíndo o xénero, a orientación sexual e a identidade de xénero. En Cuba, a penalización da transmisión non intencional do VIH, non se deu xamais e desde fai vinte anos non se criminaliza ningunha expresión sexual.

A eliminación do andácio da Sida é asunto de dereitos humanos, amáis de problema de saúde. Avanzar para a súa derrota, é fundamental para atinxir o desenvolvemento sostibel da humanidade. Todas as formas de violencia e dominación constitúen violación de dereitos. É responsabilidade dos Estados e dos povos promover cambios neste sentido. Se aceptamos esta convocatoria é porque temos o compromiso de realizala e porque sabemos que existen os recursos para logralo sen deixar a ninguén atrás.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *