Un comandante de Oriente Próximo

Iroel  Sánchez Espinosa – “La pupila insomne” – (Traducción de Merchi Santiago para Terra Sen Amos)

Os gobernos de Irán e Qatar son adversarios nos delongados conflitos de Oriente Medio o que non impediu que altos representantes deses  estados -o Vicepresidente iraniano e o Emir pai de Qatar- estiveran presentes e interviran, na homenaxe póstuma a Fidel Castro na Praza da Revolución da Habana. Outra nación de maioría musulmá, Alxer, endebén moito máis secularizada ca Irán y Qatar, tamén tomou parte no acto na persoa do seu Vice-presidente para resaltar as virtudes do líder da Revolución cubana.

O primeiro ministro alxeriano Ahmed Ben Bella departe con Fidel e Raúl; a dereita deles, o presidente Osvaldo Dorticós Torrado. A imaxe é de outubro de 1963.
O primeiro ministro alxeriano Ahmed Ben Bella departe con Fidel e Raúl; a dereita deles, o presidente Osvaldo Dorticós Torrado. A imaxe é de outubro de 1963.

Entre tanto escrito sobre Fidel nos grandes medios, dende finais de novembro, chamou a atención de poucos que nunha rexión tan distinta culturalmente de Cuba, onde está presente a influencia estadounidense de maneira relevante nas últimas décadas, o líder cubano alcance a admiración dende escenarios moitas veces contrapostos, onde probablemente a relación de respecto con Cuba sexa unha das poucas coincidencias.

O Emir pai de Qatar daba nas súas palabras unha causa, con matices, común a todos eses países: o histórico apoio da Revolución cubana ás reivindicacións do Pobo Palestino para construír o seu propio Estado dentro das fronteiras anteriores a 1967, con capital en Xerusalén  oriental. Esa postura non variou logo do proceso aberto 17 de decembro de 2014, o que sucedeu é que lonxe de  facer concesións para congraciarse con Estados Unidos e o seu principal aliado en Oriente medio, Israel, Cuba reiterou en todos os foros internacionais a lealdade fundada por Fidel en relación con este tema.

A maiores, son moitos os palestinos que recibiron formación profesional en Cuba, como tamén sucede con outros mozos procedentes de países árabes, en especial os da República Árabe Saharauí Democrática, feito que deu lugar a un novo xentilicio: cubarahui.

Nos campamentos de refuxiados saharauís sempre contaron con médicos cubanos. Unha colaboración presente noutros  territorios da rexión, como antes fora o envio de médicos a Alxeria  para iniciar a hoxe lendaria axuda da medicina cubana a países do Terceiro Mundo. Cando a metade dos profesionais da saúde existentes en Cuba emigraran ao triunfo da Revolución, alentados por Estados Unidos, dende A Habana chegaron a Alxer  os médicos cubanos para ocuparse do pobo alxeriano cuxa atención sanitaria fora abandonada polos derrotados colonialistas franceses.

Pero hai máis razóns. Cando estalou o conflito entre Irán e Iraq, despois de Estados Unidos aventar o lume co ánimo de derrocar a Revolución islámica que sacou do poder ao seu amigo o Xa en Teherán, Fidel comprometeuse a fondo na procura dunha saída pacífica. Igualmente deulle prestixio cando en 1991 Cuba condenou na ONU a invasión e a anexión de Kuwait por Iraq  e tamén o bloqueo e a intervención militar liderados por Estados Unidos que tomaron como pretexto a irresponsabel acción iraquí.

Diante dos atentados do 11 de setembro de 2001, que terminarían, en nome  da  chamada “guerra contra o terror”, transfomando o Oriente Medio e o Norte de África nun inferno de violencia e caos humanitario, Fidel alertou que a guerra non era a resposta. Na tarde dese fatídico día,  afirmou:

“Este feito  tan insólito debería servir para crear a loita internacional contra o terrorismo; pero a loita internacional contra o terrorismo non se resolve eliminando a un terrorista por aquí e outro por alá; matando aquí e alá, usando os mesmos métodos dos terroristas e sacrificando vidas inocentes. Resólvese pondo fin, entre outras cousas, ao terrorismo de Estado e outras formas infames de matar”

Atendendo tan visionaria recomendación teríanse salvado ben de vidas. Puideron máis as ambicións norteamericanas por controlar as fontes enerxéticas estratéxicas situadas en Oriente Medio.

O certo é que nunha zona tan complexa, diversa e convulsa, poucas figuras gozaron e gozan do consenso de Fidel Castro e a razón é que soubo unir os seus pobos con aquela universalidade de José Martí que foi o seu mestre e ensinouno a sentir como propia calquera causa xusta por distante que estivese da xeografía cubana:

“Escasos, como os montes, son os homes que saben mirar desde eles, e senten con entrañas de nación, ou de humanidade.”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará